Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 14:45
A plataforma de afectados e o Goberno municipal solicitaron "transparencia" á Xunta e actuacións "inmediatas" para garantir a salubridade da auga, o aire, o medio ambiente e das persoas na zona de Miramontes, tras a decisión da Fiscalía de presentar dúas denuncias por suposto delito ambiental contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosuelos da canteira,
A Fiscalía de Medio Ambiente trasladou ao xulgado as citadas denuncias contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta, Sertego Servizos Ambientais S.L. e Tecnosuelos Galaicos S.L., acción derivada das denuncias da Plataforma, o concello e a Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago de Compostela (Ferusa).
No caso do vertedoiro, a Fiscalía considera que a mala xestión do mesmo pode supor un posible delito ambiental, enumerando unha serie de incumprimentos recolleitos nas actas de inspección realizadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta.
En declaracións aos medios, David Martínez, membro da plataforma de afectados, agradeceu esta noticia "esperada durante moito tempo" e mostráronse "esperanzados" e "reconfortados" de que o traballo realizado "está a ter algún froito".
A partir de agora, sinalou, toca esperar o avance do proceso xudicial, que poderá "dilatarse no tempo", polo que ve necesarias actuacións "inmediatas" que garantan tanto a saúde das persoas, como da auga, o aire e o medio ambiente da zona. "Non podemos esperar a que finalice o proceso", insistiu.
"RISCO" PARA OS VECIÑOS
O rexedor municipal, Martiño Noriega, destacou pola súa banda o traballo "rigoroso" realizado pola plataforma de afectados e mostrouse "convencido" de que a explotación da canteira de Miramontes como vertedoiro "puxo en risco" a situación ambiental da zona e a saúde dos veciños.
Un caso que Noriega enmarcou no "colapso" do sistema de tratamento de Sogama e, por tanto, da "reutilización" dunha canteira para chegar a unha situación "de feitos consumados de grave risco para a xente".
Finalmente, o rexedor quixo deixar constancia que desde o Concello eleváronse "ata catro requirimentos" á Xunta desde Novembro que quedaron "sen resposta", polo que solicitou á Administración que sexa "transparente" para levar a cabo a "necesaria colaboración institucional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.