O ex-socialista Pachi Vázquez presenta Espazo Común, un partido "galeguista, progresista e constitucionalista"

Asegura que o proxecto conta con máis de 400 persoas e non descarta presentarse como candidato no Carballiño. Gonzalo Caballero (PSdeG) reduce o partido de Pachi Vázquez a unha "anécdota política" en tempos de "entroido".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/02/2019 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2009 e 2013, Manuel 'Pachi' Vázquez, deu a coñecer este xoves en Ourense o seu novo proxecto político, un partido que denominou como Espazo Común e que definiu como un "movemento cidadán de acción política de ámbito galego e socialdemócrata, galeguista, progresista e constitucionalista" que nace para "diferenciarse" do resto de opcións.

Pachi Vázquez presenta Espazo Común, o seu novo partido que presentará candidatura
Pachi Vázquez presenta Espazo Común, o seu novo partido que presentará candidatura | Fonte: Europa Press

Pachi Vázquez desvelou este xoves o seu proxecto nunha rolda de prensa ofrecida en Ourense e na que estivo acompañado por varios xa ex-militantes socialistas como o que foi portavoz do PSOE na Deputación de Ourense, o edil de Piñor Francisco Fraga; a exportavoz municipal en Maceda, Ana María Rodríguez; e a exedil en Ourense e exdiputada autonómica María Quintas Álvarez.

Nunha intervención na que asegurou que teñen candidaturas pechadas para 20 concellos e na que non descartou presentarse como candidato á Alcaldía do Carballiño, destacou que Espazo Común conta con máis de 400 persoas con "ampla traxectoria" política "só da provincia de Ourense". Ademais, indicou que ao redor dun "60 ou 70 por cento" pertencían ao PSdeG.

"Espazo Común non é un nome elixido ao azar. Para moitos de nós, nos momentos actuais de convulsión política, é moi importante buscar ese espazo das cousas que nos unen fronte ao debate do que nos separa", destacou sobre a denominación elixida, que era o nome co que se coñecía á súa corrente interna no PSdeG.

Á súa vez, fixo un chamamento a "todos aqueles anónimos que exercen de espectadores da política" e "aos que tiran do carro dun país" para que se convertan en "actores da política". Ademais, tamén apelou aos que "están pendentes do que pasa" para que formen parte do seu proxecto nun contexto no que, na súa opinión, "os grandes partidos políticos esquecéronse diso e convertéronse en ferramentas propias".

Tamén agradeceu a "valentía" a "todos" os que deron o paso de sumarse ao seu proxecto. Aínda que estivesen "algo encabuxados", agora están "felices" e "contentos" cun "proceso de ilusión" que lles permitirá facer o que lles "gusta facer", isto é, "estar coa xente representados e sen unha lea interna interminable", indicou.

PASADO SOCIALISTA

O que fora secretario xeral do PSdeG lembrou que unha parte dos participantes no novo proxecto "sempre" desenvolveron as actividades políticas "nun partido no que había diálogo, tolerancia, convivencia, compañeirismo" e "non era delito dicir cousas distintas", en referencia ao PSOE.

"É evidente que, para todos nós, ese espazo de liberdade e opinión, por diferenzas ideolóxicas e unha nova praxe das direccións, converteuse nun ambiente irrespirable. Pasamos unha páxina que tivo partes moi fermosas, pero hai que mirar cara ao futuro; abrimos unha nova páxina con moita ilusión e moitas ganas de traballar", apuntou nunha comparecencia na que cargou contra a actuación do Goberno de Sánchez en relación ao conflito catalán.

Tras iso, tamén lanzou unha mensaxe aos actuais dirixentes do PSdeG: "Pídolle ao PSdeG, que é o noso pasado, que se esqueza xa de nós, xa nos fomos; o adversario político é a dereita, o PP e Vox, é onde temos que traballar nós. Non imos entrar en debates co PSdeG", resolveu Pachi Vázquez tras ser preguntado polas acusacións do secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, de facilitar ao presidente provincial do PP, Manuel Baltar, a Deputación.

Nunha comparecencia na que recoñeceu contactos co alcalde de Becerreá —o ex-socialista Manuel Martínez, que fixo pactos co PP—, Pachi Vázquez asegurou recibir "moitas chamadas" de persoas doutras provincias e asegurou ter pechadas candidaturas en case 20 concellos.

"Estamos sorprendidos da cantidade de xente de fóra da provincia de Ourense que quere falar connosco para interesarse por Espazo Común. Isto que está a empezar é un inicio dun proxecto que chegará ata onde queiran os cidadáns que nos apoian", subliñou.

CANDIDATURA EN OURENSE

Nesta mesma liña, anunciou que Espazo Común presentará unha "lista aberta" e unha "gran candidatura" en Ourense que, segundo recoñeceu, será probablemente unha muller, e sinalou que están "a negociar con xente moi implicada e contrastada", polo que aínda "non está definido" este posto.

"En Ourense xa están definidos os actores: PP, PSdeG, Ciudadanos, Democracia Ourensá e Vox xa dixeron quen ían, os mesmos que conseguiron bloquear a cidade durante catro anos. Estes actores non van cambiar o futuro da cidade, fai falta aire fresco, que se presenten alternativas políticas que teñan actitude positiva", destacou.

Á súa vez, preguntado por se será candidato de Espazo Común no seu municipio natal, O Carballiño (Ourense), onde foi alcalde polo PSdeG desde 1995 a 2005, Pachi Vázquez limitouse a responder que o será "se se dan as circunstancias" e, aínda que destacou que lle gusta máis "estar de adestrador que de xogador", engadiu que "se hai que saír ao campo, sáese".

POSIBLES PACTOS EN OURENSE

Pachi Vázquez augurou que é "probable" que a representación de centro-esquerda da cidade de Ourense "non supere os 9 ou 10 concelleiros" e lembrou que "hai cinco ou seis de centro-esquerda que ou están en casa ou non teñen unha oferta política atractiva", polo que "aí" é onde o seu novo proxecto vai traballar, cunha "candidatura integradora".

"Aspiramos a conseguir unha gran representación municipal, iso indica que sintonizamos coa xente ou nos entende, e a que as estruturas tradicionalmente xestionadas pola dereita deixen de estalo, como as grandes Alcaldías, como Ourense, e a Deputación", apuntou o ex-secretario xeral do PSdeG.

Así mesmo, sinalou que, "se as enquisas acertan, o gran debate vai seguir pivotando sobre o espazo de bloqueo": "Gonzalo Pérez Jácome —líder de Democracia Ourensá— e o PSdeG terían que explicar que van facer, un sen o outro non van gobernar, se van gobernar xuntos, por que non lle quitaron ao PP a Alcaldía cunha moción de censura?", sinalou.

"O escenario de Ourense é unha tolemia, imos xogar a romper ese escenario de forma argumental. Hai que buscar acordos, non vale bloquear a cidade. Non sei con quen chegaremos a acordos, pero vai haber acordos. Pesa máis o futuro da cidade que os desencontros persoais", concluíu Pachi Vázquez.

REACCIÓN DO PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que este novo partido é un "camiño a ningunha parte" que "non merece máis atención que a dunha anécdota política que se produce cando se inicia o entroido". E volveu a reducir o proxecto de Pachi Vázquez a unha "operación persoal" que pon "o individual por enriba do colectivo".

E é que, na súa intervención, o xefe de filas do PSdeG volveu sinalar que o país vive un "momento histórico" no que hai que decidir entre "dous grandes modelos" o da dereita ou o da esquerda.

"O da dereita, que virou cara á ultradereita, e un modelo progresista de esquerda liderado polo Partido Socialista", manifestou para subliñar que iso é o que "está no ámbito de preocupación dos cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta