Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 08/03/2025 | Actualizada ás 10:00
O municipio de Petín converterase no escenario dunha viaxe no tempo co roteiro teatralizado "Petín, un paseo pola Historia", unha experiencia cultural que trasladará ao público á época da Guerra da Independencia en Valdeorras. A actividade terá lugar o sábado 15 de marzo ás 17:30 horas e permitirá descubrir, a través do teatro, os acontecementos e as historias vividas na comarca durante aquel período histórico.
Organizado pola Asociación Ruta do Viño Valdeorras coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Petín, o roteiro percorrerá as rúas do municipio con escenas dramatizadas que darán vida a personaxes clave e a episodios reais do conflito. A iniciativa, que interpretará a asociación cultural Platea Lúa, pretende achegar a historia local dun xeito didáctico e entretido, facendo partícipes aos asistentes da atmosfera e das vivencias da época.
Ademais, o evento incluirá unha degustación de viños das adegas de Petín asociadas a Ruta do Viño Valdeorras, ofrecendo unha combinación única de cultura, historia e enogastronomía.
O aforo está limitado a 50 prazas e o prezo da entrada é de 5 euros. Para asistir, é necesario facer reserva previa no formulario de inscripción habilitado na web da asociación organizadora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.