Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/06/2019 | Actualizada ás 21:20
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves posta en marcha da Axenda de Impulso da Industria Forestal 2019-2021. Un plan que pretende modernizar o tecido empresarial deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da madeira nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.
A nova Axenda inclúe catro medidas para promover o uso da madeira. Na construción, buscarase seguir impulsando o sector contract galego e introducir con máis forza novos modelos de edificación sustentable. De feito, Feijóo anunciou que a Xunta construirá escolas, centros de saúde e edificios públicos “íntegramente en madeira”. “A utilización da madeira permitirá acurtar os tempos construtivos, crear novas oportunidades laborais no rural e permite unha nova industria no sector da madeira en Galicia”, destacou.
Entre as preferencias constructivas da madeira estarán as especies autóctonas, pero o presidente galego non descartou a importación de madeira, ou o uso de especies como o piñeiro galego pero “con patentes que xa usan noutros países”. Tampouco descartou que se poida utilizar “plantacións axeitadas” doutras especies máis propicias á construcción polo clima galego para adpatalas “xenéticamente”.
BIOCOMBUSTIBLES
Outro dos obxectivos do novo plan é impulsar o emprego de biocombustibles para reducir os consumos enerxéticos fósiles e cambiar as fontes de combustible. Tamén se buscará introducir a madeira en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval e o téxtil, promovendo a súa colaboración coa industria forestal para desenvolver novos produtos, procesos e mercados a través da bioeconomía circular. Finalmente, no deseño traballarase na utilización da madeira en interiores xa que mellora o confort.
Segundo informou Feijóo, a Axenda da Industria Forestal contará cun investimento de 54 millóns de euros que prevé mobilizar máis de 125 M€. “Trátase dun documento aberto, polo que poderán incluírse novas propostas xa que se seguirán mantendo encontros cos diferentes axentes sociais para que poidan contribuír coas súas suxestións a deseñar a mellor estratexia posible”, apuntou o presidente galego.
En canto aos seus obxectivos, explicou que “a Axenda da Industria Forestal pretende incrementar nun 6% a facturación do sector ata os 2.400 millóns de euros, aumentar tamén un 6% os empregos directos ata alcanzar os 21.000 postos de traballo e facer medrar nun 10% o uso de elementos non estruturais na construción”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.