Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2019 | Actualizada ás 14:00
A multinacional británica Vodafone aviasara no mes de novembro de 2018 ao cadro de persoal, 5.000 traballadores e traballadoras en toda España, que os beneficios non estaban a incrementarse. Se a situación continuaba así de cara a 2019, habería que facer axustes. E finalmente o ERE chegou para caer, polo menos de momento, sobre o 25% dos empregados.
En Galicia é posible que afecte a 41 persoas dun total de 181. As condicións para os despedimentos, retiros anticipados ou a formación para axudar a buscar unha saída laboral para maiores de 45 anos, aínda están sobre a mesa. Pero que pasou para que unha empresa como esta acabe aplicando a terceira regulación de emprego en seis anos? Galicia Confidencial contactou coa compañía pero de momento non recibiu resposta á súa petición.
TERCEIRO ERE
A compañía comezou a experimentar unha baixada de negocio a partir de 2010-2011. En 2012 aplicaron o primeiro ERE, que daquela fora Expediente de Regulación Temporal de Emprego. Pasado un ano, seiscentas persoas quedaron sen traballo, outros centos pasaron a traballar para subcontradas ou auxiliares, o que lles trouxo a perda de dereitos e beneficios do convenio labora de Vodafone. Unha terceira vaga de despedimentos eliminou un millar de traballadores e traballadoras.
Este pasado xoves 14 de febreiro, sentaron diante da mesa de negociacións tanto representantes laborais como da empresa. “Sobre a mesa puxemos que a voluntariedade tería que ser do cento por cento, porque se a empresa quería levar adiante un plan, tería que ser acorde cos sindicatos” di Joaquín Parra da CIG. “Para que a voluntariedade fose total, dixemos que empresa aumentase a proposta de días de indemnización por ano traballado, cun mínimo para a xente que non marche” explica Parra que ademais sinala que “non é un plano para o incentivo de baixas, senón para quen queira cambiar, non queremos que haxa un grande número de afectados ”.
“A empresa comezou ofrecendo 32 días e agora mesmo estamos en 50 días de salario por ano traballado, cun máximo de 30 mensualidades. Tamén un plano de rendas para maiores de 55 anos que teñan máis de dez anos de antigüidade co 80% do salario neto máis o 50% do variable” di Bernardo García de UGT. “Tamén garantía de emprego durante un ano e que a porcentaxe de afectación será para todos os colectivos por igual”. Vodafone aceptou un número de persoas afectadas por volutariedade de 1.123 persoas, que podería implicar un 30% do cadro de persoal de cada áera da compañía. A perda ou saída de máis de mil cen persoas, o mesmo que a CIG, UGT considera que é un número que afectará á calidade do servizo de cara os clientes.
A empresa de primeiras, non pode admitir a voluntariedade total “porque din que non se axusta ao que eles precisan para axeitar a empresa para ter a estrutura que desexan” di Parra. O caso é que tamén se lle pediu á empresa que, de despedir xente, o faga con garantías para contratar de novo persoal despedido cando necesite man de obra. A negociación da voluntariedade está sendo, agora mesmo o punto máis difícil de negociar nesta nova regulación de emprego.
MOTIVOS
“Entendemos que detrás disto existe un intento de centralización da empresa en Madrid, porque estamos vendo que despois de cada ERE, o número de empregados se recupera pero non nas áreas territoriais” di Parra da CIG. Segundo describe o membro da CIG, desta maneira a empresa pode contratar por salarios máis baixos e eliminar antigüidades. “Penso que queren contentar os accionistas facendo que Vodafone apareza máis atractiva no mercado ofrecendo unha idea de adaptación e de dixitalización”.
Vodafone experimentou unha baixada de ingresos considerable, “non que haxa perdas, senón falta de ingresos e con ese cambio estructural que quere aplicar con este ERE, pois para Vodafone esas 1.200 persoas sobran” din desde UGT. Esta falta de ingresos afectou durante estes últimos catro meses. Como a lei obriga a negociar cando unha empresa quere aplicar un ERE “as alternativas que presentaron os sindicatos foron as de prexubilacións, baixas voluntarias e xubilacións anticipadas e a empresa non quere”. Os motivos polos que Vodafone non acepta estas medidas son descoñecidos, mais fontes sindicais apuntan que a voluntariedade non se axustaría ao que queren en determinadas áreas xeográficas onde a compañía ten presenza.
“Vodafone no seu día apostou moi forte pola compra de ONO, non apostou polo fútbol este ano e iso son estratexias que puideron acelerar a baixa en beneficios, pero nós apuntamos a unha mala xestión da empresa, pois levamos xa tres eres” sinala UGT. “Tamén está que desde Vodafone consideran unha parte da xestión ter un ERE, cousa que é preocupante”.
Segundo as fontes sindicais consultadas, Vodafone alega as dificultades do mercado coa aparición das empresas de telefonia “low” e “medium”. Compañías que ofrecen pacotes de conexión e telefonía a prezos baixos contra as que non poden competir. Os operadores virtuais fan que os prezos baixen e os custes diminúan ostensiblemente, pois non terían que investir en sistemas de antenas, liñas físicas etc.
GALICIA
En Galicia as persoas afectadas polo ERE son 41, nove persoas na Coruña e trinta e unha en Vigo. A oferta da empresa para estas corenta e unha persoas son 45 días por ano traballado, 33 a partir do ano 2012 como se fose despedimento improcedente e aquí en Galicia por prexubilación só se poderían acoller 3 ou 4 persoas que poderían só chegar á xubilación anticipada coa cobertura da empresa” di Parra.
A contraoferta dos sindicatos foi non ter que despedir, mediante unha negociación coa empresa. Así, no caso de ter que despedir xente, que se fixesen cursos de formación para adaptar a esas persoas diante da nova situación dixital. “Abrir un plano de xubilación a tres anos para que as persoas puidesen ter cobertura nas súas saídas” sinala Joaquín Parra. Ademais tamén incentivar a voluntariedade “ofrecendo maneiras de formarse para buscar emprego mentres estean desempregados”.
Todo apunta que as negociacións, que deberan rematar o día 24 de febreiro deste ano 2019, van seguir por un camiño difícil ata ese día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.