‘Instagramers’ hospitalizados por bañarse no “Chernóbil galego”? Sanidade desmente o boato

A Consellería nega casos de ”hospitalización” por bañarse no lago do Monte Neme, como publicaron algúns medios. GC comprobou que os casos de bañistas son illados e non “unha moda” nin "decenas", como se dixo. Ninguén sabe quen son os presuntos doentes, nin cando nin onde foron supostamente atendidos.

Por Alberto Quian | Madrid | 15/07/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O último caso de sensacionalismo xornalístico é unha suposta ‘epidemia’ entre instagramers que terían enfermado por bañarse nas turquesas e contaminadas augas do Monte Neme, na Costa da Morte. Foron moitos os medios galegos e estatais que publicaron que “varios” usuarios de Instagram (ninguén especifica o número ou unha cifra aproximada) están padecendo doenzas e sendo “hospitalizados” por, din, bañarse nestas augas tóxicas. El Español foi o primeiro que levantou a veda, o 3 de xullo pasado; seguíronlle Público, El Confidencial, 20Minutos, La Vanguardia, El Mundo, ABC, Libertad Digital, La Voz de Galicia, El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra, GCiencia, Elnacional.cat, Vozpópuli, Telecinco, Antena 3, LaSexta, Cadena Ser…

Titulares de distintos medios sobre a presunta 'moda' en Instagram de publicar imaxes bañándose no lago do Monte Neme.
Titulares de distintos medios sobre a presunta 'moda' en Instagram de publicar imaxes bañándose no lago do Monte Neme.

Estes días puidemos ler titulares extremadamente sensacionalistas e alarmistas que comparan este enclave coa catástrofe nuclear de Chernóbil ou nos que se fala de "decenas" de enfermos sen confirmar e mesmo se prognostican posibles mortes: “El Chernóbil gallego: Monte Neme se llena de imprudentes instagramers” (El Español), “ALERTA: El lago que triunfa en Instagram y que puede ser mortal para los bañistas” (Elnacional.cat), "El lago tóxico del Monte Neme en Galicia hace enfermar a decenas de 'instagramers'" (Libertad Digital) ou “Los ‘instagramers’ están enfermando por bañarse en las aguas turquesas del monte Neme, el Chernóbil gallego” (Público). Todo moi esaxerado para cazar lectores, aproveitando o éxito actual da serie televisiva ‘Chernobyl’ (só polas dimensións e características daquela catástrofe, ningún accidente no Monte Neme sería equiparable a aquel).

Ningún medio falou cos supostos enfermos porque non saben quen son, nin aportaron probas como partes médicos 

Na comarca, estes ocasionais baños no lago non eran algo estraño para algúns. Desde a Asociación Petón do Lobo –unha das máis combativas na zona sobre os efectos nocivos desa mina abandonada–, recoñecen a GC que teñen constancia de que “no pasado xa algúns mozos se bañaban aí” e “nunca necesitaron atención médica”. “Viña algún cos ollos vermellos e inchados, pero non podemos asegurar se era porque aquilo está contaminado ou porque pasaban tempo de máis na auga”, apunta Ana Varela, secretaria desta asociación, que pide que “se rexenere a contorna” e “deixarse de gaiteiradas do «laguiño bonito»”.

Ninguén verificou nada sobre supostos casos recentes agora publicados na prensa, ninguén coñece os supostos enfermos nin partes médicos, ninguén semella saber nada da fonte primaria, da orixe da foto que desatou a polémica ou de cantos casos de enfermos habería, e ninguén falou cos presuntos afectados, porque nin sequera os que escribiron sobre eles saben quen son. De feito, desde a Consellería de Sanidade aseguraron a este xornal que non lles consta que ninguén fose ingresado ou atendido en hospitais galegos por estas razóns, como se afirmou nalgúns medios.

A alarma (sensacionalista) baséase nun comentario dunha usuaria de Twitter e unha foto sen verificar, nada máis. Nin sequera sabemos se pode ou non ser unha montaxe; mais aínda asumindo que fose real, unha única foto dunha soa persoa metida de medio corpo na lagoa tóxica non é transfigurable nun problema de saúde pública nin xustifica a alarma social fabricada.

Xustifican esta alarma social só tres imaxes?, permite isto falar de “moda” entre os instagramers?

SÓ TRES IMAXES ENTRE MILLEIROS E NINGUN TESTEMUÑO CONTRASTADO

Galicia Confidencial explorou o arquivo completo de imaxes en Instagram etiquetadas como #Monteneme e as xeolocalizadas neste punto da Costa da Morte. Entre milleiros de imaxes (só coa devandita etiqueta hai 2.041 publicadas nesta rede social), tan só atopamos tres nas que se poden ver xente na auga. Xustifican esta alarma social só tres imaxes –aínda que fosen cinco, oito ou dez–, entre milleiros de fotografías e de visitas ao lugar?, permite isto falar de “moda” entre os instagramers? Non. É algo anecdótico, un feito illado –unha falcatruada dun par de persoas–, transfigurado en tendencia colectiva e disfrazado de noticiable.

Se a isto engadimos que todo partiu dun comentario dunha usuaria de Twitter non contrastado, que ten o acceso á súa conta bloqueado cun cadeado (contidos privados), e que non se identificou a fonte orixinal da foto en ningún medio, non se entende que disto se crease unha alarma social. O único comentario desta usuaria, cando menos que transcendese nos medios, foi: “Galicians of late capitalism bañándose nunha antigua mina de wolframio”, acompañado da imaxe non atribuída. Suficiente para fabricar unha historia viral (o xornalismo minguado ao máximo).

A partir de aí, varios medios lanzáronse a polos clics en Internet, revestindo ese chío e a historia de explicacións vagas, xeralizando un par de casos sen contrastar nada, sen identificar ningunha fonte (a fonte, din, é Instagram, coma se fose alguén), con declaracións anónimas, sen atribución, tales como: “Estuvimos con vómitos y ronchones en la piel… incluso ella fue al médico, estuvimos dos semanas muy fastidiados, pero luego se fue por completo”. E moitas imaxes, si, pero todas de xente arredor do lago, mais non bañándose, agás a compartida pola usuaria de Twitter –que nin sequera semella que sexa súa, a teor do seu comentario e a captura de imaxe– e un par máis das que daremos conta un chisco máis adiante.

Tampouco ninguén falou con ningún presunto afectado pola contaminación, nin con médicos ou centros hospitalarios que os atendesen; ninguén aportou diagnósticos ou partes médicos nin imaxes que mostren os supostos terribles efectos que, aseguran, tantos instagramers estarían a padecer (nalgúns medios fálase mesmo de “hospitalizados”, sen indicar quen nin cando nin onde nin cantos, sen contrastar nada, esquecendo responder preguntas básicas que todo xornalista debe resolver).

Das únicas tres imaxes en Instagram de xente bañándose, unha foi tomada por un usuario a posteriori, para aproveitar o balbordo xerado polos medios

Como diciamos, entre milleiros de imaxes GC só puido atopar tres nas que se ve xente metida na auga do lago do Monte Neme. A primeira é a xa comentada, dunha muller de costas metida na auga até medio corpo, publicada pola usuaria de Twitter @uxiaabc o 5 de xuño pasado como captura de pantalla de Instagram, e que foi a que causou o balbordo; unha fotografía da que non parece haber pegadas máis aló do que publicaron máis tarde algúns medios (foi borrada de Instagram) e cuxa procedencia non se coñece (ningún medio identifica o autor da fotografía). Facendo unha procura inversa desa fotografía en Google, non se atopan referencias ou fontes previas desa imaxe fóra da polémica xerada por algúns medios estes días.

Existe en Instagram un vídeo previo duns mozos de visita ao Monte Neme, publicado polo usuario diegomorono o 1 de abril pasado, no que se ve só a un deles somerxéndose nestas augas. Non houbo balbordo mediático nin notificacións de doenzas, pero si críticas doutros usuarios de Instagram, aínda que todas, agás unha, publicadas tres meses despois, tras saír nos medios o suposto caso dos instagramers enfermos, con comentarios como: “Y el agua contaminada que tal?”, “Todo por unos likes, incluso un cáncer de piel, inteligencia en estado puro”, “Báñate, báñate, que vas a salir con 3 brazos de ese embalse de residuos de wolframio...”.

 

 

 

 

Ver esta publicación en Instagram

 

 

 

 

 

 

 

 

A terceira imaxe localizada por GC é posterior á polémica xerada, froito do que podemos considerar unha variante mimética do ‘efecto Werther’ (termo designado polo sociólogo David Phillips en 1974 para definir o efecto imitativo da conducta suicida, tomando como paradigma a novela ‘The sorrow of Young Werther’ –‘As mágoas do mozo Werther’–, do célebre escritor alemán Johan W. Von Goethe, publicada en 1774), buscando atraer atención aproveitando o rebumbio. Corresponde ao usuario izzyandtai, quen presume de bañarse nas augas tóxicas logo de facerse ‘viral’ o asunto. Acompañando unha imaxe na que se lle ve chimpando á auga de cabeza, escribiu: “Bañito mañanero en el Monte Neme. Disfrutón. Me la pelan las bacterias. He visto los memes y me descojono de vosotros, putos frikis. Me voy a bañar todos los putos dias del verano para demostraros que ni wolframio ni radioactivo ni nada, un bulo de 4 galegos raritos”. A foto e o comentario foron publicados o sábado 13 de xullo.

Algúns medios equiparan o Monte Neme coa hecatombe nuclear de Chernóbil ou prognostican posibles mortes en base a nada

Con só isto, varios medios conseguiron montar unha historia alarmista e sensacionalista e atraer a atención de milleiros de persoas e clics para alimentar o seu negocio publicitario. Cando menos de momento, e até que non haxa probas verificables –se as hai–, non ten pinta de que sexa verdade esa presunta “moda” e ‘epidemia’ entre instagramers, mais si unha esaxeración e impudicia xornalística, como foi por exemplo equiparar o Monte Neme coa hecatombe nuclear de Chernóbil ou prognosticar posibles mortes en base a nada . Quen dá máis?

Para activar unha alarma sanitaria deste tipo é necesario algo máis que un par de comentarios e imaxes de instagramers, comezando polo básico: os partes médicos, probas visuais das doenzas e a identificación das fontes. Sen probas non hai caso.

Outro conto é a evidencia de que o lago do Monte Neme é unha balsa de tóxicos, algo que ninguén cuestiona, por suposto, pero non é certo que estea “de moda” bañarse neste tanque de contaminantes nin que haxa unha onda de casos de persoas que enfermasen e atendidas por meterse nestas augas.

O PERIGO DAS REDES

Converter calquera foto, vídeo e/ou comentario nas redes sociais, de calquera persoa, nunha nova de interese xeral é unha moda entre xornalistas que erosiona a esencia desta profesión. O particular e privado disfrázase de xeral e público; as anécdotas, de acontecementos; o irrelevante, de extraordinario; o insólito, de moda; a opinión individual, de opinión pública; as imaxes da vida privada de suxeitos anódinos, de fenómenos de masas…

O absurdo é tal, que case non hai día que os medios de (presuntamente) información non publiquen as “curiosidades” das redes sociais e dos autoproclamados influencers, banalizando o xornalismo e convertendo a prensa en revistas de entretemento, case humorísticas. E o peor de todo, a présa por publicar rápido e moito, a adicción ao clickbait e o copia e pega como rutina na prensa, condenan os medios a caer unha e outra vez no sensacionalismo e na trampa dos boatos, das mentiras, do inexacto, das agora tan de moda fake news.

ALGÚNS ERROS

O Centro Criptolóxico Nacional elaborou un ‘Decálogo de seguridade fronte ás campañas de desinformación’. Son varios os puntos que, paradoxalmente, os propios xornalistas que publicaron esta alarma sanitaria incumpriron, a saber:

“Analiza a fonte das noticias que recibes e consumes: diariamente, recíbense nos nosos dispositivos móbiles decenas de impactos comunicativos con noticias que nos sorprenden, indígnannos ou nos emocionan. En ocasións, estas noticias proveñen de plataformas dixitais ‘non tradicionais’ con escasa transparencia. É importante coñecer que medio publica unha noticia, cal é a súa traxectoria, e que xornalistas, empresas ou países se atopan detrás da publicación. Neste sentido convén que existan ligazóns que redirixan a información ás súas fontes orixinais ou a outros textos que validan os datos”.

Dubida dos pantallazos ou screenshots que recibas por redes sociais: cando recibas algunha noticia en formato de imaxe, é recomendable mostrar sempre unha dose de prudencia e escepticismo. Existen multitude de software e programas informáticos, de moi fácil uso, que permiten retocar ou modificar imaxes con falsos titulares de medios de comunicación tradicionais ou de contas e perfís en redes sociais de persoas reais. Do mesmo xeito, é moi común sacar imaxes fóra de contexto,  disociando a toma real co titular, e dando  verosimilitude a unha historia falsa. Se dubidas da realidade dalgúns destas mensaxes, é recomendable acudir sempre á fonte orixinal coas súas ligazóns na internet ou facer o que se denomina ‘procura inversa’ para saber se unha foto xa foi publicada antes na internet. Tamén é posible comprobar se unha imaxe é orixinal ou foi copiada a través da información EXIF”.

“Le a letra pequena: as accións de desinformación máis exitosas son aquelas que se sustentan en medias verdades. As noticias falsas son relativamente fáciles de detectar e desmontar. Con todo, en moitas ocasións, os promotores da desinformación utilizan fotos e datos verdadeiros que, presentados de maneira suxestiva nun titular e acompañados dunha fotografía, poden ser interpretados de maneira errónea. Cando te informes en formatos dixitais, non te quedes só coa sensación que pode xerar un titular e unha fotografía. Le a noticia completa e analiza se os datos están contrastados e se as citas e opinións recollen pluralidade de opinións”.

Dito todo isto, agora é o lector o que debe sacar as súas propias conclusións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta