Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 14:48
A exposición 'Os Adeuses', un retrato da emigración dende os ollos de Alberto Martí, exhibirase desde o vindeiro sábado na mítica Ellis Island, en Nova Iork, no Museo Nacional de Inmigración. Será un "fito importante", en palabras do vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, xa que é "a primeira vez que os galegos figuran como grupo étnico" en Estados Unidos.
Este martes o Consello da Cultura deu a coñecer o programa de actividades na cidade dos rañaceos. Procúrase, así, promocionar a cultura galega no exterior, unha das liñas de traballo da súa nova presidenta, Rosario Álvarez, como expresou no seu discurso de toma de posesión.
Ademais da inauguración desta mostra, que tamén contará coa presenza do presidente da Xunta -e presidente de honra do Consello da Cultura-, Alberto Núñez Feijóo; a visita a Nova Iork tamén servirá para impulsar unha plataforma que pretende pór en contacto as "novas diásporas" galegas. No caso da cidade neoyorkina, contou co impulso da gaiteira internacional Cristina Pato.
Como lembrou Núñez Seixas na rolda de prensa, a emigración galega aos países anglófonos e, en concreto, a Estados Unidos, é menos coñecida que a dos países do sur de América; pero lembrou a importancia que tivo a colonia alí asentada tanto para acoller temporalmente a destacados intelectuais como Castelao, como no apoio que deron aos republicanos na Guerra Civil española.
A exposición, que se inaugurará ás 12,00 horas o sábado 9, centra boa parte das saídas dos galegos desde os portos de Vigo e A Coruña e o periplo do transatlántico Santa María, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo e que foi secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.