Por X.M. Fernández | Arbo | 27/04/2019 | Actualizada ás 11:07
Como cada ano, o concello preocúpase por deseñar un programa moi completo no que hai cabida para diferentes actividades que interesan a todo o mundo que se achegue a Arbo.
Durante o sábado e o domingo pódese visitar a Arbomostra 2019, Feira Agroindustrial e Artesanal da Bisbarra do Condado-A Paradanta, un interesante escaparate temático que colle prestixio ano a ano.
Este sábado en xornada de mañá a Banda de Música Municipal de Arbo fará un pasarrúas a partir das 11:00 h. para ir abrindo boca e ás 12:00 h. ofrecer un concerto na Praza do Consistorio.
Ás 12:30 h. acto protocolario de recepción de autoridades no Concello e xa ás 13:00 h. o esperado pregón do televisivo Roberto Vilar, presentador do Land Rober, programa máis visto da TVG nos últimos tempos. Todos pendentes logo das referencias que faga da Lamprea e da súa festa no seu discurso que se presume cargado de retranca e carallada.
Na carpa de Arbomostra actuará antes de xantar o grupo A Banda do Sequío e e pola tarde o grupo Acordeones Helios e Rexoubeiras e o grupo The Sibaritas.
A parada para o Xantar popular da Lamprea está programado para as 15:00 h.
Xa pola tarde deste sábado máis música de rúa con Encerellados e actuación na Praza do Consistorio co grupo folclórico Asociación Cultural “A Vella Barca”. Pola noite, verbenas a cargo das orquestras París de Noia e Pontevedra.
Para o domingo 28 máis música para amenizar a estancia dos visitantes do evento coa intervención da Banda de Música de Valladares con concerto ás 12:00 na Praza do Concello, pasarrúas da Charanga Mekánika. Ás 12:30 actuación da Asoc. Cultural “A Barca de Loimil” e xa ás 13:30 o grupo O Son das Tabernas. Pola tarde as actuacións correrán a cargo do grupo folclórico Camiño Vello de Coia, na carpa de Arbomostra, e repiten a Charanga Mekánika e O Son das Tabernas.
Ás 19:00 h. está programada unha exhibición de baile “Megadance” na Praza do Concello e xa como fin de festa gran concerto do grupo folk Milladoiro e a Orquestra Cinema.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.