En Marea critica que a Xunta "premie a destrución da sanidade pública" tras o traslado de Rubial

A parlamentaria Eva Solla repasou que, ao longo dos últimos anos, a área sanitaria de Vigo viviu "a privatización" do servizo de celadores, o "conflito" coas auxiliares de enfermaría ou a dimisión en bloque de 25 de xefes de servizo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario de En Marea criticou á Xunta de Galicia por "premiar a destrución da sanidade pública" despois de que o Sergas anunciase o pasado venres o cambio dos ata agora xerentes das áreas de sanitarias de Vigo, Félix Rubial, e Ourense, Xullo García Comesaña, que intercambiarán xerencias co fin de "acometer novos retos".

A responsable da área de Sanidade no grupo de En Marea, Eva Solla, cualificou de "premio" o traslado á área de Ourense de Rubial, cuxo balance á fronte da EOXI de Vigo resúmese, segundo a deputada, nunha etapa de "alta conflitividade" laboral durante a cal "a incapacidade para o diálogo" do xerente "creou máis problemas dos que había".

"É un premio á destrución da sanidade pública. É un intento do PP por recolocar cargos que ten que manter dentro da estrutura da Consellería de Sanidade", incidiu Solla, quen lembrou que Rubial permanece imputado por un presunto delito de homicido impudrente polo caso dos tratamentos para enfermos de Hepatites C.

Nesta liña, repasou que, ao longo dos últimos anos, a área sanitaria de Vigo viviu "a privatización" do servizo de celadores, o "conflito" coas auxiliares de enfermaría ou a dimisión en bloque de 25 de xefes de servizo, que tacharon de "locutor non válido" a Félix Rubial para negociar a saída ao conflito. Para Solla, co intercambio de xerentes entre Vigo e Ourense o Sergas "bota máis gasolina ao lume" da sanidade pública que se suma á folga indefinida do persoal dos Puntos de Atención Continuada, da que se cumpren este luns seis meses.

Ademais, tamén criticou o modelo de contratación para enfermeiros no Sergas anunciado a pasada semana polo Goberno galego. Os contratos serán de continuidade dun a tres anos para enfermeiros, tanto en hospitais como en Atención Primaria, que aínda non dispoñan de praza por oposición. Así, En Marea cre que esta medida "non liquida" a situación e aposta por que a Administración autonómica "saque as prazas que están vacantes de maneira estrutural" a unha Oferta Pública de Emprego (OPE).

EN MAREA ESTREA PORTAVOZ

Por outra banda, o deputado Manuel Lago estrearase como portavoz do Grupo Parlamentario de En Marea na sesión de control ao Goberno do próximo pleno cunha pregunta ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, sobre a "desiguladade salarial" que existe en Galicia.

Diso informou este luns Lago, que apuntou que o informe da Organización Internacional do Traballo (OIT) publicado a pasada semana reflicte que o 10% das persoas con maiores ingresos salariais de Galicia quedan "co 24% total da masa salarial" da comunidade. Fronte a iso, subliñou que só o 6% da masa salarial de Galicia vai parar ao 20% dos asalariados con menos retribucións, o que constitúe "un problema enorme" que "determina a solvencia económica do país".

O portavoz de En Marea e portavoz parlamentario do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Luís Villares.. EN MAREA
O portavoz de En Marea e portavoz parlamentario do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Luís Villares.. EN MAREA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta