Empresarios que escorrentaron o medo

En 1934 , Massó, a máis moderna conserveira de Europa do seu tempo, tiña a súa sinalética interior en lingua galega. Décadas despois, nos cincuenta, os Laboratorios Zeltia publicaban o “ Calendario ZZ”, íntegramente en galego, cando estaba prohibida a utilización do noso idioma nas relacións comerciais e publicitarias, distribuído por feiras e establecementos de comercialización dos seus produtos.

Por Xosé Glez. | Redondela | 22/03/2019

Comparte esta noticia

Anos máis tarde, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, retomou aquel discurso de galeguidade empresarial con notabre éxito. Por primeira vez escenificouse a constitución dun grupo de empresas que se deu a coñecer na publicación “A empresa en galego”, unha edición moi coidada, na que unha ducia de directivos anunciaban a  incorporación da lingua galega a algunhas das súas actividades. En  COVSA (Construcións Obras e Viais), Construcións Malvar, mesmo chegaron a ter no cadro de persoal a figura do normalizador lingüístico. Supermercados Vego, nun período ben curto de tempo fixo visible o proceso galeguizador  nos seus supermercados. Pero a Empresa Castromil fora a máis mediática. Nas hemerotecas queda constancia da celeridade daquel proceso que contou co entusiasmo do director xeral da empresa, don Ramón Castromil. Editáronse os “Contos do Castromil”  e puxéronselles cos nomes de escritores e personaxes da historia de Galicia a toda a frota de autobuses;  accións merecentes da louva dos usuarios daquel medio de transporte.

Obras no litoral ao carón da antiga fábrica de Massó en Cangas
Obras no litoral ao carón da antiga fábrica de Massó en Cangas

Aquela eclosión de galeguismo empresarial desenvolveuse coa indiferenza das escolas de negocios das caixas de aforros galegas encargadas de formaren a directivos empresariais, e das facultades de económicas das tres universidades galegas, que aínda seguen ignorando nos seus plans de estudos a historia do pensamento económico galego e dunha tradición empresarial galega precursora da filosofía da responsabilidade social corporativa.

Malía estas actitudes, o máis difícil estaba feito. Para dar continuidade a ese labor encargouse o Foro E. Peinaddor. Nese camiño é de salientar a excepcional colaboración de don José Francisco Viñas,  presidente do Estaleiro Hijos de J.Barreras e de don José Domínguez, presidente de ACLUNAGA (Clúster do naval).En dúas ocasións celebráronse senllos actos de investidura de galeguidade empresarial, paralizando a actividade laboral para que obreiros e convidados ao acto participasen naquel feito sen precedentes na historia de Galicia e noutras comunidades autónomas con lingua de seu. De todo aquilo quedou constancia audiovisual en www.galeguizargalicia.com (“Barreras galeguízase” e “Embarcamos coa lingua”).
Parello a este labor, o Foro E. Peinador desenvolvía outras accións para galeguizar as empresas do sector agroalimentario, nomeadamente o sector vinícola que tan bos resultados deu, secundado por outras do mesmo ámbito que incorporaron  o noso idioma á etiquetaxe dos seus produtos. Deste xeito conseguíuse a visibilidade da lingua galega nos mercados, mesmo nos internacionais.

O próximo día 27  a Vermutería de Galicia, que fabrica o coñecido Vermú Petroni, e a prestixiosa Conservas Friscos de Catoira, presentarán a primeira marca de mexillóns etiquetada en galego. Estamos no certo ao afirmar que  o seu exemplo terá o arrastre suficiente para que dentro de pouco tempo outras conserveiras segan o exemplo.

Agora teñen a palabra os consumidores; os que están preocupados pola nosa economía e un futuro mellor para a nosa lingua.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.