O cambio climático ameaza a supervivencia en augas galegas das grandes baleas en perigo de extinción

Un novo estudo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) confirma que baleas azuis, comúns e boreais veñen alimentarse a zonas próximas da costa galega debido á presenza dunha especie de crustáceo. Os científicos alertan de que os cambios no índice de afloramento costeiro ou na temperatura da auga, así como a presión pesqueira, "poñen en claro risco a supervivencia e migración das baleas nas nosas augas”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/04/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Tres das especies de baleas en perigo de extinción no mundo (baleas azuis, comúns e boreais) están seriamente ameazadas polo cambio climático en augas de Galicia. Así o alerta un estudo publicado na revista científica ‘Ecological Indicators’ asinado por Bruno Díaz López, director do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), no Grove e Séverine Methion, adscrito ao BDRI e á unidade de investigación UMR CNRS 5805 EPOC da Universidade de Bordeaux.

Balea azul en augas de Galicia
Balea azul en augas de Galicia | Fonte: BDRI.

Segundo Bruno Díaz López, trátase, “sen dúbida dun dos traballos de investigación máis importantes” realizado por científicos do BDRI.

Os científicos lembran a “sorprendente” presenza de exemplares do animal máis grande do planeta en augas de Galicia. Grazas a este estudo, din, agora “podemos responder moitas das preguntas que xurdiron” ante aqueles avistamentos e “explicar as razóns que levan a estes animais a visitar a costa galega, ademais de definir os factores que ameazan a súa supervivencia”, explican.

Entre os anos 2016 e 2017, investigadores do BDRI para o estudo da biodiversidade mariña realizaron 32 saídas para estudar a distribución das baleas ao longo de 3.000  quilómetros, entre Fisterra e as Illas Cíes. Observáronse un total de 54 baleas destas tres especies (azul, común e boreal, en perigo de extinción segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

O traballo, titulado ‘Habitat drivers of endangered rorqual whales in a highly impacted upwelling region’, confirma que as baleas veñen alimentarse a zonas próximas da costa galega debido á presenza dunha especie de crustáceo malacostráceo da orde Euphausiacea (Meganyctiphanes norvegica), tamén coñecido como krill do norte, que se concentra en determinadas zonas debido aos fenómenos de  afloramento costeiro e que se confirma como fonte principal de alimento destas especies.

O tamaño dos grupos de baleas observados foi variable entre individuos solitarios e agregacións de ata 12 exemplares que se alimentaban na mesma zona. Púidose estudar o comportamento das baleas durante 19 horas. O 66% dos exemplares observáronse alimentándose na costa.

Durante o período de estudo lograron identificar ata 23 exemplares grazas á técnica coñecida como foto-identificación, o que lles permitiu confirmar o desprazamento de baleas azuis e comúns desde as illas Azores ata Galicia.

O uso de modelos aditivos xeneralizados permitiu aos investigadores entender mellor que tipo de variables oceanográficas, topográficas ou antrópicas (impacto humano sobre o medio ambiente) condicionan a presenza das baleas na costa galega.

Os resultados do estudo permitiron observar unha “clara relación existente entre os cambios oceanográficos inducidos polo afloramento costeiro en determinadas zonas e a concentración de baleas”.

Estes factores, alertan os científicos, “están a cambiar debido ao cambio climático, como o índice de afloramento costeiro ou a temperatura da auga, e poñen en claro risco a supervivencia e migración das baleas nas nosas augas”.

En base aos resultados, consideran que “se poden esperar varios efectos negativos” sobre estas poboacións de baleas que visitan as augas galegas. En primeiro lugar, apuntan, “unha modificación das rutas migratorias, abandonando as augas galegas ante unha diminución do afloramento costeiro ou incremento da temperatura da auga, xa que estas variables, din, condicionarán a presenza do kril do norte, esencial para a alimentación destes animais”.

En segundo lugar, advirten de que “se incrementaría a competencia polo prezado crustáceo [o krill do norte] con outros animais, como moitas especies de peixes e aves mariñas”.

E, por último, avisan de que “a enorme presión pesqueira podería causar un maior impacto na presenza de alimento para as baleas, podendo tamén provocar maiores riscos para os cetáceos, que son vulnerables de sufrir o impacto das embarcacións ou quedar enmallados en redes de pesca”.

En xullo de 2018, Os científicos do BDRI gravaron baixo o auga un exemplar xuvenil de balea azul á altura da costa de Cariño.

ADVERTENCIA AOS POLÍTICOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

“Este tipo de predicións de carácter científico representan un papel fundamental para alertar ás Administracións para a toma de decisións e mellores medidas de adaptación ante as ameazas do cambio climático”, defenden os autores do estudo.

Afirman, ademais, que os seus resultados “non fan máis que confirmar, a través da investigación científica, as protestas dos máis novos contra a falta de medidas por parte dos gobernos e institucións para frear o cambio climático descontrolado”.

Como “claro exemplo diso” poñen a “total ausencia dese argumento entre os temas tratados polos representantes dos principais partidos políticos tras varias horas de debate televisivo”, en referencia aos últimos debates electorais na campaña das Xerais.

“Os líderes políticos deben converter en máxima prioridade a necesidade de controlar o cambio climático antes de que sexa demasiado tarde, pero parecen estar bastante lonxe da vida dos cidadáns, preocupándose só por gañar as próximas eleccións e ignorar a importancia deste tema en moitos dos seus programas e debates televisivos”, lamentan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta