Ameazan ao colectivo gai en Valdoviño: “Matar gais”

Esta foi a pintada que apareceu na casa dunha parella homosexual desta localidade.

Por Galicia Confidencial | Valdoviño | 10/04/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

“Gais matar”. Foron as duras palabras que se atoparon Marcos e Gustavo, unha parella homosexual, ao pé da súa casa en Valdoviño. Un feito que aconteceu o pasado 4 de abril.

Bandeira LGTBI
Bandeira LGTBI

Este feito é o último episodio dunha cadea de ataques que levan a sufrir desde o 2015, pouco despois de mudarse á localidade, polo simple feito de ser unha parella gai. Unha pintada que se suma ás continuas confrontacións que levan vivindo con algúns dos seus veciños ao longo dos últimos 4 anos, nos que tiveron que aturar insultos homófobos como “maricóns” ou ameazas como que “algún día ides arder”. 

Ademais, o colectivo Avante LGTB acusa a parte destes veciños de ter iniciado unha campaña de desprestixo contra esta parella e de levalos ante os tribunais baixo a acusación de ser pederastas. “Esta acusación debemos entendela no contexto histórico de opresión do colectivo LGBT que aínda a día de hoxe debe loitar conta o estigma que nos foi imposto de ser pederastas en potencia, e que levou a que durante décadas se apartara a homes gais, bisexuais e mulleres trans de todos os postos de traballo relacionados con crianzas, e que segue a formar parte do imaxinario colectivo sendo unha das causas da falta de aceptación da adopción por parte de parellas de homes homosexuais”, indica nun comunicado.

Por iso, esta entidade denuncia esta situación, así como a pasividade das institucións ás que acusan de “non mover un dedo” por protexer a esta parella dos delitos de odio dos que están a ser vítimas. “É intolerable que hoxe en día o noso colectivo siga a sufrir este tipo de ataques e discriminación”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta