Anova pide unha "reflexión política" antes de cambiar o nome do Grupo de En Marea tras a súa ruptura

Evita responder a Villares, que acusou a Anova de facer "seguidismo" de Podemos

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2019 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez indicou que é preciso abrir un período de "reflexión política" despois da ruptura do grupo parlamentario, que verá como o seu ata agora portavoz, Luís Villares, e outros tres deputados pasarán ao Grupo Mixto polas desavinzas internas.

O viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.
O viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez. | Fonte: Europa Press

O último desencontro no seo do grupo foi a elección do senador por designación autonómica, un cargo que finalmente queda en mans do Grupo Parlamentario de En Marea a pesar dunha escisión que lle fai perder a condición de primeira forza da oposición.

"Despois do que pasou, isto pasa a un segundo plano", dixo Antón Sánchez en referencia ao senador, que coa decisión da Mesa do Parlamento recaerá, se pasa o trámite plenario, no ex-concelleiro herculino José Manuel Sande, elección dos críticos con Villares.

"Esperemos que faga un bo traballo no Senado", apuntou o portavoz nacional de Anova, que lamentou unha ruptura que revive o acontecido coa predecesora de En Marea, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que na pasada lexislatura e con Sánchez como deputado, viu como tres dos nove parlamentarios obtidos nas urnas terminaban no Grupo Mixto.

Sánchez di que non o sente como "déjà vu" do ocorrido con AGE porque "cada contexto é diferente" aínda que admite que "a sensación non é boa". "Non sei como se pode asumir con normalidade esta situación, creo que non se pode", apostilou.

NOVO NOME?

Unha vez rexistrada a súa petición de adscrición ao Grupo Mixto, Villares reclamou aos seus ex-compañeros que cambien a denominación do grupo parlamentario de En Marea, tendo en conta que renegan da súa pertenza ao partido instrumental.

E é que para Villares e os tres deputados que o acompañarán ao Grupo Mixto, "o lóxico" é que o ata agora Grupo de En Marea "adquira o nome de Podemos ou o que decidan" e eles, como persoas leais á organización, poidan "usar o nome" do partido instrumental para a súa acción parlamentaria, algo que sería extraoficial.

Cuestionado respecto diso, Antón Sánchez cre que coa ruptura do grupo hai "cuestións a resolver a moi curto prazo e outras que necesitan reflexión política". Por iso, aposta por "cubrir o traballo" de acción política parlamentaria ata o fin de período de sesións e aparcar determinadas cuestións que requiren abrir "un período de reflexión".

Ademais, encadra en "especulacións" que os deputados de Podemos e Esquerda Unida vexan con bos ollos que a nova denominación do grupo sexa Galicia En Común, marca do proxecto político xurdido do divorcio coa En Marea partido de Villares e no que non participa Anova.

"Non entro en especulacións. Estamos nun grupo parlamentario para cumprir coa cidadanía e para resolver da mellor maneira posible unha situación que non é nin agradable nin positiva", resolveu, para despois afirmar que aínda non está decidido quen será o substituto de Villares na portavocía parlamentaria, un cargo que podería articularse de maneira rotatoria.

PRÓXIMO PLENO

Unha das cuestións inminentes ás que ten que facer fronte o novo Grupo de En Marea é o próximo pleno, no que, probablemente, aínda non será efectiva a saída de Villares e outros tres deputados ao Grupo Mixto.

Así, podería darse que na sesión de control ao Goberno Villares sexa o encargado de formular a pregunta de En Marea ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa que está rexistrada ao seu nome como portavoz do grupo.

"Eu entendo que é unha pregunta de Luís Villares e que foi efectuada e rexistrada por el. Só a pode facer el, pero é a miña opinión. É un das que cousas que estamos a tentar resolver", manifestou.

Por último, rexeitou contestar a Luís Villares, que acusou a Anova de facer "seguidismo" de Podemos, partido ao que culpa da ruptura do grupo. "Se xa antes dicía que non había que facer declaracións cruzadas, agora ten menos sentido unha vez que anunciaron que se van ao mixto", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta