Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 13:54
O presidente da Confederación de Empresarios na Coruña e portavoz da patronal en Galicia (CEG), Antonio Fontenla, asegurou que a día de hoxe ten constancia de que "un empresario galego" ten interese en comprar a instalación de Alcoa, en referencia ás factorías da Grela e de Avilés. Con todo, haberá que agardar, di, para ver se a multinacional norteamericana está disposta a vender e, por tanto, a ter competidores.
"Eu creo que hai posibilidades, díxeno hai meses e ratificoumo hai pouco nunha reunión en Madrid un empresario galego que ten interese en comprar. O que haberá que ver é se Alcoa ten interese en vender ou non, se lle interesa ter competidor", explicou Fontenla, en entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press.
Fontenla sostén que se está vendo "desmantelamento" da industriam "non só en Galicia senón en toda España", ante as dificultades para as empresas electrointensivas polo elevado custo da enerxía en España, "moito máis cara que noutros países, como Canadá ou Australia".
Ante esta situación, cre que hai que buscar "unha regulación" que supoña que non se cambie o prezo da enerxía cada seis meses. Con todo, cre que unha "tarifa eléctrica galega", como reclaman algunhas formacións, "é un tema moi difícil de lograr" pese a que "os políticos, ás veces, son sabios". Aposta, en cambio, por cuestións que sexan homoxéneas porque "nunhas cousas poderían beneficiar e noutras prexudicar".
"Ter unha enerxía cara é preocupante, o tema é que hai que buscar unha regulación na que non se vexa tan afectada, que non lles cambie cada seis meses o prezo da enerxía", concluíu, facendo referencia tamén á situación de Ferroatlántica e de Isowat.
DIÁLOGO SOCIAL
Na véspera da reunión do "diálogo social" convocada pola Xunta, e ante a ausencia anunciada pola CIG, Fontenla admite que "nestes momentos nos que hai tantas incertezas en todo, non é o mellor momento para facer diálogo social". Aínda así, engadiu que entende "o compromiso do conselleiro de Emprego", Francisco Conde, de "pedir un esforzo para traballar neste sentido".
Tras opinar que a postura da CIG é unha cuestión de "estratexia sindical", manifesta que, pola súa banda, os empresarios acolleron a convocatoria "coma sempre, como un tema importante para Galicia".
De feito, Fontenla lembrou que é "o terceiro acordo de diálogo social" no que vai participar. Avanzou que confía en que, "se complete o desenvolvemento social e as medidas que poidan propiciar maior emprego", así como "que a xente que leva moito tempo desempregada poida en certo xeito poida atopar o seu traballo".
ADIANTO ELECTORAL, POSITIVO ANTE A INESTABILIDADE
Ante o adianto electoral, con eleccións xerais o 28 de abril, Fontenla considera que a data marcada "pon un freo á falta de coherencia" e espera que "haxa un goberno ou unha coalición de partidos fortes que mire por España".
"Cada vez que hai inestabilidade política, para o tecido empresarial é prexudicial", subliñou Fontenla, que confía en que se consiga estabilidade para saber como facer fronte ao "déficit de 7.000 millóns" derivado de medidas como a subida do salario mínimo interprofesional ou os incrementos a funcionarios e xubilados.
Precisamente, sobre o SMI lamenta que o Goberno non o negociou con sindicatos e patronal. marca que a medida incrementará os custos laborais españois. Aínda que admite que xerará máis posibilidades de gasto para os traballadores, pon o acento en datos que apuntan a que se deixarán de crear 75.000 empregos.
ESTE LUNS, REUNIÓN DA CEG
Sobre a situación da Confederación, tras máis dun ano sen presidencia, confía en que os cambios que se introducirán permitan que empresarios galegos dean o paso para porse á fronte. Este luns reunirase o comité executivo da CEG en Santiago para convocar a asemblea xeral na que se prevé aprobar os novos estatutos, co obxectivo de "facilitar a gobernabilidade da Confederación, que o presidente que veña traia a unhas persoas da súa confianza".
Aínda que a data prevista para a celebración da asemblea será o 21 de febreiro, de momento terá que ser "o comité executivo deste luns o que decida esa data". Cos cambios que se introducirán espera que "empresarios moi importantes de Galicia, que son do agrado de todos os empresarios" poidan "sacrificarse por un tempo para consolidar este cambio".
No que respecta á situación económica da patronal, incidiu en que "ten un patrimonio importante" e a débeda "non fai ter preocupacións", un patrimonio que lles permite "facer fronte con moita folgura a posibles incertezas que poidan saír polo camiño".
BREXIT
A inminencia do chamado Brexit leva ao presidente da CEG a recoñecer consecuencias negativas para o empresariado galego, ao aseverar que se vai "sufrir un pouco" porque "o Reino Unido é o cuarto país despois de Francia, Portugal e Italia" ao que exporta Galicia. Así e todo móstrase optimista respecto á posibilidade de atopar algunha "solución".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.