Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 16:50
O PSOE de Pontevedra demandou "medidas especiais" ante unha "praga de ratas" que afecta xa "a zonas moi transitadas do centro urbano", ante o "deixamento" do Concello para frear a súa proliferación.
O candidato socialista á Alcaldía denunciou que as "queixas pola presenza de ratas son habituais en zonas como Pontevedra Este, Fernández Ladreda, a contorna do río Gafos, Mollavao, a rúa Loureiro Crespo ou a avenida de Vigo".
En concreto, o socialista alerta de que as ratas poden chegar "ata os 32 centrímetros de lonxitude e pesar entre 280 e 520 gramos".
Ante esta situación, advirte que "de non manterse baixo control, alcanzan con facilidade o carácter de praga", ao devorar "alimentos de casas e adegas" e transmitir "graves enfermidades".
Ante a posibilidade de que estas "ratas pardas ou ratas de sumidoiro" se convertan nun "verdadeiro problema sanitario para Pontevedra", a agrupación municipal do PSOE reclama ao Concello que lle pida á empresa concesionaria de limpeza e recollida de lixo que "asuma as súas responsabilidades e execute as desratizacións que lle corresponden".
Segundo apunta o portavoz do PSOE, as femias teñen "normalmente entre dúas e oito camadas de seis a catorce crías por ano", pero o cambio climático "incrementou as temperaturas, mudou o seu período de hibernación e, en consecuencia, aumentou o número de camadas".
Na súa opinión, o Goberno local debería adoptar "medidas especiais" en determinados barrios, xa que "como non atallen o problema, van ter que chamar ao flautista de Hamelin".
A Agrupación Municipal socialista xa denunciara a invasión de ratas na zona do Recinto Feiral, onde a "plena luz do día", os roedores "se subían literalmente ás árbores". Aínda que tras aquela denuncia efectuouse unha desratización, "é unha problemática reincidente, xa que as ratas volven proliferar se non se fai un seguimento e control".
Por este motivo, Tino Fernández avoga polo deseño dun "plan de desratizacións periódicas" por parte da empresa concesionaria, que ten en conta a existencia de "puntos quentes de presenza de ratas" nos que hai que actuar "con maior intensidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.