O BNG critica á Igrexa e pide "acabar cos seus privilexios"

Denuncia que a Igrexa non estea obrigada a pagar determinados impostos e que se inclúa a Relixión no ensino público. Pontón acusa a Feijóo de "rei da soberbia" no conflito da Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, Néstor Rego, adiantou que os nacionalistas pedirán unha revisión dos acordos bilaterais que o Estado ten co Vaticano para "acabar coa situación de privilexio que ten a Igrexa católica" e así "cumpra coas súas obrigacións, incluídas as tributarias".

Tal como destacou Rego este martes en declaracións a Europa Press, estes "moitos privilexios" dos que goza a Igrexa non só supoñen "un agravio con outros sectores sociais" senón que tamén "deixan en papel mollado a teórica separación entre este ente e Estado".

"Non é a primeira vez que o BNG realiza esta petición, de feito foi a primeira forza política que levou a revisión do Concordato ao Congreso. Fixémolo en varias lexislaturas e sempre foi tombada pola maioría parlamentaria. Tanto o PP como o PSOE están polo labor de manter os privilexios da Igrexa", reprochou Nestor.

Entre os privilexios "evidentes" que ten a Igrexa, o candidato nacionalista subliñou a exención de determinados impostos "como o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e o de sucesións" e a "garantía de que a Relixión estea no ensino público cunha categoría similar á doutra materia".

"O criterio que o BNG defende é o de respecto a todas as crenzas relixiosas, entendendo que son do ámbito privado, tamén de respecto á ausencia de crenzas relixiosas. Desde ese punto de vista dunha separación efectiva de Igrexa e Estado é evidente que hai que revisar eses acordos para acabar con esa situación de privilexios e para que cumpra coas súas obrigacións, incluídas as tributarias", explicou Rego.

Neste sentido, referiuse a as palabras do Papa Francisco nas que sinalaba que a Igrexa tamén debería pagar impostos. "Supoño que foi unha declaración, agora falta levalo á práctica para que tamén os concellos teñan a capacidade de recadar os impostos polo inmenso patrimonio que ten a Igrexa no noso país", sentenciou Rego.

BNG PEDRO
BNG PEDRO | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS A FEIJÓO

Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ser o "rei da soberbia" no conflito médico de Atención Primaria. Pontón, nun acto dos nacionalistas na estación de ferrocarril de Lugo, mostrou " moita preocupación ante o desmantelamento que se produce na sanidade pública", en relación á folga convocada para o 9, 10 e 11 de abril en Atención Primaria.

"O que nos din os propios profesionais é que desde a Xunta de Galicia non hai vontade de diálogo, e se non hai vontade de diálogo é moi difícil facer cambios en Atención Primaria", subliñou. Pontón cualificou tamén de "acto de cinismo supino ver como agora Feijóo critica as leis de estabilidade orzamentaria que defendeu durante oito anos e que impuxo o Partido Popular".

TREN SANTIAGO-LUGO

Xunto coa cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Maite Ferreiro, Pontón reivindicou na estación de tren da cidade amurallada unha conexión directa de Lugo con Santiago, dado que na actualidade son necesarias cinco horas entre estas dúas cidades, separadas por pouco máis de 100 quilómetros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Lugo e Santiago non están separadas por ferrocarril 100 km, senón moito mais, ( polo menos 180 km) porque compre ir a Coruña ou Ourense. E non ten sentido una conexión directa de Lugo a Santiago porque o tempo de viaxe ( por mor dese rodeo necesario) non ía ser competitivo ca estrada. ¿ Será capaz o BNG de entender eso ? Porque a teima da conexión directa por tren de Lugo a Santiago, é eso, una teima.

1 Gamela

Se quixeran traballar tiñan caso hai tempo coa Fundación Catedral e os 10 € do Pórtico da Gloria (privatizando a cultura!) E se quixeran traballar terían investigada esta outra Fundación entre o Obispado Tui-Vigo e o Arcebispado de Barcelona pola que transmitiron as propiedades galegas cara a Barcelona !!! https://flic.kr/p/RboG8y Morto o can, acabouse a rabia? O BNG leva demasiado tempo mirando para Cuenca (perdón para Catalunya!) Xa está ben !!!