A esquerda e o nacionalismo galego: a división da división da división

Hai sete anos en Galicia só había tres grandes forzas políticas. Hoxe son dez os grupos ou formacións con certa presenza nas institucións do país e, a maior parte delas, do espectro nacionalista e de esquerdas. A ruptura do espazo de En Marea e a presentación de varias listas no espectro nacionalista e rupturista pode provocar que todos queden sen escano en Madrid.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/03/2019 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia
-sodes da fronte xudaica popular?

Beiras nun mitin de AGE nas pasadas eleccións autonómicas
Beiras nun mitin de AGE nas pasadas eleccións autonómicas
- vai á merda! fronte xudaica popular? Somos da fronte popular de judea! fronte xudaica popular: Disidentes!

-Aos únicos que odiamos máis aínda que ao pobo romano son aos cabróns da fronte do pobo xudaico... disidentes!

-e á fronte popular do pobo xudaico... disidentes todos!

- e á fronte popular de Xudea.... disidentes!

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG | Fonte: Kopa
-queee?

- a fronte popular de Xudea... disidentes!

- a fronte popular de Xudea somos nós

- eeeh, isto, crin que eramos da Unión Popular, da fronte popular. Que pasou coa unión popular, Rex?

- alí está (sinala a un que está sentado só e apartado)

- DISIDENTE!

Esta é unha das coñecidas escenas da película A vida de Brian, dirixida e interpretada polo grupo cómico Monty Python e estreada en 1979. Un filme que representa fielmente o que acontece cos partidos de esquerda xa desde os anos 70. Un fenómeno que en Galicia eclosionou con virulencia durante esta década tras a división do nacionalismo galego na Asemblea de Amio en 2012 e que continuou, en maior e menor grao e con novas e vellas siglas políticas, ata a pasada semana.

A división de facto do espazo político que deu orixe a En Marea non deixa de ser, no fondo, unha continuación desta división da división que polo medio deixou á deriva a milleiros de votantes. Desde ese 2012 o nacionalismo galego dividiuse en varios cachos. Comezou co Encontro Irmandiño, enfrontado á UPG, e derrotado na asemblea de Amigo. Un grupo no que estaba Máis Galiza, Esquerda Nacionalista, o Espazo Ecosocialista Galego, Nova Esquerda Socialista, Frente Popular Galega (FPG), Partido Comunista do Povo Galego (PCPG), Movemento pola Base (MpB), Causa Galiza, Fronte Obreira Galega (FOGA) (creado por exsindicalistas da CIG), Nacionalistas de Marín e un pequeno sector escindido do PSOE de Vigo.

Dese entramado de partidos sairían despois dúas formacións políticas; Compromiso por Galicia e Anova-Irmandade Nacionalista. Dúas formacións que decidiron adoptar camiños diferentes. A primeiro preferiu camiñar en solitario, baixo o paraugas dun partido socialdemocrata e galeguista,  e o segundo aliouse con Esquerda Unida e Equo para concorrer nas autonómicas de 2012. Foi o comezo dunha nova xeira electoral e tamén dunha nova etapa política que cimentaría as bases do que logo sería o fenómeno de Podemos.

A CHEGADA DE IGLESIAS A GALICIA

De feito, neses comicios autonómicos traballou como asesor Pablo Iglesias, entón un destacado activista de esquerdas e comunicólogo a través do programa La Tuerca. E foi aí onde se cimentou a amistade entre Yolanda Díaz e Pablo Iglesias e, tamén, entre Iglesias e Beiras. Unhas amistades que correron sortes diferentes.

Así, Iglesias e Díaz entablaron unha relación que vai máis alá do político e que mesmo interferiu na elaboración de listas entre Podemos, IU e Anova en Galicia. De feito, mesmo se barallou a posiblidade de “colocar” a Yolanda Díaz nas listas de Madrid. Pola contra, Beiras e o líder de Podemos foron distanciandose e a súa relación é, agora, inexistente. 

Tras o éxito de AGE nas autonómicas e nas europeas, nas que se acadou colocar na Eurocámara a Lidia Senra, chegaron os comicios municipais, xerais e os autonómicos. Con Podemos en alza, AGE descompuxose para dar lugar a grandes mareas municipalistas e a un novo grupo, En Marea, no que tiñan cabida Podemos, IU, Anova, Equo e mareas nunicipalistas.

Un modelo que, curiosamente, comezou a descompoñerse ao pouco de comezar, pincipalmente, polas contradicións internas. Unhas contracións que se agudizaron cunha campaña mediatica en contra dalgúns grandes grupos de comunicación, principalmente, La Voz, gran soporte do PP e do BNG nos últimos tempos.

AS DIVISIÓNS

Ben é certo, que boa parte das informacións xornalísticas viñeron dadas polas grandes contradicións de En Marea. Un modelo cheo de divisións e que acabou por facer augas, primeiro nos grupos parlamentarios de Galicia e de Madrid, logo no escano europeo e, finalmente, nos espazos locais. 

As divisións de En Marea son, en parte, as mesmas que consumiron ao BNG; problemas persoais, máis que políticos e formas de facer política que son completamente contradictorias ao suposto ADN dun espazo rupturista que, fala do poder das bases, e logo tece, fía e acorda todo desde arriba.

E no medio da división da división tamén está un grave problema de concepción política do Estado. Un modelo entre “nacionalistas” e “españolistas”, en palabras de algúns dirixentes do propio espazo, ou mellor, un modelo entre confederados e soberanistas. E foi, aí, onde xurdiu a división, da división da división. Por un lado os villaristas e Cerna, un colectivo enfrontado directamente con Podemos e IU --a quen consideran "forzas españolas"-- e que se excindiu de Anova, precisamente, por non estar dacordo cunha visión máis plural do Estado. Hai quen di que son eles os verdadeiros dinamitadores do espazo do cambio. Polo outro, Podemos e IU, escorados cara a unha visión plurinacional, pero máis centralista e con centro de poder no grupo de Unidos Podemos. E no medio, Anova.

MARCHA DE ANOVA

Porque nesta crónica dunha morte anunciada a nova división de Anova do espazo rupturista de Podemos e IU non deixa de ser unha nova contradicción interna que ven máis dada polas decisións dos de arriba que polas decisións dos de abaixo. 

Anova non participará das Xerais porque como deixou claro o seu voceiro nacional "non foi posible un acordo entre iguais similar ao de 2015 e 2016".  As conversas xa encallaron ao pouco de iniciarse pola intención de Podemos e Esquerda Unida de colocar a Yolanda Díaz como cabeza de lista por Pontevedra, posto reservado para Anova nas candidaturas das xerais en 2015 e a súa repetición en 2016.

Finalmente, Anova dediciu apartarse logo de ser, en parte, o motor do cambio en Galicia. Un motor do que se aproveitou, consumiu e logo desbotou ese suposto espazo de cambio, principalmente, forzas que nun momento inicial non tiñan ningunha implantación en Galicia como IU ou Podemos. Beiras pulou por ese cambio e foi a súa cara visible durante moito tempo. Pero a súa figura acabou tamén tocada, como a dun cromo desgastado e repetido que ninguén consegue xa cambiar.

De feito, IU e Podemos decidiron utilizalo ata o final e filtrar o seu nome ao xornal que, curiosamente, acusan de "manipulador", nunha operación que acabou coa paciencia de Anova. Unha formación que durante anos deixou facer crendo que o espazo rupturista era unha casa común na que eles representaban o polo máis puro e máis nacionalista de Galicia. Unha ilusión que acabou rachando o seu propio ADN de formación galega.

ALEXANDRA FERNÁNDEZ

E diso sabe moito Alexandra Fernández, a única deputada en Madrid que seguiu unha liña propia e non as ordes emanadas desde Unidos Podemos no Congreso. As contradiccións internas de Anova, foron tamén as do nacionalismo galego, incapaz de artellar unha casa común porque as feridas de Amio aínda seguen supurando e agora as divisións, das divisións das divisións loitan por ver quen o ten máis grande....O apoio electoral, enténdase.

Ela quixo artellar ou tentar recompoñer esa casa común. Tentou que En Marea e o BNG chegaran a un acordo antes da ruptura de Anova con Podemos e IU para ir nunha fronte común. Villares deixou facer exceptico --algo que critican del, a súa indecisión en decisións fundamentais-- e do BNG recibiu un convite a unirse as súas filas. Pero nada de unión. E por iso, frustrada, decidiu marchar para casa.

Neste espazo todos xogan a ver quen saca máis votos para tentar xogar logo con vantaxe. Pero iso xa non é estratexia, é munición para o inimigo, e, como di un vello nacionalista "ao nacionalismo agárdalle unha longa travesía polo deserto". 

-sodes da fronte xudaica popular?

- vai á merda! fronte xudaica popular? Somos da fronte popular de judea! fronte xudaica popular: Disidentes!

-Aos únicos que odiamos máis aínda que ao pobo romano son aos cabróns da fronte do pobo xudaico... disidentes!

E nesta guerra entre nacionalistas e non nacionalistas ou entre españolistas e soberanistas todos perden porque o electorado nunca perdoa a división da división da división.

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Igrexas (Podemos). EUROPA PRESS - Arquivo
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Igrexas (Podemos). EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

11 M. Vila

Para os devotos do BNG, beatas de En Marea, agradecidos do PCE e fans de Podemos (confesos centralistas ou disimulados, de ANOVA), vai unha aposta: desta vez ningún das alternativas vai rascar!!! Nada, zero!!! Na Galiza todo vai ser PP e PSOE, e antes saca Ciudadanos e Vox. Esta vai ser unha labazada monumental. Sen cobertura ou verniz galego En Común Unidas Podemos non son nada, nin se precisan... Xuntos En Marea e BNG, traballando, podían aspirar a 2 deputados, e ilusionando a 4 ou 5, grupo de verdade. Por separado, non enganedes, zero!!! Por iso, os que non mamamos nin aspiramos a mamar da política, debemos poñer as cousas claras: ou unidade de En Marea e BNG ou quédome na casa!!! A nin non me engañades, non estou para apoiar chiringuitos de partido, perder o tempo ou desencantarme. Non estades á altura!!! Manteño a aposta: sen unidade , zero!!!

1 lóstrego

Con unidade,"la chispa de la vida"! Da marea só queda a marca, como cando se acaba a cokacola. Eu volto ao bloque!

2 Caselas

Apoio. Sen unidade BNG e En Marea, eu quedo na casa. Co meu voto, por separado, que non conten. E farei campaña activa pola abstención. Por separado non hai ningunha posibilidade, que non vos enganen os iluminados e tronantes do partido-negocio de marca...

3 Desfeita

Faltouvos dicir como a señorita Escarlata: A Deus poño por testemuña... Por que non votades directamente VOX? Eu tamén prefería que fosen xuntos En Marea e o BNG, pero esas exquisiteces do votante de esquerdas son as que dan o poder á dereita. Claro que sempre hai quen prefire catro anos queixándose dun goberno de dereitas que aturar un de esquerdas que non cumpre o 100% das súas expectativas.

10 Nuno dos bifontes

Mola mucho el trozo de La Vida de Brian, pero teniaís que haberlo puesto en idioma original.

9 Xanc

Aos que din que Néstor Rego non é un candidato que ilusione... Alguén sabe o nome da senadora de En Marea? Tic, tac, tic, tac. Esa si foi unha candidatura ilusionante, non? Ás que din que a candidatura de N.Rego non é ilusionante... Cal foi o 1o deputado da Marea por Ourense? Tic, tac, tic, tac. Xa vexo que ilusionaba moito, e levou o 20% dos votos

1 Fran do Covelo

Alguen, fóra da familia política, sabe quen é o tal Néstor? O que pactou con Bugallo en Compostela? O dos trapitos da tenda de la arruga es bella de Adolfo Dominguez? O controller da U? ... Debe ser tan descoñecido e inútil como a senadora que quentou asento (mérito grande) e o deputado efémero (algo chupou). Ilusioante? Si, hai moito iluso!

8 Loisc

Que La Voz dá soporte ao BNG??!! Hahaha. O que está claro é que moita xente demonizou o nacionalismo/soberanismo e agora anda buscando por el. Lembrades o de o Bloque é unha ferramenta vella, “o que queda do Bloque”, o moderno é o rupturismo e Unidade Popular, os coronéis da U desfán todo, etc etc. Nada era certo! Algo que é certo, é que nas Asembleas locais están dándose de alta militantes que nunca estiveran en partido algún e a maioría non chega aos 40 anos. Dende a alta de Suso de Toro en xaneiro, a militancia do BNG aumentou en case 1.000 persoas.

1 Cardoso

Susiño de Touro, sempre ao sol que máis quenta.

2 Sentidiño

Acredito no aumento de militancia do bng, mais non no efecto chamada de Suso de Toro... Foi o fan número 1 de Camilo Nogueira, e fíxolle un libro; pasou a devoto de Zapatero, e fíxolle un libro; agora segue a Ana Pontón... vou ter que pasar por Couceiro...

7 Xoaquín

Non comparto algunhas cousas da crónica pero teño que felicitarvos por ser os únicos que tentades poñer sempre un pouco de cordura a toda esta trapallada na que se converteu a política.E vese, como nos pasa a moitos, que estades fartos de politicuchos, sexan da marea, do bloque, dos podemitas, dos anovos, dos IU ou dos de Cerna. A ver se isto axuda a recapacitar a moitos para tentar volver a un espazo común no que TODOS E TODAS esteamos cómodos. Algúns imos vellos pero non perdemos a fé.