Unha solución galega para a xeración de enerxía a partir da biomasa destinada aos consumidores de media potencia

Empresas galegas desenvolven un prototipo de sistema portátil para xerar de enerxía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

Un consorcio de empresas galegas presentou un prototipo de sistema portátil de xeración de enerxía termoeléctrica a partir da biomasa co que se permite "ofrecer unha solución aos problemas eléctricos dos consumidores de media potencia", tal e como explicou a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Aproveitamento de biomasa.
Aproveitamento de biomasa.

A presentación dos resultados do proxecto Pyrogaz (Sistema portátil de xeración termoeléctrica por gasificación de biomasa) tivo lugar na sede da Asociación de Empresarios de Bergondo na mañá deste xoves.

No acto participaron a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar; a presidenta da Asociación de Empresarios de Bergondo, Rebeca Vermella; o xerente do Ceted e director financeiro de Genesal Energy, Xullo Arca; e a alcaldesa do Concello de Bergondo, Alejandra Pérez.

A directora de Gain destacou "a capacidade do sector enerxético galego no aproveitamento de recursos naturais e da biomasa para a produción de enerxías limpas e na fabricación industrial de equipamentos que aproveiten estas enerxías".

Nesta liña, Argerey comentou que "ao redor do 30 por cento dos proxectos financiados a través do programa Conecta Peme nas dúas últimas edicións están centrados no ámbito da enerxía e do medio ambiente".

Patricia Argerey destacou "a traxectoria innovadora das empresas que participan no proxecto", Genesal Energy, Norvento e Allarluz.

SOLUCIÓN PARA A EXPORTACIÓN A PAÍSES EN DESENVOLVEMENTO

A Consellería de Economía explicou que o prototipo "ofrece unha solución aos problemas de consumidores de media potencia —pequenas industrias, explotacións agropecuarias ou pequenas poboacións— ao dotar de enerxía eléctrica e térmica a lugares illados".

Tamén destacou que "a principal innovación é a implementación da gasificación da biomasa a solucións na escala media da potencia que, ademais, son portátiles".

O sistema "funciona con biomasa local e de forma autónoma, e é capaz de ofrecer enerxía constante e fiable cuns requirimentos de mantemento sinxelos", explica.

Así, preséntase como "unha solución idónea para a súa exportación a países en vías de desenvolvemento onde existe un elevado número de potenciais consumidores sen acceso á rede eléctrica pero si á biomasa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta