A Axencia Espacial Escolar Galega prepara a 'Misión Einstein: rastrexando raios cósmicos'

Os estudantes e profesores organizan o III Congreso NOSA para facer balance da última misión e preparar a nova.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/02/2019 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A Axencia Espacial Escolar Galega, NOSA, prepara o seu III Congreso, que se celebrará o próximo luns 11 de febreiro, Día da Muller e da Nena na Ciencia, no auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Oleiros (A Coruña).

Sonda MarumaSat III
Sonda MarumaSat III | Fonte: NOSA

Constituída por un grupo de alumnos de distintos centros de ensino secundario de Galicia, no seu historial xa ten tres lanzamentos de sondas estratosféricas exitosos.

Agora, e como cada ano, farán balance do lanzamento do curso anterior e deseñarán unha nova misión no marco dun congreso científico: 'Misión Einstein: rastrexando raios cósmicos'.

Os seus promotores consideran que o que están a facer é "un fito na historia da divulgación científica e da carreira espacial do noso país".

CONGRESO

Os estudantes de seis centros públicos galegos reuniranse no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, polo que recibirán un diploma de formación, distinguindo os participantes dos relatores.

A iniciativa dá continuidade ao lanzamento das sondas estratosféricas MarumaSat I, II e III nas primaveras de 2016, 2017 e 2018 respectivamente desde o IES Maruxa Mallo de Ordes.

A fabricación da nova sonda estase desenvolvendo no IES Miraflores en Oleiros, que tamén é o centro anfitrión do acto. Ademais dos institutos citados participarán o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, o IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, o CPI O Cruce de Cerceda e o IES Ferrol Vello; estes tres últimos centros participan por primeira vez nun congreso científico de NOSA.

Abrirá o congreso Marilar Aleixandre cunha conferencia inaugural. Tamén fará un relatorio pola tarde para pechar os actos Manuel Vicente. O traballo do alumnado empezará pola presentación das actas do anterior congreso. Os restantes relatorios abordarán un variado abano de temáticas, desde a cetrería á ecuación de despegue da MarumaSat III, a súa placa Peltier, a proxección do espazo gravado sobre os mapas, o cálculo de visión no punto de máxima altura, o efecto das radiacións ultravioletas sobre as fabas enviadas o ano pasado, a análise das magnitudes atmosféricas, o vento na estratosfera, a explicación das anclaxes do globo, paracaídas, cápsula e sonda ata o papel da muller na astronomía ao longo da Historia. Entregaranse os poemas do I Premio de Poesía Estratosférica e convocarase a seguinte edición.

Tamén se explicarán os obxectivos da nova misión, que alude a Albert Einstein porque tentarán comprobar a teoría da relatividade especial estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos.

A misión ten outros obxectivos, como procurar un novo récord de altitude para NOSA (36.000 metros), a adaptación aos estándares do CubeSat, a inclusión de sensores de O₃ e radiación UV, o estudo da velocidade de reprodución de seres unicelulares fóra da Terra, a variación das propiedades organolépticas da auga, a sincronización co Sentinel, a medición do campo magnético terrestre, a xeolocalización por LoRa e GPS, o desenvolvemento dunha subcápsula de habitabilidade e a consecución de datos para emitir unha certificación de calidade do emisor TX_06.3.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta