O Foro Económico pide que se abandone o "individualismo político" na defensa do sector industrial

O seu coordinador, Fernando González Laxe, puxo de exemplo a Euskadi, onde "compartiron" unha estratexia "sempre, independentemente de quen gobernaba". Así mesmo, referiuse á deslocalización e á robotización como causa da perda do peso deste sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O economista Fernando González Laxe, coordinador do Foro Económico de Galicia, instou aos partidos políticos a establecer na comunidade galega unha "estratexia de defensa do sector industrial" sen "individualismo político", do mesmo xeito que "sempre" se fixo no País Vasco.

No transcurso en Santiago da presentación do Informe de conxuntura económica de Galicia, preguntado pola posibilidade de peche de industrias como Alcoa, Ferroatlántica ou Ence, González Laxe mostrou a súa "preocupación" ante o feito de que o sector industrial supoña só o 16%, con "tendencia decrecente", cando tanto a Xunta como o Foro cifrara a porcentaxe necesaria arredor dun 20%.

Ante isto, valorou que existen dous grandes motivos. O primeiro xira en torno á deslocalización,  debido á preferencia de empresas por lugares con maior poboación nova, a elección empresarial por lugares para unha maior accesibilidade da ensamblaxe de grandes cadeas ou como consecuencia de políticas de baixada de impostos ou facilidades administrativas, así como a proximidade de lugares xeradores de tecnoloxía.

En segundo lugar, vinculou a destrución industrial á dinámica da automatización, a dixitalización e a robotización, coa substitución de man de obra nun ámbito e a creación en novos segmentos.

"Se xuntamos as dúas, todos os países están preocupados pola desindustrialización e a tercialización industrial", e "quen mellor o faga, mellor sosterá ou manterá as empresas". Pero, a maiores disto, lembrou que o Foro "sempre puxo de exemplo a outras comunidades", que "sempre apostaron" por unha "política industrial", como Euskadi.

"O individualismo político lévanos á dificultade dunha estratexia compartida", agregou González Laxe, quen puxo o foco no País Vasco onde "compartiron sempre a defensa do sector industrial, sempre, independentemente do partido ou a coalición que gobernaba". En cambio, conclúe que en Galicia "falta compartir unha estratexia de defensa do sector industrial".

Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Archivo
Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta