Longa agonía ou recuperación do nacionalismo galego?

Como é que cántabros, canarios ou valenciáns teñan representantes propios en Madrid, e non os teña unha nacionalidade histórica como é Galicia?. Vascos e cataláns demostraron este domingo que é posible confiar en forzas nacionalistas de dereitas e de esquerdas para frear un posible pacto das dereitas e ultradereita en España. Pero, por que en Galicia o nacionalismo compite con Vox, unha formación que case non fixo campaña en Galicia e non conta con apoios mediaticos no país.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/04/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia
“Nadadores ausentes, bañistas que se foron
polo túnel azul das desaparicións,
agora hai un regreso como un laio sen voz,
o corpo que se anuncia no vidro lácteo da auga,
no interior do seu frío,
como unha forma perdida na lembranza”.

 

Castelao durante un mítin
Castelao durante un mítin

 

É parte do poema “Afogados” do poeta e político de Anova Miguel Anxo Fernán-Vello. Un poema escrito no 2011 cando o nacionalismo galego aínda xiraba en torno ao BNG. O único partido nacionalista galego que acababa de obter dous escanos en Madrid e 209.000 votos e o 11,37% do total dos sufraxios.

 

Uns resultados que, con todo, eran malos. O Bloque acababa de perder dous anos antes o goberno da Xunta tras perder un escano por unha manda de votos na provincia da Coruña. Unha derrota na que, entón tiña moito que ver o xornal coruñés La Voz de Galicia con informacións moi duras contra o Bloque –concurso eólico, galescolas, mangoneo das políticas sociais, despilfarro, Carrumeiro--- e que, propiciou, pouco despois a aparición do coñecido como “Voicoz” por parte da militancia nacionalista.

Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito | Fonte: cecubo Group
 

Foron momentos moi tensos, de moitos titulares en prensa. Algo semellante ao que acontece estes días con En Marea. Con moitos medios abrindo portadas sobre os problemas internos da formación. E a situación estoupou e rematou nunha desgracia peor que a perda do goberno da Xunta, a gran ruptura de Amio e a división do BNG en dous polos. Era o 2012.  E, a partir de aí a formación nacionalista caeu no abismo.

 

MÁIS DE 200.000 VOTOS PERDIDOS

 

Un abismo do que, segundo a súa dirección, comeza a saír tras os resultados deste domingo. Os 93.000 votos acadados --o 5,6% do total-- están moi lonxe daqueles 209.000 de 2011 e aínda máis lonxe dos 212.000 de 2004 e, por suposto, dos resultados históricos desta formación, en 2000, con 306.00 papeletas, o 19% do apoio electoral e tres escanos en Madrid.

 

Se o BNG repetira hoxe eses resultados sería a novena forza do estado, só por detrás dos grandes partidos estatais, e de ERC, JxCat e o PNV. Mesmo por riba de Bildu. Tres escanos que poderían contar e decidir moito en Madrid. Pero, agora, compite en Galicia con Vox, unha formación de ultradereita que, sen facer campaña en Galicia e sen os apoios mediaticos do BNG, acadou os mesmos resultados.

 

Por iso, a situación é, 19 anos despois, completamente a inversa. Galicia non conta para nada en Madrid, polo menos, cunha forza nacionalista propia. Os últimos dous deputados nacionalistas, de Anova, nin están en Madrid, nin na política activa. E, mentres que formacións rexionalistas de Canarias ou Cantabria poden ser decisivas no vindeiro goberno, o nacinalismo galego queda fóra do escenario político estatal.

 

PROBLEMA DE TODOS

 

E non o fai só por deméritos do BNG. É certo que o Bloque tivo e ten aínda defectos inherentes a estar dominada pola UPG, unha organización de mandato vertical, senón tamén pola terquedade e minifundismo doutras forzas nacionalistas que, nun contexto de forte polarización, preferiron ir por libre ou non ir.

 

Un veterano nacionalista comentaba estes días que ve moi difícil un remedio para o nacionalismo galego, sexa o BNG, Anova, En Marea ou CxG. “Acadar 95.000 votos obviamente ten a súa importancia, pero unha forza nacionalista non pode conformarse só coas migallas e por pelexar coa ultradereita por ser a cuarta forza en Galicia. E menos saír sorrindo e contentos, a pesar de non ter escano, logo de ver que En Marea recibía o gran trompazo da noite”. 

 

E está por ver se esa “recuperación” do Bloque é tal ou só un préstamo momentáneo do chamado voto útil de soberanistas de Causa Galiza ou nacionalistas que, no seu día, apoiaran a Anova ou a En Marea. Un voto útil que esta mesma formación propiciou con anuncios nas redes sociais difundindo noticias de La Voz de Galicia, o mesmo xornal que hai oito anos era o inimigo número un. Noticias que apuntaban a que o BNG pelexaba con Vox por un escano na Coruña.

 

Ao final todo quedou en anuncios de redes sociais e noticias con certo grao de manipulación para fomentar ese voto útil. Nin xuntando os votos de CxG, En Marea e o BNG, o nacionalismo galego acadaría escano en Madrid. E esa é a triste e dura realidade do nacionalismo galego. Ou se refunda, como ben souberon facer cataláns ou vascos, ou o seu futuro será testemuñal en Galicia a pesar dos apoios de certos medios de comunicación que buscan ter ao nacionalismo "domesticado" e "controlado", evitando a súa relación cos soberanistas cataláns ou vascos. Unha refundación que ten que pasar, quizais, por cesións, por renuncias importantes e por unha modalidade de coalición na que todos se sintan a gusto sen perder as súas esencias.

 

“Só así, con unidade, cun equipo cohesionado e cun liderato renovado que conecte co electorado urbano pode haber futuro para o nacionalismo galego”, apunta ese veterano nacionalista que coñece ben o que foi o nacemento, no seu día, do Bloque Nacionalista Galego. Quizais así, o nacionalismo non acabe afogado como acabaron outros proxectos que Fernán-Vello coñece ben tras o seu paso como deputado polo Parlamento español.

 

 

AFOGADOS

 

Veñen na súa mudez tan lonxe de si mesmos

e entran así no noso pensamento

sostidos por un fío verde de néboa

e unha luz de ollos grandes que se esvae

na fondura do tempo.

E sentimos o seu peso sonámbulo

e un tremor líquido de flor cincenta na fronte,

pálpebras que conteñen aínda a claridade dun soño,

dun xesto suspenso no baleiro.

Nadadores ausentes, bañistas que se foron

polo túnel azul das desaparicións,

agora hai un regreso como un laio sen voz,

o corpo que se anuncia no vidro lácteo da auga,

no interior do seu frío,

como unha forma perdida na lembranza.

Rostros que teñen a cor impensada dunha rosa violácea,

e unha ollada infinita prendida na estrela transparente

que navega entre as sombras.

Están aí, no fondo, na pálida fronteira do abismo,

no espello insondábel da soidade.

E nós sabemos da súa nudez sen nome,

do tristísimo mar que aínda os alimenta,

cando entran no noso pensamento

e alguén, moi lonxe, alá, no inmenso,

nos recoñece.

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG | Fonte: Kopa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 33 comentarios

21 Xucas

O de sempre, se culpa a todo Deus, pero ninguen e culpable. Os partidos galeguistas, principalmente o BNG ,sofren todos los atrancos posibles na Galiza, ou Galícia,dame igual.Xornáis, TVG, Radio, boicotean en toda-las eleicións as nosas mensaxes, principalmente a Voz de Galicia e non digamos a TVG totalmente dominada polo PP. Por outra banda,non podemos esquecer que con Astúrias temos a poboación máis envellecida do Estado, moitos sen capacidade de informarse se non e a través da TVG. Hai división ,e verdade,pódense facer mellor as cousas, hai que baixar a rua, pero non so para protestar, senón para conviver coa xente , e ter moito coidado con non meterse con costumes, e crenzas que forman parte da nosa idiosincrasia cando non cultura. Se non non coñecemos, non chegamos.

20 Xanín

Como información xornalística é demencial, como artigo de opinión ten pouco ou nulo rigor. Aínda que se queira seguir confundindo, as cousas destes últimos anos vanse aclarando, na liña do lóxico e previsíbel: o nacionalismo galego sofreu e aguantou e ten perspectivas mellores no futuro, a base de moito traballo e seguir acertando nas análises e nas alternativas (BNG). O pouco nacionalismo que hai fóra (sectores independentistas, CxG, En Marea?, Anova??) que fagan o seu traballo, pero a algúns o povo galego lles está a dicir o que pensan deles. E por outra parte está a esquerda españolista a quen algúns nacionalistas abriron as portas de Galiza; a estes non lles van valer as bágoas de crocodilo.

19 Iraultza

A diferenza entre galegos e bascos é a diferenza entre cans e gatos. A un can daslle un anaco de carne e auga e cre que es Deus. A un gato daslle un anaco de carne e auga e cre que É un Deus... Autoodio vs Autoestima. Non hai máis.

1 Gamela

sete apelidos galegos = rodríguez sánchez ?

2 Carballal

E a unha galega renegada daslle unha opción españolista de esquerda e cre que asaltou os ceos. Autoestima é o nacionalismo digno de tal nome, o que non se entrega ao colonizador, senón que o combate.

18 Gamela

A cinco días das eleccións falaba o Pope do Nacionalismo contra a Constitución do 78 ¿seica tódolos votantes do BNG son independentistas segundo a súa eminencia? http://www.terraetempo.gal/artigo.p... O problema está DENTRO do BNG !

17 Alberte

Unidade já! Todo o nacionalismo-galeguismo deve unir-se (depois das eleições autárquicas), sob as siglas do BNG. Apenas as siglas (lembrai que BNG≠UPG), nas que tenham cabida BNG (atual), Maré, Anova, CxG, ex-quintanistas... Tudo o mundo. Sem excluir ninguém. Há gente que não se identifica com a estrela vermelha, lusistas, independentistas, regionalistas, ... Mas deve haver um mínimo comum. Mais alá da língua (olhai Euskadi, e os PNBistas a falar em castelhano), há outros sinais de identidade que cumpre defender (e nem sempre é assim): arquitectura tradicional, paisagem, ... A falarmos entre todos!! Sentim vergonha de que (e ledícia por eles) ao ver que os regionalistas cántabros somam o triplo do que nós em percentagem.

1 Gamela

se fose certo que BNG (nao é UPG) poderías explicar por que en Vigo presentan a un individuo que ninguén coñece de nada? Será que alguén xa decidiu concentrar os votos onde eles deciden de antemán...? Ou será que as bases do BNG xa nin siquera teñen a quen presentar no Concello máis cativo de Galicia?

2 Amoxegador

Homem, a realidade linguística basca não tem nada a ver com a galega. São sociedades diferentes. Aqui como metas o espanholismo em casa já sabes o que acaba acontecendo

3 Alberte

Queria dizer que conheço muitos votantes do BNG que são castelhano-falantes. Certamente, há representantes nacionalistas que falam um galego muito melhorável (Ana Pontón sempre "aporta", por exemplo. Loras, uff...) E a respeito da UPG, deveriam voltar CxG, Maré, Anova, independentes... e integrarse no BNG coma partidos que fazem parte duma Fronte, sendo a UPG um outro partido máis. Quero dizer que BNG são umas siglas reconhecidas e consolidadas que a gente asocia com o nacionalismo galego, e deveriam-se manter.

4 Su Señoría Deputada

As siglas do BNG son coñecidas, mais igual provocan máis rexeitamento que atraen (en trinta anos hai moitos queimados e algúns vendidos), sospeito que non te enteras de nada por iso non respondes polo candidato de Vigo ou polos de Pontevedra e Coruña nas presentes (como será que sempre son da UPG os que teñen posibilidades), que descoñeces o que hai detrás dos partidiños e, para rematala, a 'arquitectura' como modelo e deixar o idioma como secundario... Vaite para o PsoE, alí tes futuro!