O exceso de cabezas de gando, posible causa do problema dos xurros na Limia

A polémica polo tratamento de xurros procedentes das explotacións gandeiras chegou xa a Bruxelas. A creación da Mesa da Limia é un intento de porlle unha solución, mais a cuestión apuntada por sectores veciñais e ecoloxistas é a sobresaturación de explotacións gandeiras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O desenvolvemento de calquera sector agrario leva unido tamén o problema da xestión dos residuos que crea. No caso concreto da Limia e outras zonas de Ourense parece terse convertido nunha problemática que, para algunhas persoas e colectivos, ten pasado liñas vermellas. Tanto é así que en novembro de 2018 o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) xuntoa a Sociedade de Historia Natural de Galicia, presentaron diante da Unión Europea unha denuncia sobre o que estimaban eran verteduras ilegais de xurros.

Purin vertido na comarca do Val do Limia
Purin vertido na comarca do Val do Limia | Fonte: MEL

A cuestión é que para o MEL, todo isto apuntaría a unha sobrecarga de explotacións gandeiras intensivas e con escasa ou nula capacidade para a xestión dos seus propios residuos. “Todo isto demostra que hai unha sobresaturación de granxas, porque cando se abre unha explotación gandeira ten que ter unha superficie que demostre que se van utilizar eses xurros de maneira razonable como fertilizante, 30 m3 por Ha. Pero na maioría dos casos esas superficies non existen” din desde o MEL. As sospeitas comezaron cando a xente caeu na conta de que os propietarios, na súa maioría socios de Coren, tiveron que recorrer a verter en zonas de monte usando unha “empresa para desfacerse dos xurros, porque moitas das granxas non teñen esa superficie”.

Desde a Consellería de Medio Rural respondero que a partir da constitución o 3 de abril pasado da Mesa da Limia, “o conselleiro acudiu a Xinzo de Limia para escoitar as demandas e preocupacións dos axentes económicos e sociais da bisbarra, xa que o principal obxectivo da Xunta é apoiar o mantemento dunha actividade agrogandeira rendible e sustentable nesta comarca e, por extensión, en toda Galicia”.

Sobre o incremento de residuos orgánicos saídos das explotacións gandeiras, a Consellería responde que: “este órgano, no que están representados todos os axentes do territorio, ten como principal obxectivo o de impulsar cara o futuro o sector agrogandeiro da comarca, tanto no que atinxe á xestión das dexeccións gandeiras como a outros moitos aspectos, como a produción de pataca, o plan de regadíos, a xestión da actividade gandeira ou a mobilización de terras”.

NON HAI SITIO

“Na Limia non hai superficie util para eliminar tanto xurro, estariamos falando de 100.000 unidades de gando maior, que é así como se mide a carga gandeira, sobre un millón e medio de toneladas de residuos”, aseguran desde o MEL. Segundo este movemento ecoloxista, o número de explotacións gandeiras que soporta A Limia e parte da provincia de Ourense, tería sobordado os límites admisibles.

“Unha comarca ten que ter carga gandeira segundo a superficie agraria útil. Pero hai moito tempo que se superou esta carga na Limia desde 2008, desde aquela xa se duplicou a carga, se non se controla o resultado é a contaminación” din os ecoloxistas da Limia.

En tal caso, o número de cabezas porcinas que se poden contabilizar na provincia de Ourense segundo o IGE, serían 54.230 cabezas porcinas en explotacións sen terras, mais os datos son do ano 2009. O censo máis recente da Consellería de Medio Rural é do ano 2017 e detalla cabezas concello por concello na provincia. Non obstante o aumento da carga gandeira trae canda si o aumento da carga de residuos. Entre as solucións presentadas estaba o tratamento dos residuos para a produción de enerxía. “En 2007 anunciaron o tratamento deses residuos nunha planta especial, hoxe duplicouse o número de residuos, mais a planta usouse para queimar gas natural que chegaba por un gasoduto desde San Cibrao das Viñas, todos sabemos que non trataba xurros que se queimaba gas”, denuncian desde o Movemento Ecoloxista.

A Consellería de Medio Rural pola súa banda responde que A Consellería do Medio Rural é “consciente da situación na Limia con respecto á necesidade de mellorar a xestión das dexeccións gandeiras e está a actuar, en colaboración con todos os axentes sociais e económicos implicados. Así, a Xunta traballa na elaboración dunha norma específica ao respecto, que vai traer consigo un sistema integrado de xestión. O obxectivo último destas medidas é mellorar a calidade dos solos e en xeral as condicións ambientais, para obter produtos agrogandeiros de alta calidade”.

Non di nada sobre a planta de tratamento. Mais Coren, sobre esa planta situada en Sarreaus responde  “o Grupo Coren conta cunha planta en Sarreaus actualmente pechada como consecuencia dun decreto enerxético aprobado polo Goberno central en 2014, contra o que Coren recurriu, recurso ante o que o Tribunal Supremo deulle a razón nunha sentencia que agora permite a súa reapertura. Coren xa está realizando as reformas precisas para reabrir a planta con capacidade de procesado anual de 110.000 toneladas. Prevese que a planta reabra o próximo verán”.

Sexa como for, as autoridades europeas xa teñen posto o ollo sobre o que acontece co excedente de xurros e as maneiras de eliminación dos mesmos. A consecuencia foi a creación da Mesa da Limia, onde as autoridades autonómicas, locais, axentes económicos e sociais tentarían buscar unha solución para tanto excedente. “O conselleiro de Medio Rural propuxo levar xurros a outras comarcas de Galicia para fertilizar explotacións forestais, iso indica a cantidade que hai acumulada”.

As opcións son varias, pero o aumento de explotacións gandeiras intensivas réxese por unha lexislación que segundo apuntan algúns afectados, non se estaría a cumprir, pois o número de explotacións estaría aumentando e xa “raiaría a prevaricación”. De momento, a cuestión segue aí, sen unha solución concreta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Desarrollo Estabilizador

Cada vez vamos a peor con la economía de este país. Vamos a implementar el desarrollo estabilizador al final. https://cumbrepuebloscop20.org/econ...