Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2019 | Actualizada ás 18:35
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou este domingo a importancia do traballo que desenvolven as entidades que actúan no ámbito da discapacidade para "superar as barreiras" e "pór en valor o enorme potencial que teñen todas as persoas".
Así o sinalou García durante a celebración no concello ourensán do Carballiño da XXIII Convivencia Familia Special Olympics, na que se homenaxeou ao exconselleiro Jose Manuel Rey Varela e ao presidente da Asociación de pais e nais de persoas con discapacidade intelectual de Santiago de Compostela (Aspas), Marcelo de la Cruz Luzón.
Fabiola García subliñou a dedicación dos dous homenaxeados por facer de Galicia unha terra "máis inclusiva e acolledora". Tamén tivo palabras de agradecemento para o seu predecesor á fronte das políticas sociais da Xunta, Rey Varela, de quen valorou a súa "integridade e compromiso".
Ademais, destacou del o seu "sorriso aberto e sincero" coa que afronta "calquera situación", unha actitude que, ao seu xuízo, "é necesaria para avanzar nunha maior integración".
Nesta xornada lúdica e de convivencia, Fabiola García enxalzou o traballo, o esforzo e o afán de superación das persoas con discapacidade, así como o labor dos profesionais e o alento das familias na defensa da igualdade de oportunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.