Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/04/2019 | Actualizada ás 15:31
A Plataforma Vía Galega, que integra máis 50 entidades sociais e culturais, vén de recibir a comunicación da Xunta Electoral Provincial que denega a celebración do acto programado para o próximo día 27 de abril, co que se pretendía dar a coñecer e conmemorar os feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral.
Segundo a portavocía nacional de Vía Galega, a Xunta Electoral Provincial alega como motivo para non autorizar este acto a coincidencia da data coa xornada de reflexión e ”ante el riesgo de que en el curso de la manifestación se produzcan actos de campaña electoral que puedan incidir en el ejercicio del derecho de voto”.
A plataforma denuncia a "prohibición destes actos", por "coartar o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais, cando é unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral nin fixo pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou ás forzas políticas que se presentan", argúen.
O acto estaba previsto para o vindeiro sábado, no que se ía representar a peza teatral “Abril de Lume e Ferro”, escrita por Manuel María, seguida dunha intervención de carácter histórico por parte dun portavoz de Vía Galega e dunha ofrenda floral diante do monumento que lembra os mártires.
Ante o que considera un "recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galiza", Vía Galega opta por "mudar o formato do acto e a data", co que se limitará a realizar unha ofrenda floral un día antes, o venres 26 de abril, ás 12:00 horas, ao pé do Monumento aos Mártires da Liberdade, en Carral.
Vía Galega explica que pretendía, con este acto, "dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez. Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou, en clave nacional galega e progresista, combates contra as tropas enviadas polo Goberno español absolutista".
Aqueles feitos, proseguen, "quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. En maio de 1904 ergueuse, a iniciativa da Liga Galega da Coruña, o monumento aos Mártires da Liberdade que está en Carral".
Vía Galega fai chamado á participación na ofrenda floral programada para o proprio venres 26 de abril, ás 12,00h., ao pé do devandito monumento, así como a colaborar na difusión do audiovisual conmemorativo editado e que nos próximos días estará dispoñíbel na web www.viagalega.gal e nas redes sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.