Adeus, Gran Bretaña, adeus

Por que a saída do Reino Unido da UE é inevitable?.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 11/03/2019

Comparte esta noticia
“Hai moitos que non entenderán por que están a loitar. Estamos realmente preparados para facelo? ¿Aínda cremos no que cremos en 1940? Ou é que isto só agora o romance da historia, nada que ver coa fría realidade de Gran Bretaña en 1982, parte dunha nación que realmente morreu en silencio, como xa morreu Grecia, como xa morreu España. Porque se nos nosos corazóns cremos en segredo que esa Gran Bretaña está morta, sería un grande delito enviar a eses homes a loitar - un delito do que o país pronto nos consideraría culpables porque os seus corazóns non estaban na batalla.”
 
 Así falaba Margaret Thatcher en “The Falkands Play”, unha obra de teatro tan interesante como idealizada sobre as cavilacións do goberno británico sobre se ir á guerra das Malvinas.  Este mesmo tipo de cuitas estean tendo lugar encol do Brexit en todo o Reino Unido desde Número 10 ata as conversas de almorzo nas familias.
 
A presenza ou retirada da UE nunca foi só sobre cuestións comerciais ou liberdade de movemento. Os británicos disfrazan de utilitarismo pragmático o que é fundamentalmente unha ansiedade existencial sobre a súa identidade e lugar no mundo.
 
É central para o discurso histórico no Reino Unido entender as súas relacións con Europa en termos de xogos entre potencias, equilibrios de poder, vitorias e derrotas. Agincourt, Dunkerque, Waterloo. Market Garden. Se a BBC ten botado moitos máis documentais e ficcións sobre a Armada Invincible que TVE non só é porque os ingleses gañaran, senón polo lugar que ese conflito xogaba e xoga aínda na súa mentalidade colectiva.
 
Non é casual que o dispositivo que se está a preparar neste momentos polo nada descartable saída caótica da UE reproduza o utilizado na crise do volcán Islandés de 2010, cando o Primeiro Ministro mandou á Armada recoller a miles de turistas no norte de España ao estar todos os voos cancelados. Coma se a cinza na atmosfera fora a Luftwaffe e Santander fose o norte de Francia en 1940.     
 
Tamén por iso o actual simulacro de negociacións están practicamente abocadas ao fracaso, ao insistir o Reino Unido nun enfoque intergubernamental, de gran potencia a gran potencia, como se as institucións da UE fosen outra cousa ca un secretariado que simplemente toma nota do que deciden Macron e Merkel.
 
O feito que a saída ordenada da UE estea a ser ameazada seriamente por un tema relativamente menor como o control de certas mercadorías na fronteira entre as dúas Irlandas amosa o medo a quedar nunha relación indefinida coa UE da que temen non saber zafarse. A un nivel aínda máis fundamental, amosa a inseguridade sobre cal é o modelo de relación que se quere coa UE. No fondo, medo a que o discurso do excepcionalismo non cadre coas realidades de Grande Bretaña nun 2019 de repregues comerciais e identitarios, grandes bloques e potencias económicas e militares, desafíos medioambientais ou migratorios globais.
 
Dirase que iso é cousa dunha minoría anglocéntrica que lle lavou a cabeza á metade da poboación. Ao contrario, se ben se propoñen diferentes solucións, mesmo a ruptura do Reino Unido, isto non quere dicir que, no fondo, todos compartan o mesmo enfoque de base. Resulta notable que mesmo aqueles que con máis forza argumentan quedar na UE fano en termos fundamentalmente transaccionais, de vantaxes de permanecer e custes de saírse. Rara vez sobre o que os británicos, ingleses, escoceses, etc. estarían dispostos a sacrificar por ser parte da UE, ignorando que a UE, con todos os seus enormes defectos, é unha entidade política non internacional senón postnacional na que non se está, ou polo menos non se debería estar, simplemente por cuestións de toma e daca.
 
