Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/03/2019 | Actualizada ás 11:54
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) e o Sindicato Galego de Fisioterapeutas (Sinxefe) rexeitan na súa totalidade o borrador presentado pola Consellería de Sanidade co novo modelo de Atención Primaria, ao que cualifican como “unicamente unha declaración de boas intencións, carente de medidas concretas e que, por tanto, non resolve nin a actual situación do primeiro nivel asistencial, e máis concretamente nos aspectos que afectan o papel da Fisioterapia en Atención Primaria”.
Ambas as institucións representativas dos fisioterapeutas galegos consideran que a Atención Primaria debería ser “a base do sistema sanitario público, un lugar no que resolver a maior parte dos problemas de saúde que afectan á poboación e no que a promoción da prevención debería ter unha importancia maiúscula, repercutindo directamente con iso nun desconxestionamento da Atención Hospitalaria e nunha maior eficiencia de xestión e do gasto sanitario”.
Por iso, CoFiGa e Sinxefe presentan nas súas alegacións ao documento unha serie de medidas concretas para mellorar a situación da Fisioterapia en Atención Primaria. Entre elas destaca a incorporación do fisioterapeuta no equipo básico de Atención Primaria; é dicir, que todos os centros de saúde conten con polo menos un fisioterapeuta. “Esta medida diminuiría o actual nivel de derivación de pacientes a centros concertados, unha realidade que dificulta a xestión do seguimento dos procesos e que diminúe a eficacia e eficiencia das actuacións proporcionadas”, argúen.
Tamén solicitan integrar os fisioterapeutas, xunto cos demais profesionais sanitarios, en todos os equipos multidisciplinares. “Esta medida axilizaría o fluxo de información sobre historiais clínicos entre os niveis asistenciais de Atención Primaria e Especializada e melloraría o nivel de comunicación e coordinación entre todos os profesionais da saúde integrados nos equipos multidisciplinares”, explican.
Outra das medidas sería adecuar as competencias do fisioterapeuta do sistema público de saúde ás legalmente definidas: Orde CIN/2135/2008, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de fisioterapeuta; e Real Decreto 1001/2002, polo que se aproban os Estatutos Xerais do Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas). “Promover a derivación directa a Fisioterapia diminuiría o número de consultas médicas sobre patoloxías articulares e musculoesqueléticas de baixa intensidade”, expoñen.
Tanto CoFiGa como Sinxefe consideran que "a adopción destas medidas, xa postas en marcha exitosamente noutros países da nosa contorna e que están recollidas na guía de actuación da Fisioterapia en Atención Primaria en Galicia, redundaría nunha mellora da eficiencia do sistema sanitario, nunha diminución do gasto e nunha mellorar da calidade asistencial prestada".
Nas súas alegacións, CoFiGa e Sinxefe tamén fan referencia á necesidade de establecer medidas que faciliten unha maior coordinación entre as Consellerías de Sanidade e de Políticas Sociais para o deseño de plans estratéxicos de intervención comunitaria destinados á promoción da saúde e á prevención dos problemas de saúde derivados do envellecemento da poboación.
Uns plans estratéxicos que segundo CoFiGa e Sinxefe ineludiblemente deberían contar coa figura do fisioterapeuta tanto para elaboración como para a súa execución. “Este tipo de actuacións facilitaría a abordaxe dos problemas sociosanitarios que produce o constatado envellecemento da poboación e o consecuente incremento de patoloxías crónicas que potencialmente poden derivar en situacións de discapacidade e dependencia”, din.
Neste mesmo sentido, os fisioterapeutas consideran básica a creación de grupos de exercicio terapéutico que fomenten tanto o autocoidado das persoas maiores como dos pacientes que presenten as patoloxías máis prevalentes. Especifican neste sentido que o exercicio terapéutico é un acto propio da Fisioterapia cuxos beneficios están amplamente avalados pola evidencia científica e que a súa implementación, tanto nas Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria (UFAP) como en todo o ámbito sociosanitario, supoñería un gran avance na calidade do servizo prestado, na saúde da comunidade e, por tanto, no gasto sanitario e na eficiencia do sistema, especialmente nos casos de patoloxías crónicas.
Incidindo na importancia da educación e da promoción da saúde, os fisioterapeutas tamén consideran necesario reforzar aspectos como o papel da Fisioterapia no deseño e posta en marcha de programas específicos de saúde escolar ou a súa activa participación nas visitas domiciliarias de axuda tanto a persoas en situación de dependencia como aos seus coidadores.
INCREMENTO DAS PRAZAS DE FISIOTERAPIA
CoFiGa e Sinxefe consideran que as medidas expostas poderían planificarse e poñerse en funcionamento de maneira case inmediata se fose suficiente o número de fisioterapeutas que actualmente traballan no sistema público de saúde.
Tal e como sinalan neste sentido e “segundo datos proporcionados polo propio Sergas, o actual número de fisioterapeutas que desenvolven o seu traballo en Atención Primaria é de 159 profesionais, soamente 24 máis que hai dez anos, cifra que ao seu xuízo é totalmente insuficiente para atender unha poboación de 2,7 millóns de habitantes, pois se traduce en cocientes dun fisioterapeuta por cada 17.000 habitantes, alcanzando en caso da área sanitaria de Vigo a proporción dun fisioterapeuta por cada 24.000 habitantes”.
Neste sentido, os fisioterapeutas celebran a convocatoria da OPE de 2019, aínda que consideran que supón, “máis que un incremento do número de fisioterapeutas, unha regulación parcial da actual eventualidade”.
Por iso, esperan e desexan, “polo ben da comunidade e do propio sistema, que en próximas convocatorias continúe incrementándose o número de prazas de fisioterapeutas”.
Mentres tanto e como medida para liquidar de forma inmediata as listas de espera en Fisioterapia, propoñen a contratación de fisioterapeutas en acúmulos de tarefas, así como a incorporación de persoal de servizos xerais (PSX) nas Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria (UFAP) para a realización de traballos administrativos.
Os fisioterapeutas tamén propoñen que no seo do sistema público de saúde seorganicen curos de formación de calidade propostos e seleccionados polos propios profesionais da Fisioterapia e que se aumente o número de horas de formación en horario laboral, así como da adopción de medidas encamiñadas a facilitar e incentivar a posta en marcha de proxectos de investigación.
Tanto desde CoFiGa como desde Sinxefe valoran “positivamente a vontade da Consellería de Sanidade por redefinir e establecer un modelo de Atención Primaria en Galicia”, xa que “mellorar a situación sanitaria da sanidade pública na nosa comunidade, da súa eficiencia e calidade, é un obxectivo prioritario” de ambas as institucións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.