Por X.M. Fernández | Allariz | 14/12/2020 | Actualizada ás 09:35
A Casa da Cultura de Allariz acollerá as proxeccións de varias películas, dúas para público infantil e dúas atractivas proxeccións para maiores de 12 anos. Para público adulto, dúas son as propostas: o sábado 19 “Una mujer fantástica”, que fala da realidade transxenero e foi gañadora mellor película de fala non inglesa na 90.ª edición dos premios Oscar e o domingo 27 “A Illa das mentiras” película dirixida pola galega Paula Cons, que recupera a historia de María, Josefa y Cipriana, mulleres que salvaron a vida de medio centenar de persoas no 1921. E para os máis pequenos, "A galiña Turuleca" o mércores 23, e "Zapatos rojos y los 7 Trolls" o mércores 30.
No apartado musical, dúas opcións: o concerto da banda "Pauliña A Malfalada", capitaneada pola cambadesa Paula Chaves que presentará o día 2 de xaneiro o seu segundo disco de estudo, e "Os dous porquiños" que actúan o día 3. Ambos concertos na Casa da Cultura.
A maxia este Nadal virá da man do Mago Teto, que se acompaña o tempo será ao aire libre no Campo dos Brancos o día 27, e o teatro chegará coa representación das obras "Cartoons" e "Tres vellas", ás 20:00 h. os días 20 e 26 de decembro respectivamente.
A Área de Deportes organiza a Derradeira Solidaria dende o 24 de decembro ao 6 de xaneiro. Por mor da situación sanitaria derivada da Covid-19, dende a organización decidiuse que neste 2020 a xa tradicional proba que se realiza o último día no ano, na que adultos e cativos participan, se desenvolva de forma distinta. A inscrición será solidaria coma sempre, debendo entregar un quilo de comida os/as participantes, pero a forma de participar este ano farase de xeito individual para evitar aglomeracións. Cada dorsal deberá facer a proba por libre.
Para os cativos e cativas haberá tamén un campionato de billarda, unha xincana de pistas e unha recepción coas súas maxestades. Non haberá cabalgata, pero os nenos e nenas alaricanos/as poderán saudalos, gardando as distancias de seguridade.
Para rematar, dende a Area de Mocidade organizan tamén o innovador obradoiro Youtubeiras Concienciadas e un campionato de Arume Xogal (o trivilal galego) do 26 ao 6 de xaneiro.
Todosos detalles da programación na web do Concello de Allariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.