Os 'eternos' alcaldes preconstitucionais de Galicia

Dous rexedores manteñen o cargo desde antes da reinstauración da democracia: os 'populares' Senén Pousa, en Beade, e José Antonio Pérez Cortés, en Quintela de Leirado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Galicia | 27/05/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Varios son os alcaldes galegos que se perpetúan no poder desde a chegada da democracia, e mesmo algúns deste tempos franquistas. Senén Pousa, en Beade; José Antonio Pérez Cortés, en Quintela de Leirado; Manuel Seoane Rodríguez, na Peroxa; José Manuel Mato Díaz, en Paradela; José Luis Gavilanes, en Xunqueira de Ambía —todos eles do PP—, máis o socialista José Luis García García, en Brión, son os únicos alcaldes que coñeceron os veciños destas localidades en catro décadas... e seguirán guiando os designios dos seus veciños catro anos máis. De todos eles, dous agarraron o poder nomeados pola ditadura.

Senén Pousa nunha imaxe de smfdiario
Senén Pousa nunha imaxe de smfdiario

O caso de Senén Pousa, en Beade, é o máis chamativo, xa que se trata dun alcalde preconstitucional que vén gañando todas as eleccións desde que se instaurou a democracia, malia as súas arengas franquistas. De feito, Pousa vive na permanente polémica ao fomentar nesta localidade ourensá homenaxes ao franquismo, permitir a simboloxía franquista e mesmo encargar cada 20 de novembro un funeral en honra do ditador Francisco Franco.

Pousa foi nomeado alcalde de Beade en 1974 e coa chegada das eleccións democráticas presentouse e gañou, primeiro, con Coalición Democrática; logo pasouse a Centristas de Galicia e, finalmente, ao PP, gañando sempre as eleccións. O alcalde revalida o seu poder absoluto, ao conseguir catro dos sete concelleiros deste municipio, sendo os outros tres do PSOE.

Ao final deste mandato, Senén Pousa sumará case medio século (49 anos) ocupando a Alcaldía de Beade.

José Antonio Pérez é o outro alcalde preconstitucional que se mantén en Galicia, desde 1976. O candidato do PP en Quintela de Leirado (Ourense) revalida de novo o seu mandato, absolutísimo (monopoliza o Concello con sete concelleiros de sete postos dispoñibles no Consistorio). Sen oposición, vivirá outros catro anos dourados co bastón de mando, sumando ao final deste mandato 47 anos no poder.

Nas primeiras eleccións democráticas encabezou a candidatura de UCD e foi elixido alcalde. Continuou como alcalde nas sucesivas eleccións, por Coalición Galega, CPG, Centristas de Galicia e, finalmente, polo PPdeG, sempre con maioría absoluta.

Dos alcaldes preconstitucionais, un deles retirouse. Trátase de Manuel Gallego Vila, o que era até agora o alcalde más lonxevo de Galicia. O rexedor saínte de Taboadela, que goberna esta localidade desde 1972, gañou todos os comicios democráticos con partidos diferentes: UCD, Coalición Galega, Coalición Progresista Galega, Centristas de Galicia e PP. Mais desta vez decidiu dar o relevo a José Antonio Paz Prieto, quen perdeu as eleccións, ao conseguir tres concelleiros, fronte a catro do PSOE, ademais de un para Ciudadanos e outro para Candidatura Veciñal de Taboadela.

Coa súa reelección, Senén Pousa asegúrase converterse no alcalde máis lonxevo de Galicia, pois ao final deste mandato superá en dous anos co bastón de mando a Manuel Gallego. Un alcalde franquista en democracia gobernando case medio século sen oposición.

OS ALCALDES CON MÁIS DE 25 ANOS NO PODER

Case todos os rexedores galegos que levan máis de 25 anos á fronte dos seus consistorios conseguiron revalidar as súas alcaldías nas eleccións municipais do pasado domingo 26 de maio. A única excepción márcaa o Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), onde o PP de Jesús Otero perde a maioría absoluta ao lograr tres edís menos que en 2015.

