Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2019 | Actualizada ás 19:29
O Comité de empresa da CRTVG denuncia que unha traballadora do ente público, a presentadora Marga Pazos, foi “represaliada” por parte da dirección. Nun comunicado, o comité suliña que foi apartada das tarefas propias de redactora que viña desenvolvendo dende hai anos para limitala ás funcións de locutora de TV.
O comité considera que se trata dunha represalia que a dirección executa aproveitando a escusa dunha sentenza en primeira instancia que lle recoñece a Marga Pazos o dereito a percibir o complemento de nivel (de locutora a redactora), despois de quedar acreditado que en efecto leva anos desenvolvendo esas funcións.
“É un feito que o resto dos locutores e locutoras da TVG desenvolven funcións de redacción e tamén que a propia empresa recoñeceu sempre na negociación da nova clasificación profesional que esta categoría tiña que integrarse na de redactor/a porque a realidade é que todos estes compañeiros e compañeiras hai anos que desenvolven de facto cada día ese traballo”, apunta o comité nun comunicado.
Ademais, denuncia que Marga Pazos pasa a ser a única locutora á que se lle prohibe redactar e porque, di, “é a primeira vez que a empresa aplica unha sentenza de recoñecemento de nivel para limitar as funcións da persoa á que o xulgado lle acaba de dar a razón”.
O comité vincula esta medida coa folga de mulleres do 8 de marzo de 2018 e apunta a que é un “castigo”, xa que esa folga valeulle á CRTVG unha condena por vulneración deste dereito fundamental ao substituír a esta presentadora por outro traballador non folguista.
Detras desta decisión está unha sentenza que condena á CRTVG á pagarlle preto de 40.000 euros a Marga Pazos para equiparar o seu nivel salarial de Locutora a Redactora, pero que non recoñece o cambio de categoría laboral, é dicir, pasar de Locutora (Nivel 5) a Redactora (Nivel 1) o que supón cobrar máis de 300 euros máis o mes.
“CUMPRIR A SENTENZA”
Precisamente, fontes do ente público aseguran que cumpren co recollido nesa sentenza que di que Pazos non pode ser redactora porque non é xornalista, aínda que recoñecen que exercía esas funcións e por iso lle pagaba pluses que a equiparaban “e mesmo superaba” o salario dun redator. E, din, por iso a TVG foi condenada a pagar eses 40.000 euros.
“Ante isto, e coa sentenza na man, no é posible volver á situación anterior de volver pagarlle a Marga os pluses. Estariamos na mesma situación, e unha nova denuncia daría o mesmo resultado, e sería unha xestión irresponsable da empresa”, apuntan as fontes consultadas.
Neste sentido, suliñan que a solución para que siga presentando é que se circunscriba ás tarefas da súa categoría de Locutora que, insistens, “permitelle redactar textos e presentar pero non outras tarefas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.