Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 19:22
Un total de 116 persoas, cunha media de 61 anos de idade, doaron órganos o pasado ano, o que permitiu realizar 354 transplantes dos cales 31 foron de doante vivo, segundo relataron nunha rolda de prensa celebrada este mércores, Día Nacional da Doazón de Órganos.
En Ferrol, o presidente da Alcer, Rafael Rodríguez, compareceu ante os medios no Hospital Juan Cardona de Ferrol para facer balance das cifras de doazóns e transplantes que deixou o pasado ano 2018 na Comunidade.
Así, existen no Servizo Galego de Saúde un total de 111.565 cartóns de doantes e a lista de espera situouse en 285 persoas. A maioría (233) son de ril, once de corazón, nove de pulmón e dez de páncreas. Ademais, as negativas familiares para poder doar situáronse no 16,5%.
DOAZÓNS PEDIÁTRICAS
Rodríguez fixo un chamamento a que a poboación "se concience da importancia de doar órganos para salvar vidas" e, como exemplo diso, puxo os casos de varios nenos da cidade ferrolá que recibiron transplantes grazas a outras persoas. O xefe do servizo de Nefroloxía do Hospital Juan Cardona, Cristóbal Donapetry, manifestou que "cada vez se dan máis casos de enfermidade renal crónica", xa que "cada día é mais frecuente, aumenta todo os anos e de forma paralela a poboación en diálese tamén é cada vez maior".
"Hai un número de pacientes importante que están en lista de espera de transplante e que o lóxico e ideal é que se logre aumentar a doazón de órganos entre a poboación, para o que Alcer está realizado un traballo excepcional", recalcou.
Por último, o xerente do Hospital Juan Cardona, Francisco Soriano, destacou "a importancia de Galicia no que se refire a doantes vivos, xa que é a segunda comunidade en número a nivel de todo o Estado". Así, destacou que a doazón "é altruísta, anónima e non hai maior acto de bondade que por parte dunha persoa doar un órgano para salvar unha vida ou para mellorar a calidade de vida doutra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.