Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2019 | Actualizada ás 13:03
Este domingo haberá concentracións contra o Campionato de España de Caza do Raposo en sete cidades de todo o país, entre elas A Coruña. Baixo a lema 'Nin trofeo, nin alimaña. Raposo vivo, non á caza', o colectivo antiespecista Free Fox convocou mobilizacións para "sensibilizar da crueldade desta práctica cinexética".
Nun comunicado de prensa, o colectivo detallou que as concentracións terán lugar en Madrid, A Coruña, Alacante, Xixón, Barcelona, Valencia e Zaragoza, ás 12,00 da mañá, contra o campionato que se celebra en Galicia en xaneiro e febreiro.
Free Fox denunciou que "nas últimas seis tempadas" abatéronse en Galicia "máis de 75.700 raposos", e que en 2018 "a Xunta financiou ao lobby cinexético con máis de 141.200 euros, dos cales 35.700 foron destinados en exclusiva a financiar este campionato". No entanto, o colectivo sinalou que "non é unha práctica exclusiva" de Galicia, e que no conxunto de España cázanse "uns 200.000 exemplares ao ano".
Ademais, subliñou que "a caza é só negocio e lecer e que non existe ningunha xestión do medio". "De nada serve lamentarse ou enfadarse, temos que opornos activamente contra todas as formas de malos tratos e explotación social", remata o comunicado.
INCUMPRIMENTO DE TRES LEIS AUTONÓMICAS
Por outra banda, a Asociación Animalista Libera! e a Fundación Franz Weber (FFW) emitiron un comunicado conxunto no que se sinala que nas matanzas de raposos que este sábado se celebran en Muros e Carnota (A Coruña) incumpriríanse tres leis autonómicas".
A primeira delas, A Lei de Urxencias de Galicia 2007, que, segundo os animalistas, recolle o dereito de "ser informados os riscos que poidan afectarlles e das consecuencias dos mesmos que sexan previsibles", unha circunstancia que, aseguraron, "non se deu en ningún dos dous municipios afectados, xa que a localización desta pseudocompetición non foi divulgado por canles oficiais".
En segundo lugar, Libera e FFW denunciaron que se incumpriu a Lei de Caza no seu apartado sobre "competicións cinexéticas", porque "obriga a anunciar cada proba con antelación suficiente e co seu preceptivo programa".
Para rematar, incumpriuse, segundo estas asociacións, a Lei do Deporte de Galicia, na que se obriga a dispor "das medidas necesarias para a seguridade e a prevención da violencia dos participantes e persoas espectadoras".
Ademais, Libera e FFW lamentaron que "a Xunta faga caso omiso" ás advertencias que fixeron chegar diferentes asociacións, e que "segue consentindo unha actividade rexeitada socialmente e que foi cuestionada polos propios municipios onde se realiza".
Na mesma liña que Free Fox, criticaron que o Executivo autonómico "siga dando amparo a unhas prácticas que non contan co aval científico e cuxos únicos documentos supostamente censales foron elaborados por persoal vinculado co propio lobby procaza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.