Por E.P. | Santiago de Compostel | 28/01/2019 | Actualizada ás 12:17
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber mostraron este luns a súa "preocupación polo número de varamentos de cetáceos documentado" nas costas galegas nas últimas semanas e pediron "máxima colaboración" ás administracións no desenvolvemento de accións preventivas, así como un centro de fauna mariña.
Segundo unha investigación da Whale and Dolphin Conservation Society, explicaron estas asociacións, "estímase que unha de cada tres baleas morre no planeta por mor de colisións con barcos", o que, ao seu xuízo, "poderíase previr establecendo medidas obrigatorias para, por exemplo, modificar a velocidade das embarcacións, tal e como xa existe en Chile cunha lei pioneira que pretende protexer aos cetáceos".
Os animalistas advirten de que en Galicia, a pesar das "continuadas promesas da Xunta" nos últimos anos, "segue sen existir un centro de recuperación de fauna mariña". Así, avanzaron que retoman a súa campaña para "lograr un recinto destas características a través dun proceso de reconversión".
FFW e LIBERA! suxeriron reformular o acuario municipal da Coruña como sede destas operacións de rehabilitación, rescate e prevención, que "serviría tamén para desenvolver programas educativos ao conxunto da cidadanía, resultando un proceso máis económico que construír unha instalación desde cero", consideran.
Ademais, os defensores dos animais sinalan que para lograr esta proposta "requírese cooperación entre administracións", desde a local ao Goberno central, e poñen como exemplo a creación e funcionamento do "CRAM, un centro de recuperación pioneiro de Cataluña que facilita a reintrodución no mar Mediterráneo de decenas de especies cada ano".
Ambos colectivos consideran que a Xunta "debería pactar co Goberno central o desenvolvemento de medidas preventivas", así como "campañas de sensibilización para evitar a explotación do espazo mariño, as verteduras continuadas de plásticos, outra grave ameaza para os animais", expoñen, ademais dun "profundo cambio de hábitos na cidadanía, para que coñezan os medios dispoñibles ante varamentos", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.