Isto é moi difícil na mentalidade británica (e, unha vez máis, poucas diferencias internas hai niso) xa que asumir tal cousa vai contra da mentalidade transaccional que domina a vida alí. A culpa, ou a sorte disto, hai que botarlla a Napoleón. A Europa continental foi capaz de expulsar aos exércitos imperiais mais na súa retirada deixaron un acervo constitucional, legal, administrativo practicamente idéntico en toda Europa. Un finlandés e un portugués teñen unha idea máis semellante do que son os dereitos ou do que é un cidadán que estes con un británico. Pola contra, os tratados de Unión entre Escocia e Inglaterra de 1707, acta de nacemento do Reino Unido, son un compendio de normas de pesos e medidas, aranceis e xuros. Todo o seu marco político, legal e mesmo identitario é un collage ad hoc no que sedimentaron moitas cousas, ás veces contraditorias.
 
Pero hai alo máis fundamental ainda. Levo case un cuarto de século de relación co Reino Unido. Visitante, estudante, empregado público e co tempo, con parte da familia dali. Unha vez fomos visitar o lugar de onde proceden. Algo relativo nun país no que a xente se move con moitísima máis frecuencia de que entre nós. A pequena vila tiña o pedigrí de estar xa no censo que Gullerme o Conquistador fixo compilar en 1086. Igrexa coma nas películas de época, un pub moi chulo, adro de herba...todo rodeado por un enorme suburbio impersoal de casas unifamiliares anónimas. Non hai xente pola rúa, cada un ao seu. Os restaurantes e os seus empregados son todos estranxeiros. Teño estado no último sitio a onde chega o tren nas Highlands e que o único restaurante sexa indio. Ou que o mellor Chicken Tikka Masala (auténtico prato nacional, máis có fish and chips) o fagan na illa máis remota de Escocia. Se aínda por enriba che toca vivir nun dos moitos lugares que hai con moi peores condicións de vida non é sorprendente que moitos se sintan alienados por vivir nun país que non senten coma seu. Este mesmo mes Eurostat volveu confirmar que o Reino Unido ten as desigualdades territoriais máis grandes da UE con moitos territorios con niveis de renda de Polonia (60-70% da media da UE) e Londres cun 623% (!!!) por enriba do resto de Europa.
 
Pero tamén é o sitio onde os migrantes teñen sido capaces de poder despuntar máis. Un dos principais candidatos a ser o novo Primeiro Ministro do Partido Conservador é de fillos paquistanís. Euroescéptico, coma moitos outros con orixe extracomunitaria, criados na promesa dunha Grande Bretaña ideal, e nun futuro que volva aos tempos intrépidos de Francis Drake, ao Compañía das Indias, as Guerras do Opio. Singapur no Támesis. Global Britain.   
 
Mais equivócanse os que pensan que o Reino Unido vai dereito a un burato do que non poderán saír. A capacidade de resistencia e reinvención é moitísimo maior ca noutro sitio da UE. É un sitio ancorado no pasado no que paradoxalmente só se mira ao futuro. Alí pasan as cousas anos antes que no resto da UE.
 
Coma moitos da miña xeración, e moitos migrantes de todo o mundo, atraíame a facilidade coa que eran facer as cousas alí. Baixar do avión e en tres horas saír cun traballo da oficina de emprego. Dábanche un número da seguridade social provisional con só presentar o carné español. Ese mundo que tan ben se reflectiu na excelente novela "A-Z" de Xesús Fraga (Xerais 2003). Este mesmo mes unha das editoriais académicas maiores do mundo publicou a miña tese de doutroramento sen coñecerme nin ter referencias previas, amizades, favores ou esixencias de que pagues ti os custes, esas miserias que tanto marcan a vida en celtiberia e en non poucas outras partes do continente.  Moitos, logo de padecer mil sufrimentos desde que saíron de Afganistán ou Somalia, prefiren arriscar a vida unha vez máis por cruzar o Canal da Mancha ca quedarse en Europa.
 
Emporiso, os británicos, sairán da UE agora ou un pouco máis tarde, pero en realidade nunca estiveron.

Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit
Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit | Fonte: Youtube.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos