Apelación ao voto útil e aos medos da ultradereita e do independentismo no inicio da campaña

Estas xerais presentanse como as máis polarizadas desde o inicio da democracia. Por unha banda un bloque de dereitas, e polo, outro as esquerdas e o nacionalismo. PP competirá con C's e Vox. E o PSOE con En Común Unidas Podemos, En Marea e o BNG.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/04/2019 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

O 28 de abril marcará un antes e un despois na política española. E tamén na galega. Por primeira vez na historia de democracia os partidos van a uns comicios completamente divididos en dous polos; a dereita e a esquerda. Xa non hai término medio, nin centro. E esta polarización tamén se está vivindo na rúa e na campaña electoral que comezou este venres.

Votando nunhas eleccións
Votando nunhas eleccións | Fonte: EP

Galicia, o feudo do PP por excelencia pode deixar de selo por unha división do voto da dereita nunca visto neste país. Agora, o votante do PP tamén pode elixir entre Ciudadanos, de centro-dereita e Vox, de ultra dereita. Unha fragmentación que tamén se dará na esquerda e no nacionalismo onde competirán o PSOE e En Común Unidas Podemos, na esquerda e En Marea, BNG e Compromiso por Galicia, no nacionalismo.

Por iso, neste inicio de campaña todos os partidos fixeron unha apelación ao voto útil e fixeron un chamamento a evitar pantasmas do pasado; uns as pantasmas do fascismo e da ultradereita e outros do independentismo e a secesión. 

VOTO ÚTIL

Así, o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, apelou á "unidade do voto" no seu partido nas próximas eleccións xerais para que en España "haxa un Goberno como o que prefire a maioría dos galegos". "Se nos unimos no PP, a España iralle mellor, como nos foi en Galicia; se nos dividimos, só iralle mellor a Pedro Sánchez, e iso non é bo nin para os galegos nin para o resto de españois", asegurou.

No seu discurso denunciou que votar ao PSOE é votar aos secesionistas e aos populistas e tamén criticou a partidos como C's ou Vox “sen implantación nin propostas para Galicai”.

Moi diferente foi o discurso do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que tamén reivindicou o "voto útil", pero ao Partido Socialista, para facer fronte ao "risco da ultradereita". “O PSOE é o partido que encarna o compromiso cunha sociedade máis xusta", dixo.

Na súa intervención, puxo de manifesto a relevancia da política social posta en marcha polo goberno liderado por Pedro Sánchez no últimos dez meses, nos que a aposta foi polo "progreso" e polo "avance" en materia de "dereitos e liberdades" e de protección social.

POLÍTICAS SOCIAIS

Pola súa banda, En Marea e En Común Unidas Podemos reivindicaron as políticas sociais. En Marea iniciou a súa campaña electoral coa que aspira a "impulsar unha axenda propia para unha Galicia de oportunidades" e participar na conformación dunha maioría democrática que "amplíe dereitos" no conxunto do Estado.  

Así, Luís Villares presenta un programa con 299 medidas "urxentes" para Galicia, coas que quere mellorar a calidade de vida dos galegos á vez, rematar coa precariedade, crear emprego de calidade, favorecer a cohesión territorial e garantir unha mellor calidade de vida no conxunto do territorio.

En Común Unidas Podemos destacou que "un futuro goberno progresista depende dos resultados" das urnas galegas. Por iso, resaltou a número un por Pontevedra, a ferrolá Yolanda Díaz, subliñou que "un goberno progresista ao servizo da xente e das maiorías pasa porque En Común Unidas Podemos teña un resultado que coloque a Galicia no Estado para ser determinante para o próximo Goberno".

A VOZ EN MADRID

O Bloque Nacionalista Galego tamén fixo un chamamento a frear a “involución democrática” no Estado. A líder da formación, Ana Pontón, amosouse "segura da remontada" da formación frontista para volver a Madrid tras seis anos de ausencia.

"Votar BNG é votar con ilusión a favor de Galicia, garantía de que imos condicionar a política do Estado para mellorar a vida dos galegos e, ao mesmo tempo, é un voto a favor dos dereitos e das liberdades", salientou Pontón.

Os cabezas de lista de Ciudadanos ao Congreso polas provincias da Coruña e Ourense coincidiron ao celebrar o inicio da "rexeneración de verdade" coa carreira electoral que culminará coas eleccións xerais do próximo 28 de abril. Así, a candidata á Cámara baixa pola Coruña, Marta Rivera, destacou que este venres empeza "unha etapa de progreso, de modernidade, de orgullo". "Unha etapa de futuro para a autonomía", apuntou.

Finalmente, Compromiso por Galicia comezou en Ourense o seu acto central de pegada de carteis. Os galeguistas centrarán a súa campaña en tentar dar resposta aos galegos e galegas que queren dar resposta sensata para resolver os problemas que ten o noso País.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta