Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2019 | Actualizada ás 12:32
Os líderes políticos galegos comezaron a súa cita coas urnas facendo un chamamento á participación e facelo con liberdade.
BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a acudir a votar neste 28 de abril nun "momento excepcional" no que é "importante que a cidadanía se exprese" para que Galicia teña "voz propia e estea presente". Pontón foi a primeira dos líderes dos partidos galegos en acudir a votar. Hao heco ás 09,30 horas e a mesa electoral do CGAC en Santiago, acompañada do candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, que pouco despois tamén exerceu o seu dereito ao voto no CSC de Figueiras, tamén en Santiago.
Ana Pontón transmitiu a súa "ilusión" ante unha xornada importante na que os galegos se xogan moito e na que ha ha animado a "todo o mundo a participar, a votar con liberdade, a estar nas urnas". "Este 28 de abril imos decidir o noso presente, o noso futuro e temos que ir votar pensando en que Galicia queremos vivir, se queremos ou non que este país teña voz propia, cal é o futuro que lle queremos deixar aos nosos fillos e como facemos nun momento excepcional no que creo que é importante que a cidadanía se exprese", asegurou tras exercer o seu dereito a voto.
PSdeG-PSOE
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou este domingo ao "sentido da responsabilidade" dos cidadáns ao facer "unha chamada á mobilización" para "decidir o país que queren". "Estamos nunha xornada histórica de votación", asegurou o líder dos socialistas galegos ao acudir a votar en Vigo nunha xornada da que destacou que "está a transcorrer con total normalidade en Galicia".
"Vivimos nunha democracia avanzada onde o dereito ao voto é unha posibilidade para todos os cidadáns. É tamén un deber cívico", sinalou Caballero para "facer unha chamada á mobilización para que a cidadanía acuda ás urnas a decidir o país que quere, o futuro que quere para que toda a cidadanía vote en liberdade e en conciencia". "En cada elección decidimos como vai ser o país no que imos vivir", lembrou.
Por tanto, Gonzalo Caballero valorou que "a xornada está a transcorrer en normalidade como é propio dunha democracia avanzada" e incidiu en que "millóns de cidadáns no mundo non teñen dereito ao voto para decidir que goberno queren". "Aquí temos a posibilidade de que a cidadanía decida o goberno do país, creo que temos todos un sentido de responsabilidade de acudir a votar", sostivo.
EN COMÚN-UNIDAS PODEMOS
Os candidatos de En Común-Unidas Podemos fixeron un chamamento á "mobilización masiva" nesta xornada electoral para acudir ás urnas porque "está en xogo a democracia". Así o asegurou na Coruña o seu candidato pola provincia, Antón Gómez-Reino, que exerceu o seu dereito a voto durante a mañá no Centro Cívico da Cidade Vella. "Esperamos unha votación masiva para defender a democracia nun contexto no que está en risco", sinalou, para concluír que "é un gran día para saír a votar".
Pola súa banda, a candidata ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz, votou en Ferrol (A Coruña), acompañada do alcalde da cidade, Jorge Suárez, de Ferrol en Común. Tras realizar un "chamamento" a todo o mundo para que vaia a votar, instou en especial á "xente nova" a acudir ás urnas: "Un chamamento á xente nova, a que se mobilicen e sexan conscientes de que non son unhas eleccións máis e que vaian votar, se a xente nova mobilízase poden decidir o futuro do país".
EN MAREA
O portavoz de En Marea, Luís Villares, chamou a votar este domingo electoral nas eleccións xerais de 2019 porque o "futuro se constrúe sobre a ilusión e a esperanza". "Pretenderon dicirnos durante a campaña que o futuro se construía sobre o medo, pero o futuro constrúese sobre a ilusión e sobre a esperanza, a esperanza en que as cousas poidan cambiar", afirmou cando depositou o seu voto en Lugo. "Este é o momento de cambiar as cousas porque o noso voto é decisivo", abundou.
Neste sentido, Villares manifestou que en En Marea están "esperanzados en ampliar liberdades, en ampliar o estado de benestar, en defender mellor" os intereses de Galicia. "Porque temos dereito a ser felices na nosa terra", destacou.
PP
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, animou aos cidadáns a votar para ser "protagonistas" da "decisión colectiva" do futuro Goberno de España e a "actuar en consecuencia". Núñez Feijóo, que acudiu a votar ás 12,00 horas ao Colexio Neno Xesús de Praga en Vigo, remarcou que este domingo é "unha xornada importantísima para decidir o Goberno de España o vindeiro luns", ante o que lembrou que "os verdadeiros protagonistas do que vai suceder no Goberno de España" son todos os españois.
"Os españois temos que pensar quen queremos que nos goberne e actuar en consecuencia", sinalou Feijóo, quen instou a "actuar en consecuencia" conforme á opción que se elixa porque "a partir de mañá isto non se vai repetir, ou tradicionalmente isto non se repetía, en catro anos".
CIUDADANOS
A candidata de Cs ao Congreso pola Coruña, Marta Rivera, animou aos cidadáns a votar e espera que haxa unha alta participación. "Que voten, que sexan conscientes que hoxe é un día importante para A Coruña, Galicia e España", afirmou. Pola súa banda, a candidata de Cs ao Congreso por Pontevedra, Beatriz Piñeiro, acudiu este domingo ao colexio electoral da Casa das Artes, en Vigo, acompañada polo número dous da formación laranxa, Javier Alonso
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.