Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2019 | Actualizada ás 20:34
A Consellería de Sanidade envía unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía da Estrada (Pontevedra) ante a aparición de dous casos de meninxite vírica neste concello, pois dispón dun sistema de vixilancia epidemiolóxica ante a aparición de calquera caso desta enfermidade.
Neste tipo de meninxite vírica non é preciso a toma de quimioprofilaxe por parte dos compañeiros dos afectados, que nestes momentos están a cursar boa evolución clínica, segundo Sanidade.
"A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería dispón duns protocolos de actuación e seguimento, que se activan no momento en que se ten sospeita ou constancia de cada caso", sinala o departamento nun comunicado.
Engade que ante "a sospeita de dous posibles casos de meninxite vírica en dúas persoas de dous centros docentes da Estrada, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra púxose este xoves en contacto cos responsables de ambos os centros".
Así, indica que se lles informou sobre as medidas a ter en conta para evitar a transmisión da enfermidade e achegóuselles información sobre as meninxites en xeral para entregar aos pais dos nenos que poidan demandar información sobre o proceso.
"Xa que o mecanismo de transmisión, na maioría dos casos, son as feces, as medidas preventivas son fundamentalmente de tipo hixiénico --lavado de mans, limpeza e desinfección de superficies (mesas, teclados, etcétera), aseos, pomos e demais elementos que poidan tocarse coas mans--", explica. Tamén se lles aconsellou proceder a aireación das estancias dos centros docentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.