Antón Sánchez sinala que o chamado a unha fronte ampla poderá sumar a En Marea

Instou á suma de forzas das esquerdas soberanistas e as federais que recoñecen o dereito de autodeterminación dos pobos para "reconectar con todos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, reiterou a proposta da formación de crear unha "fronte ampla" para as próximas eleccións xerais, que "non exclúe a ninguén" e no que "tamén estará" se En Marea ten a mesma vontade de promover un "programa de cambio e de ruptura". "Hai o mesmo ofrecemento en clave política para unha fronte ampla, estamos a facer esa oferta a todas as forzas que queiran sumarse en clave de ruptura do réxime", asegurou, en entrevista en RNE, na que tendeu a man a chegar a acordos e evitar a ruptura de En Marea.

Antón Sánchez remarcou que "máis aló das fórmulas xurídicas hai que xuntar forzas nun espazo, plural e diverso, pero con mínimos e puntos en común para representar unha maioría suficiente". Ante a posibilidade de que haxa un acordo con Esquerda Unida e Podemos para concorrer ás eleccións xerais á marxe de En Marea recalcou que o seu "chamamento non ten exclusións" porque busca "ser o máis amplo posible". "É evidente con quen vimos compartindo traxecto desde 2012, pero non está pechado a calquera forza de esquerdas do país", agregou.

"O que si está é a predisposición para unha fronte ampla e se En Marea ten esa vontade tamén estará, todas as forzas que queiran poderán estar e iso é o fundamental para nós", explicou, centrando o obxectivo en frear "un avance da ultradereita e fascismo" que pretende "esmagar as nacións e recentralizar o réxime, cunha saída autoritaria". Fronte a isto, instou á suma de forzas das esquerdas soberanistas e as federais que recoñecen o dereito de autodeterminación dos pobos para "reconectar con todos".

O DISCURSO DE PABLO CASADO "NON SE DIFERENCIA DO DE SANTIAGO ABASCAL"

Precisamente, Antón Sánchez mostrouse moi crítico co líder do PP, Pablo Casado, que este sábado estivo en Galicia e ao que ve co mesmo discurso político "regresivo" que o do líder de Vox, Santiago Abascal. "Que Pablo Casado sexa o líder do PP fala de deriva regresiva e autoritaria que está a vivir no Estado español, o discurso de Casado para nada se diferenza do de Santiago Abascal, nesa dereita con tres cepas, a neofranquista de Abascal, a aznarista caducada de Pablo Casado e a extrema dereita de quero e non podo de Albert Rivera, esa cepa do aznarato máis regresivo é a que representa Pablo Casado", criticou.

E neste contexto, censurou que Feijóo, "cando lle convén utiliza calquera do tres cepas da ultradereita". "É sintomático unha persoa que fala de españois de ben, como Casado, con expresións que nos retrotraen ao franquismo, iso é o Partido Popular", valorou. Por outra banda, ante o adianto electoral, confía en que haxa vontade política para manter a transferencia da AP-9, a pesar de que se trata dunha medida "non suficiente" porque a autoestrada do Atlántico "só terá unha política xusta cando sexa recuperada para a xestión pública".

Tras isto, responsabilizou da situación actual e as elevadas tarifas á privatización "a prezo de amigo" que realizou o Goberno de Aznar en 2003 cando "regalou case a Sacyr Vallehermoso, con Feijóo como conselleiro de Política Territorial", a Empresa Nacional de Autoestradas, privatizada por 1.586 millóns. "Os galegos non somos só os que sufrimos o abusivo prezo, é unha continua transferencia de diñeiro de Galicia a Madrid", concluíu.

O viceportavoz de En Marea e portavoz de Anova, Antón Sánchez. REMITIDA - Arquivo
O viceportavoz de En Marea e portavoz de Anova, Antón Sánchez. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

8 Bendito Chiringuito

Podemos presente! Sen esconderse, como españois rancios, vémolos de ganchete na manifestación bárbara de onte en Madrid pola caza e os touros! Iso é Podemos, con Vox, Ciudadanos e PP! Iso é o toureiro Antón Sánchez en busca de acomodo, e a casta lexítima de Yolanda (que para asegurar o posto desta vai ir nas listas de Madrid). Son igual de impresentables que o Lores, subvencionador antes directo e agora encuberto da festa bárbara e dos ídolos do españolismo cañí (Alaska, Bertín Osborne...). Este país non ten amaño sen facer unha desparasitación da política, unha limpieza das ratas españolistas disfrazadas de galegas... O Entroido para algúns dura todo o ano, e chupan con descaro do público... Mentres os deixemos.

7 lóstrego

Ídesvos con calquera!

6 Sentidiño

Hai as castas de tres partidos, dous deles madrileños, e logo o que queda da Marea. Enfronte os fascistas. Eu hei votar soberanismo.

5 Rotbaf

Suma de forzas das esquerdas soberanistas e as federais que recoñecen o dereito de autodeterminación dos pobos, esa é liña correcta. Bravo Antón!

1 galinauta

Dame a risa. Autodeterminación da man de Podemos e Esquerda Unida? Iso é como o de que as Constitución da Unión Soviética recoñecía o dereito de autodeterminación e logo ostias...

4 Mesta

Fora do BNG non existe esquerda nin galeguismo. Aburrides e dades pena a partes iguais.

1 Rsiner

Aburrides e dades pena os dun BNG que está acabado e amortizado desde hai 20 anos. Se non fose por La Voz de Galicia nin existiriades.