España: madura para a ditadura, ou cambio de paradigma?

Podería ser que España, ese “land alemán que tolea por falar inglés”, estivese a madurar cara a unha autocracia? Pois tendo en conta que esa ditadura, caso de vir, non será das antigas, de xeneral bigotudo de a cabalo, senón unha tocquevilleana ditadura de veludo, postmoderna, de panópticon, “Silicon Valley-style”, podería ser que si; e ata poderíamos xa ter un pé nela pois estas cousas nunca son tan de súpeto. Pero tampouco se pode desbotar que, ademais do evidente incremento do poder e da diminución das liberdades, estiveramos diante de algo máis, por acaso, un histórico cambio de paradigma.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 04/03/2019

Comparte esta noticia
Para facer o conto curto, digamos que así como nos 1970s España estaba madura, ou madurando, para a democracia (ou polo menos para un chisco máis de liberdade e modernización), hoxe estaría madura ou madurando cara a algún incerto grao de autocracia, aínda que de momento mantendo certas formas.  Naqueles esperanzados anos 70 —cando criamos que nada máis faltar Franco desaparecerían toda inxustiza e toda dor de cabeza—, cada pequeno aumento de liberdade, cada redución da arbitrariedade gobernamental, parecían non ter marcha atrás, como un piñón fixo.
 
Hoxe —novo piñón fixo, pero do revés—, cada novo control, cada nova cámara, cada panópticon, cada recurte de liberdade , parecen tamén chegar para quedar.  Con escasa resistencia, os españois aceptan máis e máis controis, aínda sabendo que probablemente non vaian ser retirados nunca; como os trabucos que despois nunca desaparecen nin baixan.  Nos 1970s sopraban ventos (modestos) de liberdade, de xeito que nin os franquistas esperaban que todo continuase exactamente igual; hoxe, sopran de control e conformidade.  Hai quen cre, aínda que só coa boca pequena, que aqueles que ignoren os intríngulis da prima de risco non deberían votar, que non todo debería decidirse por referendum e que os votantes pro-Brexit son rurais e vellos (ergo, adeus igualdade)...
 
Será polo aire tecno-económico-regulador que respiramos, pero o caso é que os españois actuais perderon a natural oposición a calquera poder, que fora imaxe clásica de España (admitamos, tamén, que algúns galegos cederon retranca, sorna raposeira e desconfianza). Acéptase sen maior problema o control total e o vivir co DNI gravado na fronte polo ben común e a seguridade; aceptamos a Lei Mordaza e similares; protestamos pouco pola expropiación das pensións; mesmo (e isto non sucedera nunca, nin nas pasadas ditaduras) as universidades sométense; xa non producen inquedanza, senón “talento” (sic) para o Ibex 35. A investigación e formación do profesorado están hoxe máis encaixonadas e dirixidas que no franquismo, e as universidades aceptan iso como parte do pack do progreso.
 
Estes hispanos de hoxe son crédulos (os galegos, aínda non tanto, pero ollo, que nisto, como na retranca, estamos tamén na “slippery slope”): cren no estado, aínda que roube e minta (o estado fai moitas cousas boas, pero dentro do seu “modus operandi” están falsear e tomar o alleo), e cren na súa lei e cren aínda máis na UE.  Os españois repiten as verdades oficiais sobre as supostamente inevitables desigualdades e as perdas de liberdades, e respostan mainiñamente “éche o que hai!”, aínda que iso que hai lles prexudique. A súa credulidade e maleabilidade son tales que nun par de anos, unha boa campaña failles mudar as posturas sobre o que sexa e pasar a profesar cordialmente as novas visións.
 
Que pasou? Pois o que pasou é que, de súpeto, érgueste unha mañanciña e decátaste de que non hai burros e que hai ben anos que non tes visto ningún, e de que hai máis cans que nenos, cós correspondents litixios pola custodia compartida do can; e decátaste asemade de que na ollada socialmente dominante, o poder, a lei, os dereitos, a liberdade, a seguridade, a dignidade, todo iso e moitas máis cousas —familia, amizade, saúde, enfermidade, traballo, descanso, morte, vida—, todo iso mudou ou foise có vento, como na película; e estamos baixo outro paradigma.
 
