Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 12:29
O Palacio de Congresos de Santiago acollerá o vindeiro martes, 12 de febreiro, a III edición de 'Fairway Invest', unha xornada na que oito empresas finalistas presentarán as súas propostas ante a rede de investidores de Keiretsu Forum. Ademais, un destes proxectos será o gañador do primeiro concurso para 'start-up' vinculadas á Ruta Xacobea, organizado por este evento.
As iniciativas están baseadas nos itinerarios de peregrinación ou outra temática con relación menos próxima, pero situadas en poboacións polas que pasa o Camiño. Así, entre outros, hai un medio de comunicación dedicado a esta temática, unha empresa que aposta por potenciar o uso de patinetes eléctricos en tramos de pendente e un videoxogo baseado na cultura celta, a peregrinación e a Catedral de Santiago.
A presentación dos proxectos terá lugar a partir das 15,30 horas. Os seleccionados realizarán unha breve exposición ante entidades de investimento e o xurado do certame.
Ademais do premio, 'Fairway' organizará conferencias con expertos investidores sobre 'Por que e como investir en proxectos de alto risco' ou 'Canto vale unha empresa se factura pouco... ou nada?'. Seguidamente, haberá unha mesa redonda sobre 'Métricas en investimento: a toma de decisións'.
'GASTROWAY'
Por outra banda, 'Fairway Invest' terá tamén a súa parte gastronómica, 'Gastroway', que se celebrará este domingo 10 de febreiro, no mesmo espazo.
'Gastroway' incluirá un taller de cociña para nenos de cinco a doce anos, que será impartido polo chef Alberto Lareo, do restaurante compostelán Manso, o primeiro do Camiño Portugués á súa entrada na capital galega e recomendado en guías turísticas. Os participantes poderán tocar, amasar e montar elaboracións baixo a súa supervisión.
A partir das 13,30 horas, quen se achegue ao Palacio de Congresos poderá descubrir a variedade culinaria do Camiño de Santiago, posto que terán á súa disposicicón unha selección de tapas de diferentes rutas xacobeas. O prezo será de dous euros cada unha e, aínda que non é obrigatorio reservar, a organización do evento recomenda confirmar asistencia a través de correo electrónico.
Así mesmo, durante o domingo haberá outras actividades gratuítas, como unha ruta de sendeirismo, un 'photocall', unha sala de 'scape room', un espazo de adopción canina e charlas sobre como facer o Camiño con mascotas, entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.