Unha veciñanza unida para impedir un macrovertedoiro en Teo

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos celebrou este venres unha asemblea na que se ratificou o apoio da cidadanía ao traballo do colectivo. As últimas actuacións dirixíronse a pedir cambios lexislativos para imposibilitar a instalación dunha planta de residuos "encuberta" baixo un proxecto de restauración da canteira

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/01/2019 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos celebrou onte, venres 18 de xaneiro unha asemblea que xuntou á veciñanza e que confirmou o apoio cidadán ao traballo da asociación. O colectivo dirixe os seus esforzos a impedir a instalación dun "macrovertedoiro encuberto" na antiga canteira de Casalonga (Teo - A Coruña). Logo de dúas "vitorias" que conseguiron frear o proxecto, prepáranse para seguir a batalla ante posibles movementos da empresa dona dos terreos.

Unha votación na asemblea da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos
Unha votación na asemblea da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos | Fonte: Cedida

Segundo explican dende a plataforma, o evento tivo lugar ás 20.30h de onte nos baixos do restaurante San Martiño, onde "numerosos asistentes lexitimaron á coordinadora" e aprobaron a pertenza da entidade á rede de plataformas Compostela-Ulla-Tambre.

Dito colectivo naceu hai 8 meses, momento no que os habitantes do concello de Teo coñeceron o proxecto para o establecemento dunha planta de residuos de "dimensións espectaculares" na canteira de Casalonga, "unha zona restaurada pola natureza e con núcleos de poboación a escasos metros", segundo sinalan dende a Plataforma. 

Os veciños afaenáronse dende o primeiro momento en expresar a súa oposición a tal proposta. "Imposible pasar por este lugar sen ver os centos de pancartas rexeitando a súa instalación", relatan. Precisamente os continuos xestos de desacordo ante eses plans foron os que conseguiron poñerlles freos.

DÚAS "VITORIAS", Á ESPERA DA DEFINITIVA

Deste xeito, as accións ao respecto estiveron ben presentes. De festivais reivindicativos ata cadeas humanas, pasando por escritos remitidos ao Ministerio; estes oito meses de vida da asociación estiveron cheos de actividades.

A primeira mostra disto foi unha andaina organizada o 17 de xuño, con resultado de "asistencia masiva". Tamén se levaron a cabo charlas informativas para manter o diálogo co Concello, cos partidos políticos e con outras plataformas. O festival "DesPlanta Sons", celebrado durante as festas do Carmelo, foi a segunda visibilización da resposta cidadá. Nel, artistas e empresas da zona "arrimaron o ombreiro poñendo o seu traballo á disposición da plataforma".

As continuas protestas cidadáns lograron parar a instalación da planta de tratamento de residuos, unha "primeira vitoria", pero aos poucos días a empresa dona dos terreos anunciou un plan de restauración da canteira que, segundo os integrantes da plataforma, "camuflaba" a instalación dun macrovertedoiro cunha capacidade de 9.000 toneladas de residuos.

De novo, a protesta social foi contudente: habitantes da contorna formaron unha cadea humana de 2 quilómetros que cercou a canteira. "Diálogos continuos cos grupos políticos e con outras plataformas, panos e mandís enchendo a feira do San Martiño, presentacións de escritos pedindo cambios lexislativos a nivel do Concello, autonómico e estatal, e outras accións conseguiron frear a instalación do vertedoiro encuberto", aplauden.

Esas accións conseguiron, de novo, frear a instalación dese "vertedoiro encuberto". Considérano, entón, unha "segunda vitoria" que, porén, aínda non ven definitiva. Á espera dun novo paso por parte da empresa, a veciñanza prepárase para seguir loitando. "Sempre que a empresa presente algo, como sabemos as súas intencións reais, vainos ter en fronte", sentenciou un integrante da plataforma no peche da asemblea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta