Como ven as crises no PP: "Apróbanse as listas e imos todos a un tempo"

Mentres que a esquerda e o nacionalismo levan as diferencias aos medios, o presidente do PP de Ourense cre que falar de purga ao marianismo nas listas é "política de ficción", a pesar de ser o único dirixente galego que apoiou a Soraya Sáenz de Santamaría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O presidente do PP na provincia de Ourense, José Manuel Baltar, asegurou este mércores que a situación do seu partido a nivel nacional é "magnífíca" e, preguntado sobre se hai unha depuración de afíns a Mariano Rajoy nas listas para as eleccións xerais confeccionadas pola dirección de Pablo Casado, atribúe esta cuestión a "un tema de política de ficción".

A ollos do tamén presidente da Deputación de Ourense, a elaboración das candidaturas non parece conducir a ningún cisma, "senón que son idóneas para unha volta á normalidade". Baltar foi o único dirixente galego que apoio claramente e publicamente a Soraya Sáenz de Santamaría, afín a Rajoy, e mesmo amosou en privado as súas diferencias co novo PP de Casado. Con todo, e a diferencia dos partidos da esquerda e nacionalistas, evitan as críticas en público.

Satisfeito co resultado final, Baltar expresou que ve as listas "perfectamente preparadas e cohesionadas para unha España que necesita un retorno a unha política estable". Non lle cabe dúbida de que as eleccións xerais "alumarán un Goberno presidido por Pablo Casado que contribuirá ao crecemento, dinamismo e emprego", cuestións que di verse "resentidas, sen dúbida, por este caótico Goberno de Pedro Sánchez".

Así mesmo, preguntado sobre se se fixo unha purga cos 'marianistas', dixo que "non interpreta para nada iso" e atribúeo a "un tema de política de ficción". Tamén recalcou que "se trata dun procedemento no que as provincias fan as súas propostas, tal e como está recollido nos Estatutos": "Apróbanse as listas e imos todos a un tempo para obter o mellor resultado posible".

Volvendo a Mariano Rajoy, insistiu en que non atopa nas listas unha lectura na súa contra, senón que todos no partido deben sentirse "orgullos" da súa etapa de Goberno, "a anos luz" da xestión de Pedro Sánchez. De cara ás xerais do 28 de abril, Baltar espera manter "a marca histórica de participación na provincia, de votos ao Partido Popular e de escanos". Neste momento contan cun resultado de 3-1 no Congreso e no Senado e dixo que van "loitar e traballar por manter eses mesmos resultados".

AS LISTAS NO PSOE DE OURENSE

Tras o adeus do portavoz socialista no Concello de Ourense, Miguel Ángel Vázquez Barquero, foron moitos os rumores que apuntaban como motivo principal o rexeitamento de Ferraz da súa lista para os comicios locais do 26 de maio, a pesar de que o xa exconcelleiro reiterou que as causas da súa decisión non eran máis que "de índole persoal".

A última semana deixou un mar de opcións abertas e combinacións posibles na política municipal. Xunto con Barqueiro, confirmouse tamén a saída do Concello do concelleiro socialista José María García Tejerina. Así mesmo, esta mañá coñecíase a renuncia do número tres do PSOE ao Senado pola provincia de Ourense, Eva Maldonado, ao ser relegada nas listas.

Baltar puxo en valor o papel do seu partido de cara ás municipais ao ser "o único que conta cunha proposta sólida e diferenciada doutras formacións", froito de que, segundo as súas palabras, os populares son "especialistas á hora de facer un pacto previo coas veciñas e veciños á longo de todo o ano, non só nos días de campaña electoral".

Sáenz de Santamaría e Baltar nun acto en Ourense
Sáenz de Santamaría e Baltar nun acto en Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta