Levo a meirande parte da miña vida adulta vivindo en Bruxelas. Logo de tantos anos fun testemuña ou suxeito dos ritos de pasaxe de calquera persoa co sistema sanitario: nacementos, operacións cirúrxicas, consultas a especialistas, analíticas, etc...coa afortunada excepción de momento do rito último que e a fin da existencia dalguén hospitalizado.
Emporiso coido poder falar con certo coñecemento de causa dun modelo sanitario que non está moi lonxe do que unha vez e outra persistentemente certos sectores do espectro político e os seus patrocinadores empresariais tentan ir impoñendo no caso galego e español: que o paciente pague por todo tipo de atención sanitaria, afiliación obrigada a unha mutua (normalmente dependente dun partido político, dun grupo relixioso ou dun colexio profesional) que logo che reembolsa parte do gasto médico (con amplas diverxencias entre mutuas para o mesmo tratamento), onde o sistema sanitario nacional está para subvencionar esa rede dupli-, tripli- e mesmo triplicada de provedores de servizos sanitarios, privados cando convén, públicos cando interesa.
Un sistema onde a maioría dos médicos traballan por conta propia (ata os hospitais son cooperativas de médicos) e que poden cobrarche a tarifa oficial, ou normalmente o dobre, e en non poucos casos o triple ou máis, sen que ti saibas necesariamente en canto che vai saír a dolorosa.
Un sistema onde che mandan as facturas dous ou tres meses máis tarde, e non unha soa: se tes unha leve operación cirúrxica mándanche unha factura o hospital, outra o anestesista, outra o da analítica e outra o especialista que te operou...uns papeis con códigos indescifrables para o non experto en administración sanitaria e que fai que a non ser que sexas realmente espabilado (ter titulación universitaria en xestión orzamentaria non é suficiente) é doado que non saibas o que che están a cobrar. Logo tes que ir á mutua e pegar en cada factura unha pegatina cun código de barras co teu número de cliente...o da administración electrónica funciona pouco porque hai que alimentar todo un exército de empregados de mutuas pra que chas revisen e logo te reembolsen.
Se tes sorte na vida pois poderás ir a un especialista bo e operarte en hospitais que comparado cos galegos son pequenos, urbanos e están practicamente baleiros, sen listas de espera, onde podes escoller cama e pagar calquera tipo de opción coma no Ryanair. Dinme que aos pobres e menesterosos póñenllo máis fácil coa burocracia e poden ser tratados en hospitais mazacotes da periferia, eses xa mais parecidos aos nosos.
Sempre hai que ter unha bolsa duns cantos miles de euros preparada, non digamos xa se tes fillos ou algunha doenza crónica, porque aínda que che devolvan entre a metade ou as tres cuartas partes do custe (a non ser que teñas a maiores un seguro privado-privado) primeiro pagas. Todo un shock para un galego chegar a un hospital belga coa túa muller a punto de dar a luz e o primeiro que tes que pasar por caixa. E se tes un problema co seguro pois sonche 3,000 euros por parto.
Un sistema así neoliberal “avant la lettre” (pois xa existía ben antes da Thatcher, e mesmo antes de que Bismark inventara a Seguridade Social – e que se lle funciona aos belgas, pois mellor para eles) ten certas avantaxes, nomeadamente a capacidade de elección do cidadán-individuo racional. Ideal para os convencidos da Teoría da Elección Pública.
Acontece, claro, que a sanidade non é tan simple como mercar patacas, e ante a asimetría de coñecemento do paciente ao especialista prodúcense abusos, e mesmo violacións do código deontolóxico. Non é a primeira vez que ao pedir unha segunda opinión en Galicia resulta que o tratamento e mesmo a operación que che recomendaron en Bélxica un médico galego che diga que tal procedemento ou é innecesario por non urxente ou simplemente para que volvas as máis veces que poidas ao especialista, e pagar a correspondente minuta.
Por suposto estamos mal acostumados porque os nosos veciños portugueses esta historia coñécena ben, mesmo en Francia ou Alemaña existen mutuas e copagamentos. De feito os únicos tres sistemas con sanidade pública, universal e gratuíta para o paciente son o finlandés, o británico e o do Estado Español. Segundo os apóstolos da Marca España, terceiro sistema sanitario máis eficiente do mundo. Coa diferencia que no caso español a sanidade non é universal senón que hai que estar asegurado ou ser dependente dun asegurado (por iso malia ser cidadán non teño dereito á sanidade gratuíta cando estou no meu país) pero no que os anos de bonanza e de expansión do sistema ata a chegada da crise todo o mundo, mesmo os turistas estranxeiros, pensaba que o modelo español era jauja.
Por iso preocupa a lixeireza coa que algúns están a promover sistemas sanitarios privatizados ou público-privados. Tamén é preocupante constatar que malia ser a sanidade unha competencia estatal ou territorial a cantidade de lobbies empresariais que vexo arredor as institucións europeas vendendo as bondades de tales sistemas. Onde hai moscas é porque algo hai que aproveitar.
Por suposto, as ineficacias do noso sistema están para velas. Non dimiten en bloque directores de área do SERGAS, co conseguinte prexuízo para a súa carreira e económico, por nada. Ou o espectáculo dun grupo de enfermeiros de mediana idade e décadas de traballo precario que alugaron unha avioneta para poder opositar en Madrid e Santiago no mesmo día. Ou os ata a crise enormes conflitos de interese entre médicos funcionarios pola mañá e consulta privada pola tarde. Ou que o salario dun médico de atención primaria sexa igual de baixo có doutros empregados públicos con titulacións que nin de lonxe se achegan á carreira de obstáculos da década que leva en converterse en doutor. Co resultado que nós exportamos médicos a Europa e nós temos que importar facultativos desde Cuba. A globalización e o progreso económico non era iso.
Como dirían os británicos, se non está roto non o rompas con solucións máxicas sacadas dun manual de economía política da Escola de Chicago.