Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2019 | Actualizada ás 15:05
Os celadores das áreas sanitarias de Galicia realizarán unha concentración nos principais hospitais o venres 12 de xullo ás 12:00. A convocatoria está organizada polos propios celadores de cada centro de Galicia de forma conxunta e non está auspiciada por ningún tipo de plataforma nin de sindicato. O colectivo mobilízase ante o que consideran unha progresiva desaparición da súa profesión dentro do Sergas.
Ángel Bergueiro, un dos celadores que participarán nas mobilizacións, explica que a orixe da protesta é principalmente a supresión de postos de traballo da súa categoría nos Centros de Saúde, Atención Primaria e PACs: “Estanos substituíndo progresivamente por PSX (Persoal de Servizos Xerais), un híbrido entre a figura de celador e persoal administrativo”.
Ademais, denuncia que o Sergas está a facer esta substitución dun xeito “escuro” xa que, segundo Bergueiro, “están a cubrir xubilacións e vacantes da categoría de celador por PSX, o que incumpre o Pacto de Contratacións dun xeito manifesto ao substituír as baixas dunha categoría por outra diferente”. Explica que se non cambian as cousas “a figura do celador desaparecerá”. Pon o foco no novo Plan de Atención Primaria: “Sabemos que aínda están nun período de negociación, pero tamén que os celadores non estamos enriba da mesa”.
Segundo o colectivo, os PSX teñen recoñecida a súa cualificación profesional dende o ano 1996. “Foi creada para que unha persoa puidese aglutinar funcións en zonas rurais pero o que aconteceu é que a día de hoxe o nosa categoría xa non existe en practicamente ningún centro de saúde e corre perigo na Atención Primaria”, laméntase Bergueiro. Ademais, o celador di “non entender nada” porque nas oposicións para a súa categoría obríganlles a estudar informática. “Estamos a facelo para que logo nos quiten esa función. Deixa claro tamén que os celadores non teñen nada contra os PSX: “Non temos problemas con eles, o único que aquí temos que traballar todos”.
SEN SINDICATOS
As mobilizacións son convocadas polos traballadores de toda Galicia que se uniron ante a problemática alén dos sindicatos, xa que consideran que en ningún momento se posicionaron ao seu favor: “Non consideramos que estean a velar polos nosos intereses, por iso pedimos que dean un apoio público ás nosas reclamacións. Entendo que deben pular por todas as categorías, pero nós levamos toda a vida no Sergas e nos merecemos que nos traten como debe ser”, reclama Bergueiro.
O celador tamén denuncia que non teñen ningún lugar onde ir cando por idade non poden seguir cumprindo a súa función. “É evidente que chega a un punto onde o corpo non da para seguir movendo grandes pesos e non temos ningún posto onde recolocarnos, por exemplo estaban as porterías pero están a privatizar estes servizos, polo que nos quedamos sen saída”. Ademais, explica que outros colectivos dentro do Sergas, como as enfermeiras, si teñen espazos para facelo: “Estamos discriminados”, laméntase.
Bergueiro considera que as súas reivindicacións son totalmente lóxicas e pide apoio: “Non queremos cobrar máis cartos, soamente pedimos que nos deixen traballar e non fagan perigar pola porta de atrás á nosa profesión”. Ademais, denuncia que a pesar dos seus intentos, en ningún caso tiveron ningún tipo de comunicación por parte do Sergas respecto a súa configuración dentro do ecosistema do servizo.
Ademais da concentración do venres, o colectivo ten planeado elaborar escritos con firmas. Tamén teñen en mente levar a cabo unha manifestación en Santiago de Compostela sen data confirmada polo momento “pero que seguramente será despois do verán”. Tampouco destacan rematar pola vía xudicial: “O único que queremos é que nos devolvan as prazas que nos roubaron”.
SERGAS
O Sergas sostén unha postura contraria á versión dos celadores. En declaracións a GC, afirma que “non existe ningún acordo para a supresión da categoría de celador, senón unha aposta firme da Administración sanitaria galega pola mesma como se reflicte nas sucesivas ofertas públicas de emprego e nas políticas de recursos humanos ao obxecto de garantir unha maior estabilidade no emprego”.
En concreto, sosteñen que dende o 2012 ofertáronse preto de 6.000 prazas de OPE para converter a 6.000 traballadores temporais en persoal fixo. Isto contrasta dun xeito frontal co que din os celadores, que consideran que dende o Sergas estase favorecendo á categoría de PSX “pola cantidade de prazas ofertadas nas oposicións”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.