Os 17 mandatarios que acumulaban máis de tres décadas á fronte dos seus municipios conservan o bastón de mando. E todos o fan con maioría absoluta. Tamén o fan 13 dos 14 rexedores que aspiraban a gañar para poder cumprir os 30 anos como primeiro edil das súas corporacións.

Así as cousas, ademais de Pousa e Pérez, os restantes 15 alcaldes que ata estas eleccións levaban máis de tres décadas no cargo reteñen o goberno dos seus municipios. A maior parte pertencen ao Partido Popular (11), por catro que do Partido Socialista.

Entre os rexedores populares máis veteranos que seguirán no cargo figuran Alfonso Balseiro (Mañón), José María López (Abadín), Manuel González (Baralla), José Manuel Mato (Paradela), Manuel Prado (Beariz), Manuel Penedo (O Irixo), Manuel Seoane (A Peroxa), Amador Vázquez (Vilamarín), José Luís Gavilanes (Xunqueira de Ambía), José Antonio Lorenzo (Mondariz-Balneario).

Tamén se manteñen á fronte dos seus consistorios os socialistas José Luís Raposo (Pedrafita do Cebreiro), José Manuel Pequeno (Dumbría), Alberto García (Catoira) e José Luís García (Brión). O primeiro logrou unha das maiorías máis amplas de toda Galicia ao rozar o 80% dos sufraxios emitidos en Pedafrita, o que permite ao PSdeG-PSOE ocupar oito do nove asentos da corporación.

Por contra, tanto en Dumbría como en Brión e Catoira os socialistas perden apoios, aínda que isto non lles impide conservar o bastón de mando. Así, José Luís García seguirá outro catro anos como primeiro edil dun municipio que goberna desde 1979, o que inclúe ao de Brión na lista de alcaldes que permanecen no cargo desde a década de 1970 xunto con Manuel Seoane, Arturo Grandal, José Antonio Pérez, José Manuel Mato e Senén Pousa.

Así mesmo, 13 dos 14 mandatarios que poderían pasar a trintena no mandato que arrincará o próximo mes de xullo lograron o obxectivo de reter as súas alcaldías. Do mesmo xeito que nos casos anteriores, todos o fan con maiorías absolutas.

Neste caso a totalidade dos rexedores que poderían ingresar no 'club' dos rexedores con máis de tres décadas ás súas costas pertencen ás filas do Partido Popular. Ademais, tamén neste grupo aparece a única muller, María del Carmen González, alcaldesa de Carballeda de Valdeorras (Ourense) desde 1991 e que o pasado domingo conseguiu renovar a súa maioría absoluta.

Así as cousas, os seguintes alcaldes populares poderían cumprir 30 anos de goberno ao longo do próximo mandato: Francisco Quintela (Coirós), Armando Castosa (Cospeito), Joaquín González (O Saviñao), Francisco Rodríguez (Chandrexa de Queixa), Antonio Rodríguez (Montederramo), Manuel Pérez (Padrenda), José Luís Valladares (San Cristovo de Cea), Gumersindo Lamas (Sarreaus), José María Belo (Valga) e María del Carmen González (Carballeda de Valdeorras).

A única excepción ao pleno de vitorias entre os alcaldes veteranos pona o de Vila de Cruces (Pontevedra), Jesús Otero, que cae por baixo da maioría absoluta ao perder tres edís.

Outro dos casos nos que históricos alcaldes sufriron un revés foi o do municipio coruñés da Baña. Alí, o popular Andrés García Cardeso podería perder o bastón de mando 24 anos despois tras deixarse un edil e quedar por baixo do limiar da maioría absoluta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 stop censura

vendo a censura que teñen polos -VIEIRAS SICOFANTES, por un momento pensei que era a foto do director de GxC, non ven acaso que xa pasaron as eleccions, agora deberían dar mais carta branca os nacionalistas