O ecosistema do emprendemento en Galicia, posibles vías para novas ideas

A burocracia, a falta de apoios económicos ou o propio mercado, ás veces son elementos que botan para atrás iniciativas novidosas. Iso fai pensar en se actualmente o contexto permite desenvolver propostas máis achegadas aos novos o tempos e as súas demandas, ou pola contra, o ambiente non é o ideal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A creación dunha nova empresa cunha idea innovadora detrás pode ser un camiño longo, cheo de cuestións burocráticas e ao mellor acabar en nada por culpa dun mal deseño na súa presentación. A cuestión é que en vista das novas tendencias en diversos campos económicos de implantar solucións que aforren custos, tempo e man de obra, non son poucas as persoas que desexan sacar adiante solucións, sobre todo no terreo das TIC, enmarcadas na dixitalización do mundo laboral.

Sede de AgroBiotech, especializada en biotecnoloxía
Sede de AgroBiotech, especializada en biotecnoloxía | Fonte: Nitra24

Hai tempo que as administracións públicas e tamén entidades privadas, son conscientes da necesidade de crear o que denominan “ecosistemas” para xente emprendedora. Aínda así, o coñecemento sobre as vías de axua para o emprendemento son descoñecidas para unha grande parte das persoas

ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

O goberno autonómico ten unha serie de vías para o finanzamento do que chaman “startups” ou empresas innovadoras. A Consellería de Economía e Industria sinala que estas iniciativas “teñen que ser unha sociedade mercantil constituída, con sede fiscal ubicada en Galicia ou centro de traballo en Galicia, ou con intención potencial de crealo, que teña polo menos dous promotores”. Ademais diso, debería estar constituída nos últimos 42 meses e baseada nun modelo de negocio innovador e escalable. Isto pensando en modelos tecnolóxicos ou as spin off das universidades.

As iniciativas precisan de apoios, máis que nada nos primeiros momentos e sobre todo no que en IESIDE, denominan o “val da morte”, o estadio onde a empresa, en pleno funcionamento, pode quedar atrancada no camiño por falta de formación para focalizarse dentro do mercado.  Así nacen as aceleradoras, lugares físicos onde se imparten unha serie de pasos para que a empresa ou a idea saiba enfrontarse ao mercado e as súas esixencias. Estes pasos son mentorización, formación intensiva, educación dixital e titorización desde a aceleradora.

Existen aceleradoras en Galicia? Desde a administración galega responden que a “Xunta de Galicia apoia actualmente a través de StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras, un total de quince aceleradoras de innovación”. A maioría delas están especializadas segundo áreas que poden ir desde as novas teconoloxías, as químicas e tamén proxectos de consolidación e modelos de negocio. En total, segundo a Consellería de Economía e Industria, son quince en total as aceleradoras en Galicia, cada unha dentro do seu ámbito.

ESPECIALIZACIÓN E ORZAMENTOS PÚBLICOS

Outra cuestión é saber se existen dentro do “ecosistema” de empredemento galego, abondas opcións para satisfacer as diferentes propostas ofertadas. “Segundo a tipoloxía de proxecto, o seu ámbito e a súa fase de aceleración, a Xunta  dispón de distintos programas de aceleración” din desde Economía e Industria. Así, segundo a súa especialización “temos aceleradoras sectoriais, como a Business Factory Auto no sector da automoción ou a incubadora de descubrimento temperán de fármacos no ámbito da saúde, ou transversais, como ViaGalicia que engloba a todos”.

Con todo, desde a admnistración recoñecen que algunhas iniciativas terían prioridade sobre outras en base á transversalidade das mesmas. “É o caso das TIC  ou da biotecnoloxía. En todo caso, calquera sector é susceptible de recibir apoio á incubación ou aceleración” sempre que “presente un compoñente innovador”. 

No tocante ao investimento público para a incubación ou aceleración de empresas en Galicia, a resposta é que “o investimento total público-privado desde 2014 foi de máis de 20 millóns de euros, que permitiu mobilizar máis de 30 millóns de euros, apoiando a 900 proxectos de emprendemento que xeraron máis de 1200 empregos cualificados”.

APOIO PRIVADO

O Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE), que naceu da fusión das escolas de negocio de Caixa Galicia e Caixa Nova. Sobre a situación que agora mesmo vive Galicia en canto creación de novas iniciativas, Carlota Sánchez-Montaña, asegura que “Galicia ten un ecosistema emprendedor por riba doutras comunidades”.

Sobre a incubación e apoio a novas ideas, ou apoio para adaptarse ao mercado, Sánchez-Montaña di que “é a persoa que está detrás da idea ou da empresa quen ten que valorar se o mercado lle está pedindo innovar e adaptarse” para poder entrar en obradoiros inmersivos. “O que ofrecemos é unha serie de ferramentas para o mercado e así desenvolver as potencialidades dun modelo de negocio dentro da sociedade”.

Onde serían máis necesarias as iniciativas como esta? “Estarían as transformacións dixitais, nese campo é onde hai máis oportunidades” sinala Sánchez-Montaña que apunta tamén “a necesidade de creación de novas ideas e moi enxeñosas para a comunicación corporativa”.

Actualmente existen outras vías para acceder ao fortalecemento de ideas, á axuda para crear novas propostas, ademais das mencionadas. Con todo, en base ao recabado e ás opinións recollidas nunha reportaxe anterior, a mellor opción a día de hoxe para sacar adiante unha iniciativa innovadora tería que estar ligada ás novas teconoloxías, ser moi innovadora e dar unha solución factible a un problema real e sobre todo, saber ocupar o seu espazo no mercado.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

"Publireportaxe" ou, como lle chama agora LaCoz, "Remitido".

1 anonimo

Noticia fabulosa e increíble. Seguro que hai cen mil comentarios.