Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2019 | Actualizada ás 21:00
Bloqueados e censurados por Facebook. A rede social decidiu censurar unha nova de GALICIA CONFIDENCIAL e etiquetala como contido de "espidos" e "sexual" por ilustrala cunha imaxe dunha muller autoexplorando os seus peitos para a detección precoz de cancro de mama. Na fotografía, obsérvase un peito tapado polas mans que o exploran, ocultando a mamila. Algo que non gustou á empresa creada por Mark Zuckerberg.
A decisión de Facebook foi borrar a publicación e bloquear a conta de GC, cando menos por 24 horas. Segundo esta empresa, trátase dunha imaxe que vulnera as súas normas, xa que considera que unha exploración mamaria rutineira é contido "sexual", equiparándoa con imaxes pornográficas, por exemplo.
GC CUMPRIU COAS NORMAS DE FACEBOOK
Que din as normas de Facebook ao respecto? No seu punto 13, titulado 'Espidos e actividade sexual' a plataforma en liña sinala:
Restrinximos a exhibición de espidos ou actividade sexual para protexer determinadas persoas da nosa comunidade que mostren unha especial sensibilidade ante eles. Ademais, de forma predeterminada, eliminamos este tipo de imaxes para evitar que se comparta contido non consentido ou de menores. As restricións sobre a exhibición de actividade sexual tamén se aplican ao contido creado de maneira dixital, a menos que se publique con fins educativos, humorísticos ou satíricos. As nosas políticas sobre espidos volvéronse máis matizadas co tempo. Entendemos que o espido se pode compartir por unha variedade de razóns, mesmo como unha forma de protesta, para crear conciencia sobre unha causa ou por razóns educativas ou médicas. Cando dita intención é clara, facemos concesións para estes contidos. Por exemplo, mentres restrinximos algunhas imaxes de seos femininos que inclúen a mamila, permitimos outras imaxes, incluídas as que representan actos de protesta, mulleres que participan activamente na lactación materna e fotos de cicatrices post-mastectomía. Tamén permitimos fotografías de pinturas, esculturas e outras obras de arte que representan figuras espidas.
Polo tanto, a imaxe publicada por GALICIA CONFIDENCIAL non incumpría as normas de Facebook, posto que a fotografía se cingue ao ámbito médico (exploración para detectar cancro de mama) e, ademais, nin sequera amosaba as mamilas, tapadas polas mans.
Con esta censura, Facebook privou os nosos lectores e a este xornal da liberdade de acceso á información e de difusión, amparada por leis internacionais e estatais e pola propia ONU, atentando contra un dereito básico, ao censurar unha nova rigorosa e de interese xeral sobre o auxe en Youtube de vídeos alarmistas, sensacionalistas e non fiables sobre o cancro de mama.
MACHISMO DE FACEBOOK
A censura, ademais de absurda, pode considerarse machista (eldiario.es destapou estas prácticas entre os censores da rede social), pois Facebook si permite imaxes de homes co peito e as mamilas ao descuberto, mais non de mulleres. Por exemplo, en 2016, a organización arxentina Movimiento Ayuda Cáncer de Mama (MACMA) deseñou unha campaña de concienciación sobre o cancro de mama chamada 'TetasxTetas'. Sabedores da rancia moralidade dos que deseñan os algoritmos de Facebook e da censura e bloqueo que se lles aplicaría se mostraban os peitos de mulleres, decidiron saltarse o bloqueo mostrando como practicar un autoexame mamario utilizando os peitos dun home. Facebook deulle vía libre.
A diferenza do que acontece coas mulleres, os homes si poden aparecer en Facebook mostrando os seus peitos. Famosos e usuarios correntes desta rede social mostran os seus dorsos espidos sen temor a ser censurados e bloqueados. Basten como caso ilustrativo desta dobre moral de Facebook imaxes que compartiu o famoso ex-futbolista inglés David Beckham: o 17 de abril de 2015, por exemplo, publicaba unha fotografía de medio corpo del e da súa dona, Victoria Beckham, na que o ex-xogador aparecía espido amosando o seu peito; imaxe que recibiu máis dun millón de likes (aos algoritmos de Facebook e os seus creadores isto si lles gusta).
O absurdo da política censora desta empresa chegou noutros casos a límites aínda máis esperpénticos, como foi a eliminación de imaxes de pinturas das mulleres espidas de Rubens. A Facebook tampouco lle gusta a arte. Os espidos pictóricos poden exhibirse nos mellores museos do mundo, máis non nesta rede (contradicindo, de novo, a súa propia política de uso). O pasado ano, Turism Flandes (organización turística desta rexión europea) enviou unha carta ao fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, para pedirlle que deixase de censurar as obras que conteñen espidos de pintores como Paul Rubens.
NEONAZIS E 'FAKE NEWS' SI, PEITOS DE MULLERES NON
A política censora de Facebook é arbitraria, xa que non permite imaxes como a que publicou GC, pero si, por exemplo, propaganda ultradereitista e neonazi. Por poñer un caso, a organización neonazi Hogar Social mantén intacta a súa conta nesta rede social; tamén outros grupos da mesma ideoloxía non só teñen actividade en Facebook, senón que utilizaron o seus sistema de promoción de publicacións para espallar a súa ideoloxía mediante anuncios.
Sorprende tamén a ineficiencia dos desenvolvedores de Facebook para atallar as chamadas 'fake news' (informacións falsas), fronte a súa rápida e ampla capacidade para censurar imaxes de espidos (a publicación de Galicia non tardou nin dous minutos en ser borrada). É máis, o propio Zukerberg recoñeceuse incapaz de frear as desinformacións na súa propia rede, o que contrasta coa súa belixerancia e efectividade para privar os usuarios doutro tipo de contidos.
O certo é que os algoritmos de Facebook teñen contribuído a viralizar noticias falsas sen que a compañía teña aplicado medidas tan severas e eficaces contras estas como fai con contidos xornalísticos fiables ou artísticos. Os seos dunha muller semellan máis doados de censurar que as mentiras de Donald Trump e dos grupos que o favorecen espallando informacións falsas sobre os seus contrincantes, por exemplo.
Os casos de censura e bloqueos absurdos, e mesmo posiblemente ilícitos de acordo ás propias normas de Facebook, son innumerables. Hoxe foi GALICIA CONFIDENCIAL, antes foron moitos máis (xornais, televisións, ONG, individuos...) e seguirán sendo máis no futuro, sobre todo porque nin sequera se dá a oportunidade de réplica. Facebook non ofrece servizo de atención ao usuario, tan só respostas automatizadas e formularios sen respostas, e nin sequera a súa xefa de Comunicación en España, Lola Baños, é accesible (como curiosidade, ten abandonada a súa conta en Facebook desde o 14 de decembro de 2018 e non contestou a este xornal, tras contactar con ela por mensaxe privada en Facebook; outro paradoxo máis da empresa do señor Mark Zuckerberg).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.