Por Serafin Pazos | Bruxelas | 14/05/2019
Imos a unhas eleccións europeas e podería ter usado esta columna para falar dun tema que me pilla profesionalmente preto. A profusión de análises postelectorais neste e noutros medios debería aforarme aburrir ao lector coa miña análise redundante da caída histórica do PPdG, o sorpasso do PSdG polo auxe de Cs e VOX e a recuperación dos votos prestados en 2016 a Podemos-IU-Mareas. Tampouco faría falta que falase das recriminacións pola falta de unidade do nacionalismo, ben que se a Marea residual e CxG volvesen ao rego do BNG chegaríase aos 100.000 votos que desde os 80 ata o 2015 foi o umbral do nacionalismo...e que supón quedar aínda a varios miles de votos dun escano por A Coruña e só uns poucos miles por enriba daqueles que queren o fin de Galicia, do pobo galego e da súa lingua. Temas ausentes da contenda que amosan unha sociedade máis incapaz cá cántabra de falar das súas cousas, e que corroboran os bos resultados dos dous partidos da nova dereita entre as vilas intermedias, esas que supostamente son xunto coas aldeas a reserva espiritual fronte a anomía uniforme das chamadas grandes cidades.
E nembargantes diso mesmo vai a columna deste mes. Porque os cambios tectónicos que se están a producir na xeografía electoral de Galicia (e agora coñecémolos con gran detalle, parroquia a parroquia grazas a internet) marcan o camiño cara una posibe alternativa política en Galicia. Ou non.
Agora que? Certamente se un é Gonzalo Caballero o lóxico sería aproveitar a onda a ver se suavemente aterra ás portas de Monte Pío. IU-Podemos, logo do espellismo transversal que foi AGE e En Marea, comportaráranse como llo pide a súa base social e a súa dependencia de Madrid para mimetizar o que pase no Congreso, con ocasionais xogos florais cara o multinacionalismo - ao cabo foi Stalin o que inventou o do centralismo democrático. Mais como diría Aznar, xogar a herdar (a debacle dos outros) e non a gañar (unha maioría alternativa) pode levar a ningures.
Que dicir dos mareos da nova política? Como diría Fede/Moncho, “Era visto”. Son polítólogo e adícome profesionalmente a analizar e lidar coas entrañas da política da UE e co Brexit. Mais confeso ser incapaz de seguir ou entender o que pasou nese universo paralelo no que sobraba metalinguaxe autorreferencial durante estes cinco anos. Ao final pasou o que pasou e o que tiña que pasar: logo de xogar ao póker uns con outros (os ex BNG por facer entrismo nunha IU da era postmoderna como é Podemos a ver se repetían a xogada dos galeguistas no 36, os de IU facendo o que fan os comunistas cando están en minoría que é sumarse á fronte popular de turno para tentar controlala por dentro) ao final as supostas diferencias ideolóxicas reveláronse máis ben ser afinidades persoais, agás, iso si, a obediencia territorial de cada un: xa a Marea non tería nado se non for pola aposta de Iglesias antes das Autonómicas.
O estoupido final reforzará a coherencia interna de Podemos Galicia para ser muleta de posibles maiorías, EU-IU fixo un novo xogo de escanos coma o da oliveira de Anxo Guerreiro e o que quede de En Marea e Anova quedáronse sen parceiros e sen os votos que voltaron case todos ao BNG. Tanto Amio pra acabar así. Aínda me pregunto cal era a diferencia ideolóxica fundamental entre os escindidos e os da UPG, a non ser a súa disposición para confluír coa esquerda española. Igual non me dá a cabeza pra comprender a sutileza dos matices ideolóxicos de cadaquén mais sospeito que era unha cuestión de personalismos e capelas. Logo estarían os que non eran anticapitalistas nin necesariamente antiheteropatriacais etc, coma é CxG que como antecedentes de partidos de cadros académicos (coma aquel POG que lembraba o seu cofundador, o falecido Vilas Nogueira) é un querer e non poder sobre todo porque non se dan animado a facer os sacrificios que inevitablemente se esixen na política profesional.
O BNG pola súa banda poderá estar contento de volver electoralmente a onde estaba a mediados dos 80, coa diferenza que agora hai catro partidos moito maiores diante e hai dous partidos novos arrastrando a parte dos dous partidos vellos fóra do consenso da transición sobre a autonomía galega, o cal é unha novidade absoluta. Unha estratexia de medre baseada na recuperación dos desencantados en base a facer unha oferta electoral de cambio amable e galeguiña dese espazo sociolóxico da postesquerda postnacional e postmaterial difícilmente se pode considerar como unha alternativa nacional ao discurso aculturador e sucursalista predominante.
Pero sen querer confundir máis ao lector tamén habería que incluír aquí ao PPdG, ou polo menos a esa sempre mitolóxica parte que se reivindica galeguista e segundo lle cadre pode reivindicar o martirio de Alexandre Bóveda. No fondo, e como confesou Feijóo durante a campaña electora falando do apoio da Xunta á lingua galega, é unha estratexia de apropiación (coma a que lle atribúen a esa Rosalía non galega verbo do flamenco) para evitar deixarlle un franco débil á oposición e ao sempre temido espectro, sobre todo de cara a súa militancia, dun nacionalismo que se non for polo control do PP podería digievolucionar nunha Batasuna de corredoira. Aínda así o certo é que Feijóo nunca se reuniu coa bilingüe Clara Lago, como sempre se laia esta.
Vivimos nun tempo curioso. Se o PPdG perde o poder no Hórreo e precisa das dúas dereitas pode verse obrigado non só a deprenderse de boa parte da estrutura que medrou en simbiose entre Xunta e partido nestes case 40 anos. Tamén se poderá ver obrigado (contra a súa vontade, polo apuntado xusto antes) a desmantelar o precario aparato de respiración artificial do sistema cultural galego e con eles boa parte da renda material dos galeguistas profesionais. A política xera estraños compañeiros de cama. Por moito que estea de moda falar de “aberto contra pechado”, coma a alternativa do tradicional eixo esquerda-dereita, no caso galego a dicotomía podería máis ben ser a de autonomía ou barbarie.