O piñeiro, o novo negocio madeirero de Finsa

O director xeral da empresa tenta convencer á Asociación Forestal de Galicia de que venda piñeiros de calidade coa promesa dun suba de prezos.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 05/06/2019 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O piñeiro de calidade, procedente de masas sometidas a coidados silvícolas (podas, rareos, etc.), terá un prezo diferencial a partir do 1 de xullo en Finsa, a principal industria consumidora de coníferas en Galicia.

A través dun comunicado, esta entidade destaca que o director xeral de Finsa, José Carballo, trasladoulle á asemblea da Asociación Forestal de Galicia (AFG) que o prezo para esta madeira de calidade elévase a partir do 1 de xullo a 95-100 euros por tonelada (prezo da madeira posta en fábrica con corteza). Pero esta revalorización só se aplicará en exclusiva para a “madeira de calidade, recta, limpa, sen nós, sen resina aparente, cun diámetro mínimo de 40 centímetros en punta delgada e en lotes de alomenos 30 toneladas”.

Por iso, a AFG destaca que, tanto, nos piñeirais con coidados silvícolas, haberá unha primeira ou dúas primeiras trozas de cada árbore que poderán cumprir con estes requisitos, en tanto o resto da madeira venderase como ata agora, ben como madeira de serra, ben como madeira de trituración, no caso dos menores diámetros.

As novas cotizacións para a madeira de calidade anunciadas por Finsa representan para o propietario un aumento de prezo de alomenos un 50%. “É certo que ese prezo é para unha pequena parte de toda a madeira que se extrae dun piñeiral, pero terá unha gran repercusión en conxunto para o propietario, pois permitiralle incluso duplicar a  taxa de interese (TIR) que obtén sobre o investimento realizado”, segundo os cálculos da AFG.

Esta entidade agarda que este compromiso de Finsa sexa seguido en próximas datas por parte dos serradoiros galegos, de xeito que tamén eleven o prezo para a madeira de piñeiro de calidade. A AFG cre que o aumento do prezo desta especie “incentivará o manexo silvícola dos piñeirais galegos", e revalorizará o mercado da madeira de piñeiro, en decadencia nos últimos anos. 

Unha plantación de piñeiros fronte a outra de eucaliptos
Unha plantación de piñeiros fronte a outra de eucaliptos | Fonte: CG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta