Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2019 | Actualizada ás 08:00
Unhas 500 persoas manifestáronse na tarde deste xoves polos municipios de Narón (A Coruña) e Ferrol para reclamar que non se peche a planta que a empresa Poligal ten situada no polígono da Gándara, tal e como é intención dos seus propietarios, o grupo catalán Peralada, que presentou en febreiro deste ano unha solicitude de liquidación da empresa por causas económicas.
O presidente do comité de empresa, Rafael Souto (UGT), trasladou que actualmente "está en suspensión" o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo que a dirección quere aplicar, durante un prazo de cinco días, tal e como acordou o xuíz que leva este concurso, o Xulgado do Mercantil número 7 de Barcelona.
Esta medida foi adoptada o pasado día 17 e expira este venres, 24 de maio, "cando o xuíz deberá volver pronunciarse, tras o período de alegacións tanto para a empresa como para o administrador concursal".
A paralización foi estimada tras reclamar a parte social que na negociación do ERE estivesen tamén presentes as direccións das plantas de Poligal en Portugal e Polonia, ademais de Poligal Global Services, empresa que comercializa os produtos fabricados por todas as plantas.
POSIBLES INVESTIDORES
Con respecto ao interese mostrado por outras sociedades para facerse coa planta dedicada á fabricación do filme de polipropileno para o sector da alimentación, Souto detallou que "o único que se sabe é polo Igape, que hai interesados e que lles proporcionaría os datos de todos ao administrador concursal, con tres vías abertas: unha delas cun grupo indio, outra unha actuación coa universidade e unha terceira opción con poderío económico pero que por tema de confidencialidade non podían achegar os datos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.