Por X.M. Fernández | Castro Caldelas | 18/01/2019 | Actualizada ás 11:45
Xa está todo listo para que este sábado, entre lusco e fusco, estoure o foguete que dea o visto e prace para que a procesión de fachós prendidos con lume percorran o casco vello de Castro Caldelas. Un gran fachón, que este ano chegará aos 40 metros de lonxitude, encabezado pola figura de San Sebastián feito tamén de palla, guiará a comitiva composta por nada máis e nada menos que 500 fachós pequenos portados por veciñas, veciños e outros voluntarios e voluntarias que se atrevan a levalos con de xeito responsable.
Como outras tantas tradicións relacionadas co lume, lume festivo e non incendiario enténdese, a “Festa dos Fachós” ten unha orixe pagá e disque no ano 1763 apareceu a primeira referencia escrita. Vicente Risco relacionaba a festa cos ritos celtas de culto ao sol, cando este desaparece préndense os fachós para volver recuperar a luz e o calor do astro rei.
Pero hai máis teorías sobre a súa orixe, unha delas sinala que se pode tratar dunha mera expresión de liberación do pobo, sobre todo nesta época do ano na que moitas tarefas agrarias remataron, as colleitas están ao abrigo e a matanza feita. E claro, dadas estas condicións, os labregos e gandeiros poden permitirse certa relaxación para facer unha festa de celebración na que se aproveite tamén para pedir que o ano novo veña bon. E outra, quizais pouco verosímil, indica que a procesión reproduce a busca dos cristiáns, de noite e cos fachós, do mártir San Sebastián, patrón de Castro Caldelas.
Abondando en hipóteses, outra moi plausible apunta ao século XVII cando un andazo de cólera se cebou coa comarca caldelá e veciñas e veciños mobilizáronse para buscar solución. Decidiron facer unha gran procesión pregándolle a San Sebastián que intercedera e rematara coa enfermidade co cal percorreron a vila con fachós e queimaron as pertenzas dos apestados nunha gran fogueira final. E disque o poder purificador do lume puido atallar a gran peste que lles caira enriba co cal quedou no imaxinario popular ese sentimento de débeda para co valedor San Sebastián.
En calquera caso, o día 19 ao escurecer comezará a procesión de fachós que ten como punto de saída e de chegada o adro da antiga igrexa parroquial de San Sebastián e Santa Isabel, lugar este onde se depositarán despois os restos do gran fachón e dos fachós pequenos nunha gran fogueira que arderá durante horas. Ao redor do lume formarase unha gran foliada e os presentes poderán degustar bolo preñado, viño e bica para repoñer forzas e continuar a festa polos bares da vila.
A organización cóntanos que este ano o “gran fachón” alcanzará os 40 metros de lonxitude e que, tanto na elaboración deste como da figura de San Sebastián que vai enriba encabezando o mesmo, traballaron con gran dedicación, esforzo e ilusión moitas mozas e mozos da vila. A maiores, tamén se elaboraron uns 500 fachós pequenos para a comitiva de acompañamento. No apartado gastronómico din que teñen preparados 6.000 bolos preñados, outras tantas racións de bica de Castro Caldelas, 600 litros de viño da Ribeira Sacra e 200 litros de queimada que se fará ao rematar de dar os chourizos asados con leña de carballo.
A previsión é que a festa empece ás 19.30 h. e como este ano cadra en sábado espérase unha afluencia masiva, motivo polo cal reforzaron a organización con 150 persoas e terán o apoio de Protección Civil para que todo vaia ben, non haxa incidencias e todo o mundo estea ben atendido.
Actividades paralelas en Castro Caldelas
O sábado pola mañá, ás 11:30 h. terá lugar o IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas (1ª Fase). Presenta o acto Luís Rial, decano do periodismo radiofónico de Galicia, e farase na memoria dos Trabazos de Castro Caldelas.
Ademais do evento anterior, o concello organiza outras actividades para apoiar que a Festa dos Fachós sexa declarada de “Interese Turístico de Galicia”. Por unha banda, un concurso de debuxo e outro fotográfico sobre esta celebración coa intención de fomentar a creatividade e promover a diversidade, riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio. E por outra, unha exposición baixo o título “A etnografía e os fotógrafos” que se pode visitar nas instalacións do castelo e que reúne a máis de 20 fotógrafos. Entre eles, Xosé Vázquez Arias “O Rizo”, de gran sona no seu tempo en case toda a provincia de Ourense e que viviu en Castro Caldelas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.