Obxectivo: comprender como interactúan os golfiños e a pesca artesanal nas rías galegas

Biólogos do BDRI inician un proxecto de investigación para aumentar o coñecemento sobre os golfiños mulares e colaborar na supervivencia da pesca artesanal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/02/2019 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

Biólogos do BDRI - Bottlenose Dolphin Research Institute (Instituto para Estudo dos Golfiños Mulares), con sede no Grove, poñen en marcha un novo proxecto de investigación para medir o grao de interacción entre a pesca artesanal e os golfiños en augas galegas.

Golfiños arredor dun barco de pesca
Golfiños arredor dun barco de pesca | Fonte: BDRI.

O obxectivo é aumentar o coñecemento sobre os golfiños mulares presentes nas augas galegas e ao mesmo tempo colaborar na supervivencia da pesca artesanal.

O novo proxecto de investigación parte de varios traballos de Máster de estudantes de diversas universidades europeas.

A interacción entre golfiños e pesca nas augas galegas "é posiblemente tan antiga como o uso das redes para pescar", polo que os biólogos consideran que "é fundamental obter datos científicos e obxectivos" para coñecer esta realidade, explican os responsables do proxecto.

O equipo do BDRI conta con recoñecemento internacional no estudo da interacción entre golfiños e actividades humanas en diferentes partes do mundo avalado por numerosas publicacións en prestixiosas revistas científicas.

INDEPENDENCIA

Este proxecto realízase grazas a un permiso especial outorgado polo Ministerio para a transición ecolóxica e está financiado exclusivamente polo  BDRI, o que lle permite unha "independencia total á hora de mostrar os resultados obtidos, a diferenza do que pode ocorrer con traballos levados a cabo por organizacións ecoloxistas ou por parte das administracións", argúen.

No BDRI agardan que a información recollida no estudo "poida servir como un importante recurso para a adecuada xestión da pesca tradicional ao mesmo tempo que se conserva o medio mariño e os seus habitantes nas nosas augas seriamente ameazadas por outros fenómenos como a contaminación e o cambio climático".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta