Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/02/2019 | Actualizada ás 12:57
Un 26% do espazo total das portadas en papel para a manifestación unionista española na Plaza de Colón de Madrid, contra tan só un 4% para a protesta en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública galega. A prioridade para a prensa tradicional galega é máis que evidente: centrar o debate público na cuestión da defensa da unidade de España e reducir o impacto na opinión pública do principal problema social en Galicia, a crise da sanidade pública.
O espazo dedicado a unha manifestación e outra non deixa lugar a dúbidas do posicionamento ideolóxico dos vellos xornais: un 4% para a crise na sanidade galega e unha cuarta parte do espazo conxunto de todas as cabeceiras para a manifestación convocada pola dereita (PP e Ciudadanos) e ultradereita (Vox), e secundada por grupos fascistas e neonazis (acudiron Falagande Española de las JONS, Hogar Social e España 2000). Unha convocatoria que resultou ser un fracaso, xa que só puideron congregar unhas 45.000 persoas (datos oficiais), moi lonxe doutras masivas manifestacións que se teñen celebrado en Madrid ou en Barcelona en defensa dos dereitos civís, con centos de miles de participantes.
A maior parte dos medios en papel galegos dedicaron o seu espazo central á manifestación convocada pola dereita e ultradereita. As portadas de La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Faro de Vigo e Atlántico Diario son as máis expresivas, con enormes bloques en portada e grandes fotografías para a convocatoria reactiva en Madrid contra o Goberno de Pedro Sánchez. No caso destes catro xornais, Faro é o único que ilustra cunha imaxe a manifestación en Santiago en defensa da sanidade galega, pero no faldón, minimizada pola manifestación de Colón. En La Voz, El Correo e Atlántico nin sequera mereceu unha fotografía para os seus editores e ocupou un espazo minúsculo nas súas portadas.
A manifestación da dereita e ultradereita españolista tamén ocupou a parte central das portadas de Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo —do mesmo grupo mediático—, compartindo protagonismo con eventos deportivos. Neste caso, non usaron imaxes da manifestación en Colón, pero foi o titular principal de portada. E ao igual que os anteriores, reduciron ao mínimo a manifestación en Santiago de Compostela.
La Región de Ourense e La Opinión da Coruña suscitan unha análise ben diferente. No caso do xornal ourensán, sorprende que non incluíu na portada referencia algunha á manifestación pola defensa da sanidade galega e foi o xornal en papel que menos espazo dedicou á de Madrid, aínda que si con fotografía e nun espazo central.
La Opinión da Coruña apostou pola ecuanimidade, relegando ambas as manifestacións ao faldón da portada, co mesmo formato —con imaxe— e espazo para ambas as protestas.
En definitiva, o principal problema social de Galicia foi minimizado para exhibir a "España de las banderas y los balcones".
En vermello codificouse o espazo dedicado á manifestación unionista española en Madrid e en verde, a protesta en defensa da sanidade galega en Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.