Paremos un intre. Querer ser mandado, querer ser controlado e querer entregar os propios cartos, non é natural. A quen queira iso espontáneamente, suxírolle, polo si ou polo non, pedir cita no psiquiatra. Un neno da miña aldea de oito anos con sentido común, incontaminado polo autoritarismo aveludado e a educación actual (se é que queda algún), dirá espontáneamente que non gosta de que lle manden, que o controlen, nin que lle baleiren o peto. Mesmo a un escravo que non teña alma de escravo, amolaralle por principio calquera mandato, calquera imposto, calquera policía, a menos que haxa claras razóns en sentido contrario (que, naturalmente, tamén pode haber).
 
Cal é o grao da nosa “servidume voluntaria” (Étienne de la Boétie)?  Aplicando estes tres tests —aceptar/rexeitar impostos, cumprir/rexeitar a lei, amar/recelar da policía—, resultaría que os españois, hoxe, aceptan os impostos, repiten coma loros que “a lei é a lei e é para cumprila” e aman, ou respectan (esaxeradamente, enténdase) á policía.  Eis aí esoutra novidade histórica, pois os españois viran mal ás forzas de orde pública dende Atapuerca (tal vez á Garda Civil rural, mellor?). Non poucas persoas máis ou menos cultas e honradas, licenciados universitarios e bos profesionais, parecen hoxe entregados ao control e á conformidade. O ano 1968 cedeu o paso ao 2018, de xeito que hoxe todo o que non estea prohibido, e por estar milimetricamente regulamentado.  Deste xeito, a capacidade para a rebeldía cívica non vai ser moita.
 
Aí temos tres cosas que nunca foran así no Franquismo, porque non foran así na Segunda República, nin na Restauración, nin nunca —de aí o tremendo cambio histórico ao que estamos a asistir, posiblemente un cambio de paradigma, tal vez relacionado coa rebelión das elites—.  Exemplo: os franquistas eran seguidores de Franco, sen dúbida, pero non das leis franquistas (ninguén coñecía o Fuero de los Españoles, p. ex.; eu xa nin o estudiei) nin da policía franquista que, de feito, tiña motes e alcumes (en España a policía tivo alcumes sempre), e non gostaban de pagar os trabucos e impostos franquistas, por lixeiros que desde hoxe nos parezan.  Agora, por primeira vez na historia de España, acabouse o tradicional afastamento do home medio respecto do Estado, a súa lei e a súa policía. Ese afastamento era o natural, pois o Estado pode ser amigo ou perseguidor (e hoxendía, implacable), e a propia UE, ata agora fada benfeitora e subvencionadora, deixou claro que pode converter a Grecia en terra queimada sen se despeitear.
 
Nota para ir rematando: Esa maduración  autocrática non é franquismo. Se o fose, tarde ou cedo remataría, como todo movemento dependente dunha persoa, sen institucións, sen ideoloxía, sen programa. Isto lembra, máis ben, á “alt-right” americana, á dereita postmoderna, postcristiá e amoral; o autoritario e tecnolóxico neoliberalismo 2.0; liberdades sexuais a lume de biqueira con control biopolítico a lume de biqueira, sen faltar transhumanismo, robotización, “algoritmización”, hibridación home-máquina, paro masivo e demais accesorios da comitiva. Buscando similitudes máis próximas (aínda que necesariamente provisionais e discutibles), caso de parecerse a alguén, esta nova tecno-autocracia algorítmica lembraríame máis o estilo Núñez Feijóo, ou Ciudadanos (guerra aos síndromes de Down!), que o estilo Vox, que semella máis de antes (pero é arriscado comparar un partido inédito con outro que leva decenios no poder). 
 
Non podemos deixar de nos cuestionar: E que sucedería se a nova ditadura aveludada fora máis mala de arrincar que os vellos demos familiares españois, que, aínda que moi violentos por veces, eran máis cutres e rústicos?  E, de haber cambio de paradigma, correríamos todos o risco de pensar, falarmos e movernos no marco imposto por ese paradigma?

Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.
Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.